O Día das Letras Galegas está dedicado esta ano a María Victoria Moreno, pontevedresa de adopción que chegou a Galicia en 1963 e axiña asumiu a cidadanía en galego, a lingua que escolleu tanto para as súas obras narrativas infantís e xuvenís como para os seus estudos literarios, o ensaio, a poesía e a didáctica da lingua e da literatura galegas.
Para lembrar a esta figura das nosas Letras e recuperar a súa obra, o Concello de Brión, a través da Casa da Cultura e da biblioteca municipal, presenta unha ampla programación lúdico cultural que se desenvolverá ao longo do mes de maio.
Maio Cultural, programación Letras Galegas Mª Victoria Moreno
O programa de actividades comezou o 30 de abril coa obra de Limiar Teatro, “Anagnórise”, baseada na novela de María Victoria Moreno e dirixida ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato do IES de Brión. Precisamente, son os estudantes dos centros de ensino do municipio os principais destinatarios das actividades, cunha temática que xira arredor do personaxe homenaxeado no Día das Letras Galegas e constituídas fundamentalmente por sesións de teatro, contacontos, conferencias e recitais dramatizados. Sen esquecer, tampouco, outros eventos destacados como a Festa da Letras na Carballeira ou a Noite en Branco da ESMU Magariños.
Como novidade desta 28ª edición do Maio Cultural, debemos destacar a Ruta Rosaliana entre Santiago, Ames, Brión e Padrón e as visitas teatralizadas a cargo de Os Quinquilláns no adro da Igrexa de Bastavales, con Rosalía de Castro como protagonistas. Outro evento a lembrar é a exposición de pintura do artista José María Barreiro, que poderá visitarse na Sala de Exposicións Municipal do 4 de maio ao 8 de xuño.
Un conxunto de actividades que se poden consultar na súa totalidade premendo na seguinte ligazón
, onde se atopa dispoñible toda a información sobre os/as destinatarios/as, datas, horarios e lugares de celebración.
Feliz maio cultura, felices Letras Galegas!
0 comentarios :
Publicar un comentario