xoves, 21 de maio de 2015

Elefante Elegante presenta "Lobo Bobo" na Feira do Libro-Maio Cultural de Brión

Que acontecería se o lobo do conto de Carapuchiña se fixese vexetariano? Que pasaría se a Madrasta de Branca de Neve se convertera nun dos Tres Porquiños por mirarse tanto no espello máxico? A resposta a estas cuestións descubrírona os nenos e nenas de Educación Primaria do CEIP de Pedrouzos e das escolas unitarias de Educación Infantil de Bastavales, Os Ánxeles e Luaña que acudiron ao espectáculo “Lobo Bobo” presentado por Elefante Elegante Teatro.

As funcións celebráronse o xoves 21 de maio no espazo multiusos do Centro Social. Os pequechos do CEIP de Pedrouzos acudiron ás 10:15 h. e os meniños de Bastavales, Luaña e Os Ánxeles ás 12 h. Neste espectáculo, incluído na programación da XXV Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2015, Gonçalo Guerreiro mestura os contos de sempre para crear unha nova historia na que conviven o cómico e o poético co teatro xestual e a música.

0 comentarios :

Publicar un comentario