Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

xoves, 20 de decembro de 2018

"La amiga estupenda" de Elena Ferrante, nova lectura do club

Tras ler e comentar “Tu no eres como otras madres” de Angelika Schrobsdorff, afrontamos no club unha nova lectura da man da autora italiana Elena Ferrante. A novela escollida para esta ocasión é unhas das súas obras máis coñecida: “La amiga estupenda”, primeiro volume da popular saga “Dos amigas”, publicada no noso pais pola editorial Lumen.
Con esta obra Ferrante inaugura unha serie que ten como pano de fondo a cidade de Nápoles a mediados do S. XX e coma protagonistas a Nanú e Lila, dúas mulleres novas que están a aprender a gobernar a súa vida nunha contorna onde a astucia, antes que a intelixencia, é o ingrediente de todos os prebes.
Para comentar esta obra de éxito, recentemente adaptada a serie de televisión, reunirémonos o vindeiro 16 de xaneiro na BPM de Brión. Mentres tanto, felices festas e boas lecturas.

luns, 17 de decembro de 2018

Horario de apertura e servizo de préstamo durante o Nadal

A biblioteca pública municipal de Brión vai modificar o seu horario de apertura nestas datas tan sinaladas. Ademais dos días festivos, 25 de decembro e 1 de xaneiro, o centro permanecerá pechado os sábados 22 e 29 de decembro e  o 5 de xaneiro. Tamén os días 24 e 31 de decembro.
Do 26 de decembro e ata o 4 de xaneiro, o horario de apertura será como segue:
     - Mañás, de 10:00 a 13:00 h.
     - Tardes, de 16:00 a 20:00 h.
 Os días 27 e 28 de decembro, non funcionará o servizo de préstamo a domicilio, aínda que si a devolución.

 Moitas grazas e desculpen as molestias.
FELICES FESTAS E VENTUROSO 2019!!

mércores, 28 de novembro de 2018

A Deputación da Coruña convoca o V Concurso de guións contra a violencia de xénero

Encadradas dentro das actividades a prol da igualdade e contra a violencia de xénero, a Deputación da Coruña convocou o V Concurso de guións contra a violencia de xénero.
O obxecto deste certame consiste na elaboración dun guión dunha curtametraxe a través do cal se convide á reflexión, concienciación, sensibilización e prevención da violencia de xénero. Con esta actividade preténdese que a poboación adolescente xere debate, mobilización e fomente a súa creatividade ao tempo que reflexiona sobre a importancia de combater e denunciar a violencia de xénero.
Citando palabras dos organizadores , o principal obxecto do concurso é procurar a participación e fomentar o compromiso da comunidade educativa como piar necesario para guiar e orientar no proceso de creación. Paralelamente o concurso tamén promove o traballo en equipo, así como a aprendizaxe do medio audiovisual.

Quen pode participar?

Mozas e mozos con idades comprendidas entre os 12 e 18 anos que cursen Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional ou outro tipo de estudos análogos, de calquera nacionalidade, que se presenten individualmente ou preferentemente en grupo (máximo 6 integrantes), supervisados e baixo a titoría de persoal docente do centro público de estudos ao que se adscribe, pertencentes á provincia da Coruña, e apoiados pola Dirección do centro.
Cada participante poderá presentar un único guión orixinal e inédito, non premiado con anterioridade. Non poderán participar as persoas gañadoras en edicións anteriores.
Premiarase ao mellor guión, no que se combinen aptitudes artísticas e creativas do alumnado na creación dun guión imaxinativo, con impacto social e potencialidade audiovisual, orixinal e non publicado que en tan só uns minutos pretenda concienciar a poboación, en xeral, dos motivos polos que debemos xuntar os nosos esforzos para combater a violencia de xénero e erradicar esta lacra social. Terase en conta a viabilidade da posterior produción audiovisual.

Premios

Outorgarase un único premio ao guión gañador que consistirá nun curso práctico de realización de curtametraxes, no que se producirá un audiovisual con base no guión gañador que se adaptará segundo as necesidades e onde as persoas participantes poderán ser partícipes e protagonistas en todo o proceso.
Así mesmo, outorgarase un premio en metálico de 4.000 euros ao centro educativo que supervise ao guión gañador.
Poden consultar as bases da convocatoria para o ano 2018 na seguinte ligazón:

Prazo de presentación de instancias ata: 26 decembro de 2018.

Os traballos entregaranse en formato dixital e papel seguindo as indicacións das bases do enlace:

xoves, 22 de novembro de 2018

"Tú no eres como otras madres" de Angelika Schrobsdorff , vindeira lectura do club

Despois de ler e comentar os relatos que conforman “Sapos e sereas”, o primeiro libro de Ana Cabaleiro publicado en 2017 pola editorial Galaxia, continuamos cunha nova lectura.
Nesta ocasión a autora escollida é a escritora alemá Angelika Schrobsdorff que en 1992 presentou a novela “Tú no eres como otras madres”. Unha intensa narración que reconstrúe a vida real e inconformista de súa nai, unha muller berlinesa nada no berce dunha familia burguesa de orixe xudía, liberada dos prexuízos da súa época e da súa clase social. A obra somérxenos por completo nunha vida extraordinaria que nos fai participes dunha época concreta e convulsa da historia recente de Europa.
Unha obra de grande éxito en Alemaña, traducida a varios idiomas, que propoñemos como próxima lectura do club. Para comentala reunirémonos na biblioteca o vindeiro mércores 12 de decembro.

mércores, 7 de novembro de 2018

Iniciamos nova temporada do Club de lectura

Iniciamos nova xeira no club de lectura da man da escritora galega Ana Cabaleiro, unha autora recentemente galardoada co Premio García Barros concedido polo Concello de A Estrada. A escritora publicou en 2017 “Sapos e sereas” (Galaxia) o libro escollido para iniciar as lecturas da nova temporada do club.
“Sapos e sereas” constitúe a estrea literaria de Ana Cabaleiro, xornalista de profesión e escritora novel. Neste libro de relatos, a autora dálle a volta a moitas historias que pensabamos que só podían ser narradas dun xeito, pero que grazas a súa ollada, debemos de cuestionar. A narradora tenta (xa veremos se o consigue) darlle a volta a moitos mitos e tópicos sobre as mulleres, recollidos na narrativa oral, popular e mitolóxica tradicionalmente patriarcal.
Tras a súa lectura realizaremos a posta en común da obra o vindeiro día 21 de novembro. Como de costume a xuntanza será na biblioteca pública municipal de Brión.

mércores, 24 de outubro de 2018

O Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas convocan o premio de creación teatral "Laudamuco"

O Concello de Brión, en colaboración coa Academia Galega de Teatro e con Edicións Positivas, veñen de convocar a primeira edición do Premio “Laudamuco” para textos teatrais. Un galardón de carácter anual, dotado con 7.000 euros e coa publicación da obra premiada, que estará aberto a autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten unha obra dramática inédita, nunca antes premiada e escrita en lingua galega antes do 15 de febreiro de 2019. 
O premio foi presentado o martes 24 de outubro no Consello da Cultura Galega por José Luís García, alcalde de Brión; Inma Antonio Souto, presidenta da Academia Galega de Teatro; Francisco Macías, fundador de Edicións Positivas; e Dolores Vilavedra, secretaria do Consello da Cultura Galega.
O galardón toma o nome da obra Laudamuco, señor de ningures, a peza coa que o teatro galego iniciou a súa singradura profesional o 16 de maio de 1978 da man da compañía Antroido, dirixida por Roberto Vidal Bolaño. Unha iniciativa determinante para o conxunto do sistema teatral galego e sen a que non se podería explicar a súa historia posterior.
Máis información e bases en Infobrion.com

martes, 23 de outubro de 2018

Celebramos o aniversario da biblioteca con Luís Vallecillo e Celtia Figueiras

En Brión adiantamos un día a conmemoración do 24 de outubro, Día da Biblioteca, cun divertido serán de animación a cargo de Luís Vallecillo e Celia Figueiras. Un dúo artístico cheo de simpatía que presentou o seu espectáculo “O aniversario da biblioteca”. Unha actividade con música, teatro e danza dirixido a nenos e nenas de tres anos en diante. Contos, cancións, misterios e, por suposto, unha gran torta de aniversario para celebrar que a biblioteca cumpre un ano máis!
E que mellor ocasión para facelo que con motivo do Día da Biblioteca, unha data que cada 24 de outubro dende 1997 pretende facer visible entre a cidadanía a labor das bibliotecas, os seus servizos e recursos. Tamén o seu papel coma punto de encontro de lectores coa cultura, a información e o lecer.
Celtia e Luís reuniron durante aproximadamente unha hora a case 40 persoas, entre crianzas e pais, que participaron nunha celebración moi especial, festiva e participativa que rematou cunha merenda con torta de aniversario incluída.
Unha sesión de animación que deixou un bo sabor de boca entre todos os participantes. Unha actividade que contou co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. 

Album de imaxes:

 




venres, 5 de outubro de 2018

Como axudar a Antón e previr o acoso escolar entre todas e todos

O colectivo Biosbardos presentou en Brión o conta contos “Como axudo a Antón?”. Unha actividade de narración oral inspirado no álbum infantil do mesmo título, realizado por Jorge López Penas, o seu fillo de 13 anos Martín, a educadora social Isabel Ponte e a ilustradora Eva Riero.
Este serán de animación, organizado pola BPM de Brión co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia, celebrouse o venres 5 de outubro ás 18:00 h. Á sesión, dirixida a público infantil de entre 6 e 12 anos de idade, asistiron unhas 40 persoas sumando crianzas e acompañantes adultos.
A actividade presentou ao público a cuestión do acoso escolar cunha narración oral que posteriormente se someteu a debate entre os asistentes co apoio da psicóloga. Os nenos e as nenas participantes puideron cualificar o comportamento dos personaxes do conto cunhas tarxetas vermellas ou verdes para, deste xeito e entre todos e todas, tentar corrixir os feitos que apreciaron incorrectos. 



martes, 2 de outubro de 2018

Celebra o aniversario da biblioteca con Celtia Figueiras e Luís Vallecillo

O martes 23 de outubro en Brión celebraremos “O aniversario da biblioteca”, unha actividade de animación con Celtia Figueiras e Luís Vallecillo para conmemorar con todos os nenos e nenas o Día das Bibliotecas, que se celebra a nivel internacional o 24 de outubro. 
Celtia e Luís presentarán na Sala de Exposicións Municipal un serán con música, teatro e danza dirixido a nenos e nenas de tres anos en diante. Contos, cancións, misterios e, por suposto, unha gran torta de aniversario!
A actividade comezará ás 18:00 h. e prolongarase durante 50 min. Estades todos convidados a celebrar o aniversario da biblioteca. A entrada será de balde ata completar o aforo.
A actividade conta co patrocinio do programa "Ler conta moito" da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Outubro, mes das bibliotecas. Contacontos: Como axudo a Antón?

O 24 de outubro celebramos o Día das bibliotecas. Para conmemorar esta efeméride tan especial a B.P.M. de Brión ten programadas dúas actividades de animación ao longo deste mes ás que estades convidados todos e todas.

 A primeira delas terá lugar o venres 5 de outubro, ás 18:00 h. na Sala Municipal de Exposicións. Trátase dun contacontos para público infantil de 6 a 12 anos de idade que baixo o título “Como axudo a Antón?” presenta ao público a cuestión do acoso escolar e como detectalo e evitalo.

A narración oral está baseada no álbum ilustrado do mesmo título, realizado por Jorge López Penas, o seu fillo de 13 anos Martín, a educadora social Isabel Ponte e a ilustradora Eva Riero.

Un serán de animación, co patrocinio do programa "Ler conta moito" da Rede de Bibliotecas de Galicia, de entrada libre ata completar aforo, ao que estamos convidados todas e todos. Non faltedes!

Únete ao novo Club Camaleón

Este curso iniciamos unha nova xeira do Club Camaleón, unha actividade de animación á lectura da BPM de Brión dirixida a nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade acompañados dun adulto. Un club renovado que presenta novidades importantes no seu desenvolvemento.
A primeira delas vai ser a periodicidade da actividade, que pasa a ser semanal. Dende o día 20 de outubro, e todos os sábados do mes, realizaremos unha sesión do Camaleón que comezará ás 12:00 h. e rematará, aproximadamente, ás 13:15 h. Un serán a cargo dun monitor que pretende achegar de forma lúdica aos máis pequenos o mundo dos libros, potenciando a lectura colectiva e individual e a creatividade das crianzas coa participación en obradoiros artísticos-creativos.
Ademais, este curso contamos cun novo equipo á fronte dos seráns lúdicos, que se desenvolverán, en principio, entre outubro e decembro. A celebración da actividade estará condicionada á formación dun grupo mínimo de 10 participantes. A inscrición e totalmente de balde.
As persoas interesadas en participar xa poden tramitar a inscrición persoalmente na biblioteca, a través do correo electrónico ou chamando ao número de tfno. 981 50 99 69 (luns-venres, de 16 a 22 h.; sábados de 9 a 14 h.)
Anímate a participar no novo Club Camaleón, porque cando les non hai cor!

venres, 21 de setembro de 2018

Cándido Pazó actúa no IES de Brión en apoio ás reivindicacións das familias do alumando do centro

Este sábado, 22 de setembro, o polifacético actor Cándido Pazó actuará no IES de Brión en apoio ás reivindicacións das familias do alumnado deste centro de Secundaria.
Cos seus contos, o recoñecido artista vai por un toque de humor nunha loita a prol de ampliar o cadro de persoal docente do Instituto de Secundaria brionés para garantir unha educación pública de calidade.
O serán lúdico terá lugar a partir das 18:00 h. no mencionado centro e está dirixido a público familiar.

mércores, 19 de setembro de 2018

Romaría de Santa Minia 2018. Horario da biblioteca

Con motivo da celebración da Romaría de Santa Minia, a BPM de Brión adaptará o seu horario de apertura ao público os días 26, 27 e 28 de setembro.
 Unha modificación que se debe á programación de eventos festivos que vai desenvolverse na Carballeira de Santa Minia con motivo desta popular festa. Os días 26, 27 e 28 de setembro, a biblioteca permanecerá pechada.
 Moitas grazas. Desculpen as molestias.

mércores, 5 de setembro de 2018

Os monicreques regresan a Brión co Festival Monecadas

O Festival Monecadas regresa a Brión co obxectivo de facer máis levadeiro o inicio do curso escolar. Algo que lle será doado grazas aos simpáticos monicreques que invadirán a Carballeira de Santa Minia os vindeiros días 21, 22 e 23 de setembro.
O festival, organizado por Titiriteiros da Comarca e o Concello de Brión, contará na súa quinta edición coa participación das compañías Títeres Cachirulo, Viravolta Títeres e Fantoches Baj que presentarán tres funcións e un obradoiro de monicreques dirixidos aos máis pequenos da casa.
A programación iniciarse o venres 21 de setembro ás 18:00 h. cun obradoiro de monifates a cargo de Cachirulo para de seguido, a iso das 19:30 h., coñecer a historia de "O galo Quirico e os seus amigos" narrada polos monicreques de Viravolta Títeres.
O sábado 22 de setembro Títeres Cachirulo presentarán "A cabeza do dragón", unha divertida función que comezará ás 13:00 h. O domingo 23 de setembro, e a mesma hora, pecharán o festival os monicreques de Fantoches Baj que representarán a obra "Tío Miseria"
Todos os espectáculos celebraranse na Carballeira de Santa Minia. A entrada será de balde.

martes, 24 de xullo de 2018

HORARIOS DE VERÁN DA BIBLIOTECA: MES DE SETEMBRO [EDITADO]

No mes de setembro a biblioteca municipal de Brión adapta as horas de apertura á temporada estival.
Dende o luns 3 e ata o venres 28 de setembro, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:

Luns a venres:
Mañás: de 10:00 a 13:00 horas.
Tardes: de 16:00 a 20:00 horas.
Os sábados, a biblioteca permanecerá pechada

A partires do luns 1 de outubro, o centro retomará o horario habitual.

venres, 22 de xuño de 2018

Os monicreques de Kukas dan a benvida ás vacacións escolares estivais

Kukas e os seus monicreques visitaron Brión para presentar o espectáculo "De trebellos, perellos e fedellos". Unha actividade de animación organizada pola biblioteca para celebrar cos nenos e nenas de Brión o inicio das vacacións estivais. 
O serán celebrouse o venres 22 de xuño na Sala Municipal de Exposicións, situada na planta baixa da Casa da Cultura de Brión, un renovado recinto que serve de espazo auxiliar para as actividades organizadas pola biblioteca municipal. Dende as 18:00 h., e durante aproximadamente unha hora, Kukas puxo en escena un recital con varios poemas pertencentes ao libro "De trebellos, perellos e fedellos" do que é autor e ilustrador. Para facelo apoiarase en recursos artísticos como a pintura en directo, obxectos e os seus famosos monifates. 
A actividade, dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade, reuniu aproximadamente 26 persoas, onde máis da metade foron crianzas. Unha asistencia máis que aceptable para unha calorosa tarde de verán de inicio das tan esperadas vacacións escolares estivais. A actividade contou co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.


xoves, 21 de xuño de 2018

"Doña Flor y sus dos maridos" de Jorge Amado, vindeira lectura do club

Chega o verán e coa entrada da estación estival afrontamos no club a última lectura da temporada. Despois de ler ao autor cubano Leonardo Padura, non saímos do continente americano para afrontar a lectura dunha das novelas máis coñecidas do escritor brasileiro Jorge Amado, “Doña Flor y sus dos maridos”.

Unha historia ambientada en Bahía onde vive Dona Flor, directora dunha prestixiosa escola de cociña que enviúva de Vadinho, un rexoubeiro empedernido afeccionado á esmorga e excepcional e insaciable amante.

Cando morre, por mor dos seus excesos, a súa esposa volve casar. Pero Teodoro, o seu segundo marido, é todo o contrario. Trátase dun farmacéutico corentón, ríxido e pudoroso, que leva unha vida impecable. Pero, ao ano desta segunda voda e para susto de dona Flor, o traveso espírito do encantador Vadinho reaparece coa mesma fogosidade sexual de outrora, o que supón unha disxuntiva para a esposa. Asemade, na novela están moi presentes as artes culinarias e o goce para os sentidos que elas supoñen, sempre en estreita relación co erotismo e a mitoloxía local.

Unha lectura que comentaremos o mércores 18 de xullo. Como de costume, ás 20:00 h.

martes, 19 de xuño de 2018

De trebellos, perellos e fedellos con Kukas e os seus monicreques

O venres 22 de xuño, o gran Marcelino de Santiago "Kukas" presentará en Brión o espectáculo "De trebellos, perellos e fedellos". Unha actividade de animación organizada pola biblioteca para celebrar cos nenos e nenas de Brión o inicio das vacacións estivais.

"Kukas" porá en escena na Sala Municipal de Exposicións un recital con varios poemas pertencentes ao libro "De trebellos, perellos e fedellos" do que é autor e ilustrador. Para facelo apoiarase en recursos artísticos como a pintura en directo, obxectos e os seus famosos monifates. 

Unha actividade, duns 60 min. de duración, dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade a que está convidada toda a familia. A entrada será de balde ata completar aforo. Esta actividade conta co patrocinio do programa "Ler conta moito" da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

luns, 18 de xuño de 2018

Horarios de verán da biblioteca municipal: mes de xullo

No mes de xullo a biblioteca municipal de Brión adapta as horas de apertura á temporada estival.
Dende o luns 2 e ata o luns 30, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:

Luns a venres:
Mañás: de 10:00 a 13:00 horas.
Tardes: de 16:00 a 20:00 horas.

Os sábados, a biblioteca permanecerá pechada

Cóntame uns contiños, contos para crianzas contadas por elas mesmas

A semana do 18 ao 22 de xuño supón a recta final do curso escolar e o inicio das tan esperadas vacacións estivais. Para dar a benvida ao tempo de lecer que acompaña ás vacacións de verán, a BPM de Brión convida aos seus usuarios a participar nunha actividade de animación que vai celebrarse o día 19 de xuño no espazo da Sala de Exposicións Municipal. 

Trátase do serán de narración oral “Cóntame uns contiños: Contos para crianzas contadas por elas mesmas”, unha sesión contacontos conformadas por tres historias narradas por nenas de 5º e 6º de Educación Primaria do CEIP de Pedrouzos coordinadas pola profesora Paula Bermúdez. Dous contos sobre temática de coeducación para romper os estereotipos de xénero e unha historia que fala do importante que é o cariño.

Unha actividade para público infantil de 4 a 8 anos de idade, con entrada de balde ata completar o aforo.

sábado, 26 de maio de 2018

A Noite en Branco da Magariños leva a música en vivo á biblioteca municipal

O venres 25 de maio a BPM de Brión acolleu nas súas instalacións o Concerto “Adagio” , un dos cinco recitais que integraron "A Noite en Branco", unha actividade organizada pola ESMU Magariños de Brión incluída na programación do Maio Cultural 2018 do Concello de Brión.
"A Noite en Branco" é unha orixinal proposta que leva a música en directo ata cinco espazos públicos municipais en horario nocturno. Ademais da biblioteca pública, os recitais celebráronse na propia escola de música, onde comezou a actividade arredor das 22:00 h., na sala de exposicións, no salón de plenos da Casa Consistorial e, xa para rematar, no auditorio do Centro Social Polivalente. Como novidade desta quinta edición da Noite en Branco, cabe destacar a “Alborada na Carballeira”, unha ruada con gaita e tamboril que conduciu ao público asistente dende o concerto celebrado na biblioteca ata o seguinte recital na sala de exposicións.
Cinco agrupacións, conformadas por alumnado da escola de música, executaron o seu repertorio na biblioteca, nun concorrido concerto que comezou ás 22:30 h. e prolongouse ata case as 23:00 h. Arredor de 200 asistentes conformaron un auditorio entregado que abarrotou a biblioteca. Un espazo acostumado ao silencio que coa Noite en Branco transformouse nun improvisado auditorio onde tivo cabida un ano máis a música en directo.
Os músicos, alumnos e alumnas da escola de distintas idades, interpretaron un fragmento da coñecida banda sonora da película “La Lista de Shindler”, despois de iniciar o recital cun intro de percusión. De seguido, continuaron coa peza tradicional inglesa “The water is wide”, e “Nimbus 2000” para rematar cun fragmento doutra banda sonora cinematográfica moi coñecida, “El padrino” de Nino Rota.

xoves, 24 de maio de 2018

"La neblina del ayer" de Leonardo Padura, vindeira lectura do club

Despois de ler “Anagnórise”, novela coa que nos achegamos á obra literaria de María Victoria Moreno, escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018, cambiamos de terzo para viaxar ata unha terra de ultramar moi vinculada con Galicia a través da emigración.
Falamos de Cuba, e máis concretamente de La Habana, capital onde naceu Leonardo Padura, escritor, crítico e xornalista autor de varias novelas de éxito. Nesta ocasión, a obra escollida como lectura para o club vai ser “La neblina del ayer”. Un libro publicado no noso país por Tusquets Editores en 2005.
La Habana, verán de 2003.Transcorreron catorce anos dende que o tenente investigador Mario Conde, desencantado, abandonase a policía. Neses anos ocorreron moitos cambios en Cuba, e tamén na vida do protagonista. A súa inclinación pola literatura e a necesidade de gañarse a vida levárono a dedicarse á compra e venda de libros de segunda man. O achado fortuíto dunha valiosa biblioteca colócalle ao bordo dun magnífico negocio, capaz de aliviar as súas penurias materiais. Pero, nun libro desa biblioteca, aparece unha folla de revista na que unha cantante de boleros dos anos cincuenta, Violeta do Río, anuncia o seu retiro no cume da súa carreira. Atraído pola súa beleza, polo misterio do seu retiro e o silencio posterior, Mario Conde inicia unha investigación, sen imaxinar que, ao seguir o rastro de Violeta do Río, espertará un pasado turbulento que, como a fabulosa biblioteca, estivo tapiado durante máis de corenta anos.
Unha historia de intriga que comentaremos na xuntanza do club de lectura programada para o vindeiro 20 de xuño. Como de costume, ás 20:00 h. na B.P.M. de Brión.

venres, 11 de maio de 2018

"Anagnórise" de Mª Victoria Moreno, vindeira lectura do club

O Día das Letras Galegas está dedicado este ano a María Victoria Moreno, pontevedresa de adopción que chegou a Galicia en 1963, con só 22 anos, e axiña asumiu a cidadanía en galego, a lingua que escolleu tanto para as súas obras narrativas infantís e xuvenís como para os seus estudos literarios, o ensaio, a poesía e a didáctica da lingua e da literatura galegas.
Para conmemorar a súa figura e difundir a súa obra o club de lectura propón como vindeira lectura unha das súas novelas máis coñecidas, “Anagnórise”, publicada pola editorial Galaxia en 1988; unha obra da que se fixeron multiples reedicións e que foi traducida a varias linguas.
Nicolau, un rapaz das Rías Baixas que ten problemas na súa casa e decide deixalo todo, emprende unha fuxida cara a Madrid en autostop. Recólleo Xulia, unha escritora da zona, coa que emprende unha conversa decisiva para que o rapaz tome conciencia de seu.
Unha novela que comentaremos o mércores 23 de maio, como de costume, ás 20:00 h

xoves, 3 de maio de 2018

O certame literario "As mulleres da miña vida" amplia prazo de presentación de textos

Como xa informaramos neste blog, o IES de Brión a a ANPA Pedra Viada organizan para conmemorar o Día das Letras Galegas 2018 o 1º Certame Literario Maio en Brión, que nesta edición inaugural toma como referencia o lema "As mulleres da miña vida"

Un concurso dirixido ao alumnado do centro de Secundaria de Brión matriculado no curso 2017/18, onde os interesados e interesadas poderán participar presentando obras orixinais nas modalidades de relato curto, poesía e ensaio; cun máximo de tres traballos por cada unha das modalidades.

Para todas as persoas interesadas en participar, e que aínda non presentaron os seus textos a concurso, hai unha boa nova. Segundo nos informou a organización, ampliase o prazo para facelo ata o vindeiro día 9 de maio. Se queres coñecer as bases que rexen este concurso literario, preme na seguinte ligazón.

Anímate a participar! Anda estás a tempo.

mércores, 2 de maio de 2018

Maio Cultural 2018. Celebrando as Letras Galegas e a Mª Victoria Moreno

O Día das Letras Galegas está dedicado esta ano a María Victoria Moreno, pontevedresa de adopción que chegou a Galicia en 1963 e axiña asumiu a cidadanía en galego, a lingua que escolleu tanto para as súas obras narrativas infantís e xuvenís como para os seus estudos literarios, o ensaio, a poesía e a didáctica da lingua e da literatura galegas.
Para lembrar a esta figura das nosas Letras e recuperar a súa obra, o Concello de Brión, a través da Casa da Cultura e da biblioteca municipal, presenta unha ampla programación lúdico cultural que se desenvolverá ao longo do mes de maio.

  

 

Maio Cultural, programación Letras Galegas Mª Victoria Moreno

O programa de actividades comezou o 30 de abril coa obra de Limiar Teatro, “Anagnórise”, baseada na novela de María Victoria Moreno e dirixida ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato do IES de Brión. Precisamente, son os estudantes dos centros de ensino do municipio os principais destinatarios das actividades, cunha temática que xira arredor do personaxe homenaxeado no Día das Letras Galegas e constituídas fundamentalmente por sesións de teatro, contacontos, conferencias e recitais dramatizados. Sen esquecer, tampouco, outros eventos destacados como a Festa da Letras na Carballeira ou a Noite en Branco da ESMU Magariños.
Como novidade desta 28ª edición do Maio Cultural, debemos destacar a Ruta Rosaliana entre Santiago, Ames, Brión e Padrón e as visitas teatralizadas a cargo de Os Quinquilláns no adro da Igrexa de Bastavales, con Rosalía de Castro como protagonistas. Outro evento a lembrar é a exposición de pintura do artista José María Barreiro, que poderá visitarse na Sala de Exposicións Municipal do 4 de maio ao 8 de xuño.
Un conxunto de actividades que se poden consultar na súa totalidade premendo na seguinte ligazón , onde se atopa dispoñible toda a información sobre os/as destinatarios/as, datas, horarios e lugares de celebración.
Feliz maio cultura, felices Letras Galegas!

xoves, 26 de abril de 2018

GaliciaLe, o teu servizo gratuíto de préstamo de obras en formato dixital

Co gallo da celebración do Día Internacional do Libro, A Secretaría Xeral de Cultura pon en marcha unha campaña de promoción de GaliciaLe, a plataforma de préstamo de obras en formato electrónico da Rede de bibliotecas públicas de Galicia.
GaliciaLe é un servizo das bibliotecas públicas galegas que ofrece aos seus usuarios a posibilidade de tomar en préstamo, de forma gratuíta, obras en formato dixital. Conta con dous catálogos: o “Catálogo galego” e o “Catálogo en castelán Ebiblio-Galicia”, onde o lector pode atopar libros, revistas, audio libros e películas, con diversidade de temas: viaxes, ficción, historia, informática, cociña, biografías etc, para todas as idades que poderán lerse e visionarse en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles, ordenadores persoais, lectores de libros electrónicos e no caso das películas a través dunha televisión intelixente. Trala posta en marcha da campaña, na páxina de axuda do “Catálogo galego” poderedes atopar toda a información sobre as modalidades de lectura e descarga dos libros e o visionado das películas.
Acceder ao servizo é moi doado. So é necesario introducir as credenciais de acceso a GaliciaLe, que son as mesmas das que dispoñen os usuarios para acceder á súa conta persoal do Catálogo Colectivo da Rede de Bibliotecas de Galicia. Para obter máis información ou solucionar calquera dúbida, contacta coa túa biblioteca pública máis próxima, neste caso a B.P.M. de Brión.

martes, 24 de abril de 2018

Gran participación cidadá na campaña "Libros para sermos libres"

O 23 de abril, celebramos en Brión o Día Internacional do Libro. Para conmemora esta data tan especial a BPM de Brión participou na campaña da Deputación da Coruña “Libros para sermos libres”, una iniciativa cultural e de animación á lectura á que se uniron outros 29 concellos da provincia.
Ao longo da xornada repartíronse entre a cidadanía, e de xeito totalmente gratuíto, preto de 300 exemplares, achegados pola Deputación, a propia biblioteca e Casa da Cultura. Os puntos de reparto ficaron, ademais de na biblioteca municipal, no exterior da Casa da Cultura e na entrada da Escola Municipal de Música Magariños.
A campaña pode cualificarse de éxito completo. Ao longo do día, máis de 80 persoas retiraron libros no punto situado na biblioteca municipal. A modo de exemplo, dos 75 libros colocados no punto de solta situado na Escola de Música Municipal, ao remate da xornada, só quedaron dispoñibles 5 exemplares. A oferta bibliográfica estivo composta fundamentalmente por libros de poesía, ensaio, teatro, fotografía, investigación, pintura e banda deseñada, achegados pola Deputación. Pola súa banda, a biblioteca municipal complementou o lote con exemplares de literatura infantil e xuvenil, que foron dos primeiros en esgotarse.
Con esta iniciativa a Deputación da Coruña e o Concello de Brión quixeron celebrar o Día do Libro achegando á lectura a cidadanía dun xeito diferente. Agora só esperamos que os exemplares ceibados enriquezan as bibliotecas e potencien o hábito lector de todos os veciños e veciñas que se interesaron por esta campaña. A todos e todas, moitas grazas pola vosa participación.

Punto de solta na biblioteca

Numerosa veciñanza achegouse aos diferentes puntos de solta ao longo da xornada. Na imaxe: Casa da Cultura
Punto de solta situado na Escola de Música. Ao final do día, apenas quedaron 5 libros dun total de 75 exemplares

sábado, 14 de abril de 2018

"Libros para sermos libres" e celebrar o Día do Libro en Brión

O luns 23 de abril, con motivo da conmemoración do Día Internacional do Libro, a Biblioteca Municipal de Brión será un dos trinta centros da provincia que participará na campaña “Libros para sermos libres”, organizada pola Deputación da Coruña.
Trátase de unha iniciativa de solta de libros onde se repartirán entre a cidadanía, e xeito totalmente gratuíto, máis de 200 exemplares, achegados pola Deputación e a propia biblioteca. Os puntos de reparto establecidos ficarán na contorna da Carballeira de Santa Minia e serán: a biblioteca municipal, a Casa da Cultura e a Escola Municipal de Música Magariños.
En horario de mañá, a actividade desenvolverase de 9:00 a 14:00 h. na biblioteca pública municipal e Casa da Cultura. Pola tarde, de 16:00 a 22:00 h. os puntos de recollida permanecerán activos na biblioteca e na Escola de Música.
Entre os libros cos que a Deputación da Coruña agasallará á poboación dos seus municipios, atópanse fundamentalmente exemplares de poesía, ensaio, teatro, fotografía, investigación, pintura e banda deseñada. Pola súa banda, a biblioteca municipal achegará títulos de literatura infantil e xuvenil para complementar a oferta

venres, 13 de abril de 2018

"La hondonada" de Jhumpa Lahiri, vindeira lectura do club

Despois de ler á Premio Nobel de Literatura Alice Munro, continuamos a nosa xeira literaria coa escritora hindú-americana Jhumpa Lahiri. Nada en Londres de pais bengalís, Jhumpa medrou en Rhode Island (EE.UU.) lugar a onde se trasladou a súa familia dende a capital británica cando a penas contaba con dous anos de idade.
Premio Pulitzer en 2000 polo seu primeiro libro e escritora de éxito, a obra escollida para achegarnos a súa escrita é “La hondonada”, unha novela finalista nos prestixiosos premios Booker e National Book Award. Nela presenta os detallados retratos de emigrantes hindús marcados por un abrupto choque cultural, que os aboca a un inevitable conflito de identidade. Lahiri tece un delicado e complexo tapiz das emocións humanas que fascina pola súa profundidade e carácter universal.
Para comentar “La hondonada”, reunirémonos o mércores 9 de maio na biblioteca municipal, a partires das 20:00 h.

venres, 23 de marzo de 2018

As mulleres da miña vida: I Certame Literario Maio en Brión organizado polo IES de Brión e a ANPA Pedra Viada

O IES de Brión a a ANPA Pedra Viada organizan para conmemorar o Día das Letras Galegas 2018 o 1º Certame Literario Maio en Brión, que nesta edición inaugural toma como referencia o lema "As mulleres da miña vida".
Un concurso dirixido ao alumnado do centro de Secundaria de Brión matriculado no curso 2017/18, onde os interesados e interesadas poderán participar presentando obras orixinais nas modalidades de relato curto, poesía e ensaio; cun máximo de tres traballos por cada unha das modalidades.


BASES:

1. Poderá participar todo o alumnado matriculado no IES de Brión no curso 2017/18 cun máximo de tres traballos, un por cada unha das modalidades. Esta cita está pensada para conmemorar o 17 de Maio, así que a lingua empregada será o galego.


2. Os traballos tomarán como referencia o lema do certame: "As mulleres da miña vida". 

3. MODALIDADE DE RELATO CURTO. Establécense dúas categorías:

- CAT A (1º, 2º e 3º de ESO)
- CAT B (4º de ESO e BACH)

A extensión dos traballos oscilará entre as dúas e as catro páxinas, cun corpo de letra 12 e interliñado 1,5.

4. MODALIDADE POESÍA. Establécense dúas Categorías:

- CAT A (1º, 2º e 3º de ESO)
- CAT B (4º de ESO e BACH)

Os traballos contarán cun mínimo de 20 versos.

5. MODALIDADE DE ENSAIO. Establécense dúas categorías:

- CAT A (1º, 2º e 3º de ESO)
- CAT B (4º de ESO e BACH)

A extensión dos traballos oscilará entre as dúas e as catro páxinas, cun corpo de letra 12 e interliñado 1,5.

6. ENTREGA DOS TRABALLOS. A data límite para participar no certame é o 30 de abril. Os traballos deberán entregarse en conserxería no interior dun sobre, que no exterior indicará só o lema do Certame Literario. Irán asinados unicamente cun pseudónimo xunto á categoría á que pertence. No interior doutro sobre máis pequeno deberá figurar a identidade real da autora ou autor.

7. PREMIOS. O xurado elixirá tres premios por cada categoría, en cada unha das tres modalidades.

1º Premio: 60 €
2º Premio: 40 € 
3º Premio: Lote de material
O fallo do xurado darase a coñecer a véspera do 17 de maio.

"La vida de las mujeres" de Alice Munro, vindeira lectura do club.

Despois de ler “Nosotros en la noche”, novela do escritor norteamericano Kent Haruf, cruzamos a fronteira norte cara á veciña Canadá para descubrir a unha das súas máis recoñecidas autoras, galardoada en 2013 co Premio Nobel de Literatura. Referímonos a Alice Munro, que está considerada unhas das escritoras actuais máis destacadas en lingua inglesa.
Para achegarnos á súa obra escollemos “La vida de las mujeres”, novela que nos presenta a Del Jordan, unha rapariga que vive cos seus pais na vila de Jubilee. Del empeza contando o seu día a día, a súa relación coa familia, os veciños e os amigos, e pronto descubrimos que esa nena sabe observar o mundo e sacar bo proveito do que ve: compadece o apoucamento do pai, admira o arroxo da nai, que deixa a granxa para dedicarse a vender enciclopedias polos arredores, e comprende que tarde ou cedo chega o momento en que hai que elixir entre unha risoña mediocridade –fogar, igrexa, matrimonio, fillos- e outras opcións máis interesantes e arriscadas. Ese descubrimento é tamén o da vocación literaria, unha sorte de chamada, de deber para co mundo.
Esta novela, que a autora escribiu cando tiña corenta anos, é “autobiográfica na forma, que non nos contidos”, como comenta ironicamente a mesma Alice Munro. A través das súas paxinas descubriremos toda a mestría e o modo peculiar de ver a realidade que distinguiu a obra posterior desta gran figura das letras contemporáneas.
Para comentala reunirémonos o mércores 11 de abril. Coma se costume, farémolo na biblioteca municipal ás 20:00 h.

sábado, 17 de marzo de 2018

Horario da biblioteca municipal en Semana Santa

Con motivo da celebración da Semana Santa, a biblioteca municipal modificará lixeiramente o horario de atención ao público. 
Os días 26, 27 e 28 de marzo, a biblioteca abrirá:
- Mañá: de 09:00 a 14:00 h.
- Tardes: de 16:00 a 20:00 h.

Así mesmo, informamos que durante estes non estará operativo o servizo de préstamo a domicilio. Os usuarios si poderán devolver os materiais emprestados.

Como ven sendo habitual, o centro permanecerá pechada o xoves 29, venres 30 e sábado 31 de marzo, datas que se corresponden cos festivos de Semana Santa. A partir do luns, 2 de abril (inclusive), retómase o horario habitual.
Desculpen as molestias e moitas grazas.

sábado, 10 de marzo de 2018

A recoñecida escritora Ursula Heinze presentou en Brion o seu último libro

A recoñecida autora Ursula Heinze de Lorenzo presentou en Brión o seu último libro, “Pon un psiquiatra na túa vida... e xa verás”. No serán literario, que se celebrous o venres 9 de marzo ás 20:30 h., a escritora estivo acompañada polo editor Henrique Alvarellos, o rexedor brionés José Luís García, ademais de por numeroso público.
O lugar escollido para a celebración do evento foi a Sala Municipal de Exposicións, un espazo situado na planta baixa da Casa da Cultura, que unha vez máis prestou ás súas instalacións para unha presentación literaria. A veterana escritora, nada en Alemaña e afincada en Galicia dende finais dos anos sesenta, é unha recoñecida autora de novela, relatos, ensaios, literatura infantil e xuvenil, poesía en galego, e poesía e relatos en lingua alemá. Sen esquecer tampouco a súa vertente como tradutora do alemán ao galego e castelán.
Na novela presentada o venres en Brión, Ursula narra a historia de Sally McMahon, unha muller madura que padece unha fonda depresión. Para saír do pozo, decide buscar a axuda dun especialista. Visita a un mozo psiquiatra, en sesións mensuais, durante dous anos. Nelas, van aboiando os conflitos e problemas máis fondos da súa enfermidade e da súa vida: a vellez, a idea da morte, a sexualidade, a relación cos demais, a desilusión... E tamén o proveito, ou non, das propias citas médicas.
Ursula falou da novela, pero tamén da súa anterior obra, “...e os domingos, un croissant”, ámbalas dúas publicadas por Alvarellos Editora. Uns libros que podes atopar na biblioteca municipal de Brión.

Foto: de esquerda a dereita: Henrique Alvarellos, Ursula Heinze de Lorenzo e José Luís García.

venres, 2 de marzo de 2018

Unha imaxe e mil versos para homenaxear a Rosalía de Castro

Rosalía volveu ser protagonista na biblioteca con motivo da celebración do seu día, o 24 de febreiro, data na que se conmemora o aniversario do seu nacemento.
Dentro da máis ampla campaña municipal de visibilización, lanzada para homenaxear a esta senlleira figura das nosas letras estreitamente vinculada con Brión a través dos seus versos inmortais, a biblioteca municipal presentou o conta contos “Contando con Rosalía” de Marisa Irimia, repartiu material de promoción entre os usuarios que fixeron uso do servizo de préstamo e devolución o sábado 24 de febreiro, e recuperou a exposición “Unha imaxe e mil versos: fotografías e poemas de Rosalía de Castro”.
Esta mostra de creación propia recolle versos seleccionados de “Cantares gallegos” e “Follas novas”, dúas das publicacións máis recoñecidas de Rosalía. Cada poema (ou fragmento) acompáñase dun retrato da poetisa tomado da selección que recolle na súa páxina web a Fundación Casa Museo de Rosalía de Castro. Un proxecto que desexa dar visibilidade á figura e á obra desta gran autora na semana que celebramos o 181 centenario do seu nacemento. Asemade, a mostra pode verse simultaneamente na biblioteca escolar do IES de Brión, froito da colaboración entre ámbolos dous centros.

xoves, 1 de marzo de 2018

"Nosotros en la noche" de Kent Haruf, vindeira lectura do club

Dende a verde e evocadora Irlanda de Edna O’Brien, damos un salto cara á outra beira do océano para situarnos nos Estados Unidos, país onde naceu Alan Kent Haruf, autor da obra que vai converterse na nosa vindeira lectura.
Falamos de “Nosotros en la noche” (Our Souls at Night), editada en España por Literatura Random House, 2016; novela que narra a historia de Louis Waters e Addie Moore, dúas persoas que levan gran parte da súa vida sendo veciños na apracible localidade de Holt, en Colorado. Ambos enviuvaron hai anos e acaban de franquear as portas da vellez, polo que non tiveron máis opción que afacerse a estar sós, sobre todo nas horas máis difíciles, despois do anoitecer. Pero Addie non está disposta a conformarse. Da forma máis natural, decide facer unha inesperada visita ao seu veciño: «Preguntábame se virías pasar as noites comigo. E falar...». Ante tan sorprendente proposta, Louis non pode facer outra cousa que acceder.
Unha historia “concisa, conmovedora, agridoce pero á vez inspiradora, co revelador sentido do humor que só posúen aqueles que chegaron a unha idade na que pouco importa o que poidan dicir os demais.” Unha lectura que comentaremos no Club o mércores 21 de marzo.

xoves, 22 de febreiro de 2018

Brión celebra o Día de Rosalía cun amplo programa de actividades

O Concello de Brión, a través da Casa da Cultura e da biblioteca publica municipal, dispóñense a celebrar con toda a cidadanía o 24 de febreiro, Día de Rosalía. Para tal fin, e co gallo de conmemorar o aniversario do nacemento da autora, ven de programar unha serie de actividades lúdicas e culturais destinadas a homenaxear a esta senlleira figura das nosas letras.
Programa de actividades:

Exposición "Unha imaxe e mil versos"

A biblioteca municipal recuperará de cara ao Día de Rosalía unha pequena exposición de seu, con imaxes e poemas de Rosalía de Castro: "Unha imaxe e mil versos: fotografías e poemas de Rosalía de Castro". Unha mostra que simultaneamente se poderá ver na biblioteca escolar "Roberto Vidal Bolaño" do IES de Brión, froito da colaboración entre ambos centros.

"Contando con Rosalía" en Brión, con Marisa Irimia

Contos e poemas para compartir, cargados da musicalidade da poesía de Rosalía de Castro. Un achegamento á poesía dun xeito lúdico, divertido e saboroso destinado aos nenos/as e rapaces/zas de Brión. Lugar de celebración: Sala municipal de exposicións, Casa da Cultura. Data de celebración: mércores 21 de febreiro. Hora: 18:30 h.

24 de febreiro, Día de Rosalía

O alcalde de Brión, José Luís García, e en representación do noso municipio, participará ás 11:30 h. nun acto institucional no Hostal dos Reis Católicos onde se desenvolverá unha homenaxe poética e musical a Rosalía de Castro no lugar en que foi bautizada hai 181 anos. Nel, o rexedor brionés lerá, xunto con representantes doutras institucións, textos da autora de "Cantares gallegos" e "Follas novas".

Pola tarde, ás 17:00 h., a compañía teatral Os Quinquilláns realizarán no adro da igrexa de Bastavales unha visita guiada e teatralizada con Rosalía e a súa relación con este lugar como referencia. Será de balde e aberta a toda a cidadanía.

  2 de marzo: Homenaxe a Rosalía en colaboración co CEIP de Pedrouzos

O alumnado do centro de Primaria realizará unha pequena ruta dende o alto do Monte Rubial ata San Xiao de Bastavales. Unha visita que rematará cunha visita teatralizada, coa participación da compañía de teatro Os Quinquilláns.

  20 de marzo: Homenaxe a Rosalía co IES de Brión

Pequena ruta similar á anterior. Tamén cunha sesión teatralizada, a cargo de Os Quinquilláns.

  Campaña de fomento da visibilidade da figura de Rosalía entre a cidadanía de Brión

Unha acción destinada a fomentar a visibilidade da figura e obra de Rosalía de Castro entre a veciñanza do municipio. Unha campaña que consiste na colocación dunha lona, cun deseño exclusivo de Xosé Vizoso, no balcón da Casa da Cultura de Brión todos os 24 de febreiro, coincidindo coa celebración do Día de Rosalía.

  Os Quinquilláns Teatro: "Rosalía en Bastavales", visitas teatralizadas

Visitas guiadas e teatralizadas que difundirán entre a veciñanza a vida e a obra da inesquecible Rosalía de Castro, prestando especial atención á relación da poeta con Brión.

A primeira delas será o 24 de febreiro "Día de Rosalía". Comezará ás 17:00 h. e realizarase na contorna da igrexa de San Xiao de Bastavales. As persoas interesadas en participar só deberán acudir ao adro do templo parroquial. A actividade será de balde.

Con posterioridade a esta data, realizaranse novas visitas (ademais das destinadas ao alumnado dos centros educativos) que serán anunciadas no seu momento. Polo de agora, podemos adiantar as seguintes datas previstas: sábados de maio, días 5, 12, 19 e 26; 17 de maio: Día das Letras Galegas.

Ao tratarse dunha actividade ao aire libre, a realización de mesma quedará supeditada ao tempo atmosférico, podendo suspenderse cando as condicións meteorolóxicas non sexan as máis idóneas. Neste caso avisarase á cidadanía a través das plataformas de divulgación axeitadas: páxinas web e app Brión informa.

  Caldo de Gloria

Con motivo da celebración do Día de Rosalía 2018, o Concello de Brión, xunto cos municipios de Ames, Padrón e a Fundación Rosalía de Castro, quere organizar o denominado "Caldo da Gloria", unha actividade na que os diferentes establecementos hostaleiros que así o desexen servirán o caldo que Rosalía de Castro describe no poema "Miña casiña, meu lar" de Follas Novas. Unha receita, tipicamente galega, que sería ofrecida como tapa aos clientes nos locais adheridos á esta actividade. En Brión, os establecementos hostaleiros que participan na campaña son: BTV, Hotel Casa Rosalía, Kratos e O Repouso. Poderá desgustarse toda a fin de semana do 24 de febreiro.

  Ruta Rosaliana (presentada en FITUR)

Para promover entre a cidadanía o relanzamento da nova Ruta Rosaliana presentada na feira FITUR en Madrid, o Concello de Brión procederá en breve co reparto de marca páxinas, chapas, folleto da ruta e unha bolsa conmemorativa.

Presentación en Brión do último libro de Úrsula Heinze

Sally McMahon é unha muller madura que padece unha fonda depresión. Para saír do pozo, decide buscar a axuda dun especialista. Visita a un mozo psiquiatra, en sesións mensuais, durante dous anos. Nelas, van aboiando os conflitos e problemas máis fondos da súa enfermidade e da súa vida: a vellez, a idea da morte, a sexualidade, a relación cos demais, a desilusión... E tamén o proveito, ou non, das propias citas médicas.
Este é o argumento da última novela da recoñecida escritora Ursula Heinze, "Pon un psiquiatra na túa vida... e xa verás", un libro que a autora presentará en Brión o vindeiro venres 9 de marzo ás 20:30 h. na Sala de Exposicións Municipal. Unha cita á que acudirá acompañada por José Luís García, alcalde de Brión, e polo editor Henrique Alvarellos.
Ursula Heinze naceu en Colonia (Alemaña), aínda que reside e escribe desde 1968 en Santiago de Compostela. É unha vetarana e recoñecida autora de numerosas obras: novelas, relatos, ensaios, literatura infantil e xuvenil, poesía en galego, e poesía e relatos en lingua alemá. Traduciu obras de autores alemáns ao galego e tamén ao castelán.

Créditos da imaxe: Úrsula Heinze. Foto: Praza Pública

mércores, 21 de febreiro de 2018

"Contando con Rosalía" de Marisa Iriamia, un contacontos para celebra o Día de Rosalía por anticipado.

A animadora Marisa Irimia presentou en Brión o seu espectáculo “Contando con Rosalía”, un serán conta contos arredor da figura de Rosalía de Castro. Narración oral e versos para compartir, cargados coa musicalidade da poesía rosaliana. Un achegamento lúdico, divertido e saboroso ao xénero lírico que se celebrou na Sala de Exposicións Municipal para conmemorar o Día de Rosalía.
Adiantándose á data de celebración desta efeméride, a biblioteca municipal convidou a todos os nenos e nenas de 3 a 11 anos de idade a participar nesta actividade, que tivo lugar o martes 21 de febreiro. A convocatoria foi un éxito, arredor de 38 persoas participaron neste serán de animación para celebrar a vida e obra dunhas das figuras senlleiras das nosas letras.