sábado, 25 de abril de 2015

Presentacións literarias a cargo de María López Sández e Mariña Pérez Rei no Día do Libro

O 23 de abril, Día Internacional do Libro é una data que se celebra anualmente coa idea de fomentar a lectura, a edición e os dereitos de autor. Unha efeméride que as bibliotecas celebran dun xeito moi especial, programando actividades de difusión arredor do libro e a lectura. A BPM de Brión en colaboración coa Casa da Cultura conmemoraron o Día do Libro 2015 celebrando dúas presentacións literarias e un espectáculo conta contos, este último dirixido aos máis pequenos da casa.


"O faro escuro" de María López Sández

O xoves 23 de abril, a escritora e profesora María López Sández presentou en Brión a súa última novela: “O faro escuro”. Unha historia de misterio e intriga publicada pola editorial Galaxia onde se narra o misterioso caso da desaparición dunha xornalista que a inspectora Neira deberá resolver. O acto, que contou coa presenza do alcalde de Brión Xosé Luís García, iniciouse ás 20:30 h.; nel participaron a autora do libro e a profesora e critica Dolores Vilavedra.

"Boca de gárgola" de Mariña Pérez Rei


O venres 24, a mesma hora, Mariña Pérez Rei deu a coñecer a súa última publicación, “Boca de
gárgola”. Un libro de poemas que ten en Compostela e na súa milenaria pedra o fío condutor. Unha obra diferente na bibliografía desta galardoada autora, que ven acompañada dunha exposición de foto poemas, con imaxes a cargo do fotógrafo Martín Pérez Fernández. O acto iniciouse cunha introdución do alcalde, Xosé Luís García, que deu paso a intervención da autora. Rematou cunha pequena sorpresa musical na que descubrimos as dotes de Mariña como cantante.

Ámbalas presentacións celebráronse na Sala de Exposicións Municipal, situada na planta baixa da Casa da Cultura de Brión. Un espazo para arte e a cultura que se quedou pequeno ante o numeroso público que asistiu.

0 comentarios :

Publicar un comentario