Durante o mes de novembro, as bibliotecas públicas e escolares animan a ler e vivir a ciencia en galego. Con tal motivo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria puxo en funcionamento un programa actividades de divulgación científica e recursos on-line sobre a lingua galega e a ciencia que podes consultar nas ligazóns a pé de páxina.
Asemade, con motivo da celebración do Mes da Ciencia, o coñecido científico e divulgador galego Jorge Mira redactou un texto a xeito de manifesto que reproducimos deseguido:
Para un humano primitivo, un cadro de Picasso só sería un trapo, untado con graxas de cores, e un libro de Rosalía de Castro, un montón de papeis con manchas negras. Para nós iso xa non é así, por mor da educación que recibimos, que nos fai posible percibir beleza nesas obras.O universo tamén posúe, nas leis que o gobernan, unha beleza extraordinaria. Pero non é doado percibila: vai agromando ao longo da historia, grazas ao traballo de brillantes heroes e, ademais, está agochada para aquela persoa non formada cientificamente.O descubrimento desa beleza foi un feito clave na vida das persoas que máis tarde decidiron traballar na ciencia. Marabilláronse con ela e comprenderon que tanto descubrila como crear con base nela son o meirande reto intelectual e unha fonte de pracer diferente.Afortunadamente, con ese proceso de descubrimento e creación melloraron as nosas condicións de vida. Un dos signos máis evidentes do avance humano é o seu progreso científico e tecnolóxico.Cando un neno pequeno descobre algo que lle encanta, enseguida corre a dicirlles aos seus pais: “Mirade isto!”. Ese mesmo instinto é o que lanza a moitos científicos a divulgaren o seu coñecemento, a intentar que os que os rodean vexan o mesmo que eles ven. Ocorre, porén, que ás veces transmitir ese coñecemento non é trivial. Cómpre, polo tanto, un esforzo de axeitada tradución da ciencia para poderllo contar á maior cantidade de persoas.Nese proceso, a lingua, como soporte das ideas, xogará un papel fundamental. O galego, tanto pola riqueza que lle dá o seu milenio de historia, como pola súa condición de porta aberta a centos de millóns de persoas da lusofonía, é vehículo esencial para transportar masivamente a ciencia e o labor dos moitos científicos de excelencia que temos en Galicia.Prezadas bibliotecas públicas e bibliotecas escolares de Galicia: grazas por vos converterdes nas prazas públicas nas que isto se fará posible ao longo do mes de novembro.
Texto do científico Jorge Mira Pérez,
Catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela
- Recompilación de recursos sobre a lingua galega e a ciencia realizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Pódese consultar na seguinte ligazón
- Recursos para a ciencia en galego: repositorio de materiais para a ciencia en galego, iniciado en 2014 e que se actualiza periodicamente. Ligazón
- Folleto publicado pola Consellería co programa de actividades
- Texto do científico Jorge Mira Pérez con motivo da celebración do Mes da Ciencia
0 comentarios :
Publicar un comentario