Iniciamos unha nova xeira do club de lectura lendo “Matarte lentamente”, unha novela do escritor e xornalista galego Diego Ameixeiras. Un libro editado por Xerais en 2013 que mestura a realidade cotiá e próxima guiada a través das tramas da novela negra e de intriga.
O autor articula nela un retrato coral, con distintas liñas argumentais, onde a acción avanza de xeito simultáneo, entrecruzando as diferentes historias. Todo isto, nunha paisaxe urbana familiar e nun tempo próximo cheo de vicisitudes nada alleas á realidade actual.
Citando fontes da propia editorial, “Matarte lentamente” consolida a liña de modernización radical da novela negra que Diego Ameixeiras abriu en novelas anteriores como “Dime algo sucio”, “Historias de Oregón” e “Todo OK”. Dosificación da información, economía expresiva, coidada estrutura de tramas e vidas que van encaixando coma un puzzle son características desta novela impresiónante e inesquecible que presenta con claridade problemas claves do noso tempo.
A reunión para comentar o libro celebrarémola o mércores 28 de outubro. Como de costume, xuntarémonos na biblioteca a partir das 20.30 h. Estades todos/as convidados.
0 comentarios :
Publicar un comentario