Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

xoves, 26 de outubro de 2017

"Media vida" de Care Santos, vindeira lectura do club

O club de lectura inicia unha nova xeira da man da escritora Care Santos e a súa novela galardoada co Premio Nadal 2017 “Media vida”. Un relato elocuente e vital que sitúa ao lector/a no verán do ano 1950, cando cinco mozas adolescentes internas nun colexio de monxas xogan xuntas por última vez a «Acción ou Verdade» ou, como din, o xogo das pezas.
Dúas delas, as xemelgas Viñó, están a piques de empezar unha nova vida, chea de interrogantes, lonxe de alí. A ocasión é especial e sábeno, pero ningunha espera que esa noite convértase nun punto de inflexión para alguén máis e que sen sequera imaxinalo acabe marcando o seu camiño para sempre.
A través das vidas de cinco amigas ao longo de trinta anos, Care Santos retrata a unha xeración de mulleres que tiveron que construír os seus destinos nun momento en que a hipocrisía daqueles que querían manter as formas a calquera prezo enfrontouse a novas miradas sobre a amizade, o amor e a liberdade.
A barcelonesa Care Santos é xornalista e tamén recoñecida escritora, con numerosas publicacións en diferentes xéneros literarios como a novela, o relato, a poesía e a narrativa infantil e para mozos. Con “Media vida” acadou o recoñecemento do prestixioso Premio Nadal na súa edición de 2017.

martes, 24 de outubro de 2017

Celebramos o Día das Bibliotecas cos "Contos de outono" de Celtia Figueiras


A animadora Celtia Figueiras regresou á Sala Municipal de Exposicións para presentar os “Contos de outono”, outro divertido serán de animación que pecha “As estacións en contos”, unha serie de catro espectáculos con historias sobre cada unha das catro estacións que compoñen o ciclo do ano.
A actividade serviu para conmemorar o Día Internacional das Bibliotecas e estivo dirixida a público infantil de entre 3 e 9 anos de idade. O serán contacontos comezou pasadas as 18 h., e estendeuse durante uns 40 min. No referente á asistencia de público, contabilizouse un total de 30 persoas, entre crianzas e pais/nais.
Esta actividade contou co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. 




 

mércores, 18 de outubro de 2017

Campaña "Estoy en la Biblio" nas redes sociais.

O Observatorio de la Lectura y el Libro, pertencente á Subdirección General del Libro, la Lectura y las Letras Españolas do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, convida a toda a cidadanía a participar nunha campaña nas redes sociais coa que pretende contribuír á celebración do Día da Biblioteca. A iniciativa, que se denomina 'Estoy en la Biblio', pode seguirse no Twitter e Instagram co hashtag #EstoyenlaBiblio.
A campaña estará activa dende o 17 de outubro ata o día 24, Día da Biblioteca. Durante esta semana pódense enviar mensaxes á conta en Twitter ou en Instagram (@observalibro) coa etiqueta #EstoyenlaBiblio indicando o nome e a localidade da biblioteca que aparece na fotografía. Entre todas as fotos remitidas, o Observatorio elixirá as 10 que máis lle gusten e entre elas farase un sorteo do que sairán os 3 gañadores, que levarán un lote de libros cada un.
Tedes todos os detalles da campaña e as bases na seguinte ligazón



 

xoves, 5 de outubro de 2017

Celebramos o Día Internacional das Bibliotecas cos "Contos de outono" de Celtia Figueiras

O 24 de outubro regresa Celtia Figueiras con novas e divertidas historias para dar a benvida ao outono e celebrar o Día Internacional das Bibliotecas. Un serán de animación dirixido a crianzas de entre 3 e 9 anos de idade que a animadora realizará a partires das 18 h. na Sala de Exposicións da Casa da Cultura. A entrada, como sempre, de balde ata completar aforo.
Un lugar acolledor para escoitar as narracións destes “Contos de outono” outra divertida sesión de “As estacións en contos” que pecha a serie de catro espectáculos con historias sobre cada unha das catro estacións que compoñen o ciclo do ano. Unha actividade organizada pola biblioteca co apoio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.