Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

Amosando publicacións coa etiqueta Diego Ameixeiras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Diego Ameixeiras. Amosar todas as publicacións

xoves, 14 de febreiro de 2019

"Conduce rápido" de Diego Ameixeiras, vindeira lectura do club

Deixamos atrás a verde campiña inglesa, onde John Mortimer ambientara a súa novela, e situámonos agora nas familiares rúas de Compostela, cidade onde Diego Ameixeiras sitúa a trama e os personaxes de “Conduce rápido” (Xerais, 2014).
Na liña de anteriores obras, o autor profunda no seu particular estilo, baseado na brevidade, a dosificación informativa, as tramas cruzadas e a economía expresiva. Todo para crear un xeito persoal e innovador dentro do xénero de intriga que se escribe no noso país.
Con precisión, Diego Ameixeiras ofrece un relato de vidas precarias que se moven por un familiar decorado urbano na procura dunha oportunidade que mellore a súa existencia. 
Despois de ler a novela, reunirémonos para comentala o mércores 13 de marzo. Como de costume, na biblioteca municipal a partir das 20:00 h.

xoves, 15 de outubro de 2015

"Matarte lentamente" de Diego Ameixeiras, vindeira lectura do club

Iniciamos unha nova xeira do club de lectura lendo “Matarte lentamente”, unha novela do escritor e xornalista galego Diego Ameixeiras. Un libro editado por Xerais en 2013 que mestura a realidade cotiá e próxima guiada a través das tramas da novela negra e de intriga.
O autor articula nela un retrato coral, con distintas liñas argumentais, onde a acción avanza de xeito simultáneo, entrecruzando as diferentes historias. Todo isto, nunha paisaxe urbana familiar e nun tempo próximo cheo de vicisitudes nada alleas á realidade actual.
Citando fontes da propia editorial, “Matarte lentamente” consolida a liña de modernización radical da novela negra que Diego Ameixeiras abriu en novelas anteriores como “Dime algo sucio”, “Historias de Oregón” e “Todo OK”. Dosificación da información, economía expresiva, coidada estrutura de tramas e vidas que van encaixando coma un puzzle son características desta novela impresiónante e inesquecible que presenta con claridade problemas claves do noso tempo.
A reunión para comentar o libro celebrarémola o mércores 28 de outubro. Como de costume, xuntarémonos na biblioteca a partir das 20.30 h. Estades todos/as convidados.