Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

mércores, 25 de outubro de 2023

"Violeta" de Isabel Allende, primeira lectura da temporada do club

Iniciamos unha nova xeira do Club de lectura da biblioteca municipal. E para comezar esta nova etapa, a obra escollida para ler e por en común é “Violeta” da escritora chilena Isabel Allende.

Unha recoñecida autora que en 2022 publicou esta novela que narra a historia épica e emocionante dunha muller dende 1920, coa “gripe española” ata a pandemia de 2020. Unha vida que será moito máis que a historia dun século.

Para comentar a experiencia lectora, reunirémonos na biblioteca municipal o vindeiro 27 de novembro ás 20: 00 h.

venres, 20 de outubro de 2023

A biblioteca municipal conmemora por adiantado o Día das Bibliotecas cos Contos de Pablísimo

O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas, unha conmemoración que baixo o lema “Tecendo comunidades”, pretende destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na construción de ligazóns fortes dentro das nosas comunidades. Porque as bibliotecas queremos ser centros de conexión e aprendizaxe, onde as historias, as experiencias e os coñecementos son os fíos que unen aos cidadáns.

De xeito anticipado, a biblioteca municipal quixo convidar a toda a cidadanía a participar nun espectáculo de narración oral dirixido especialmente ás crianzas. Os Contos de Pablísimo achegouse a Brión para presentar “O Paroleiro”, un serán de divertidas historias a cargo de Pablo Sánchez que, como todos os seus espectáculos, tomou como base a literatura infantil a través de contos clásicos, contemporáneos, e contos de creación propia.

O contacontos comezou ás 18:00 h. e reuniu na Sala Municipal de Exposicións a 18 persoas, entre crianzas, nais e pais. Un serán de lecer no que o público se amosou moi participativo e entregado cos contos e posta en escena de Pablo.

Este espectáculo, organizado pola biblioteca municipal, contou co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.





luns, 16 de outubro de 2023

Comeza unha nova temporada do club de lectura

Trala pausa estival, regresa á biblioteca municipal o Club de lectura (adultos). Unha actividade de dinamización dirixida a maiores de 16 anos con gañas de ler e compartir experiencias lectoras con outras persoas. 

Funcionamento da actividade

Tras a lectura dunha obra literaria en lingua galega ou castelá (de xeito alternativo), realizaremos unha xuntanza na biblioteca para unha posta en común das nosas experiencias lectoras. Unhas reunións nas que, máis alá da obra literaria, os libros e a lectura serven de fío condutor para a análise e a reflexións sobre diversos temas de actualidade.

Para inscribirte no club de lectoras/es da biblioteca só é necesario que che guste ler (ou que queiras iniciarte neste enriquecedor hábito) e que lle dediques un pouco do teu tempo de lecer ás xuntanzas periódicas que faremos. Diríxete á biblioteca a través do seus correos electrónicos ou chama ao tfno. 981 50 99 69 para participar nesta actividade.

Cartel Club de lectura 23-24

 


 

 

A biblioteca municipal pecha temporalmente por obras de mellora nas instalacións

Dende o 25 de outubro e ata o 9 de novembro
, está previsto que a biblioteca pública municipal permaneza pechada ao público por mor da execución dunha obra de mellora das súas instalacións. Unha intervención que realizará un melloramento da cuberta do edificio, facilitará a accesibilidade ao mesmo e dotará á biblioteca dun baño adaptado que ficará no primeiro andar.

Estas obras, que estaban pendentes da autorización de patrimonio, realizaranse coa maior dilixencia posible, evitando causar o menor prexuízo as persoas usuarias do centro. Por iso, aínda que se interromperán os servizos de sala (lectura, estudo e consulta), tentarase manter o servizo de préstamo e devolución de materiais na medida do posible. Ás persoas  que desexen retirar libros en préstamo, recomendámoslle que previamente contacten coa biblioteca (por teléfono – 981 50 99 69- ou correo electrónico) para reservar os materiais e acordar cita para a súa retirada. O horario de atención ao público será de 10:30 a 13.30 e de 16:30 a 21:00 h. (de luns a venres).

Agradecemos a comprensión da cidadanía e pedimos desculpas a todas as persoas usuarias do servizo polas molestias que poidamos ocasionar. Trátase dunha intervención que non puido programarse antes e que supón unha notable mellora nas instalacións do edificio. Calquera cambio ou novidade en relación a este tema, será informada á veciñanza a través dos medios de comunicación habituais: blog e redes sociais da biblioteca municipal.

Moitas grazas.

xoves, 5 de outubro de 2023

Celebramos o Día da Biblioteca con Os Contos de Pablísimo e "O Paroleiro"

Cada 24 de outubro celebraremos o Día das Bibliotecas. Unha data conmemorativa para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.
Para celebralo, uns días antes, a biblioteca municipal de Brión convídanos a participar nun serán de narración oral dirixido especialmente a crianzas con idades comprendidas entre 4 e 10 anos. Será o venres 20 de outubro cando a Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) acolla Os Contos de Pablísimo que presentará en Brión espectáculo “O Paroleiro”, un personaxe moi amigo de parolar... que gusta de laretar, enredar, falar e de contar historias e contos que leva na memoria, nas maletas, nos petos e nos zapatos.
Un contacontos a cargo de Pablo Sánchez que, como todos os seus espectáculos, toma como base a literatura infantil a través de contos clásicos, contemporáneos, e contos de creación propia. Un serán para non perdelo, que comezará puntual ás 18:00 h. Non te esquezas. O acceso e libre ata completar a capacidade da sala. Podes reservar a túa butaca neste formulario.
Este espectáculo conta co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia. 
 


 

luns, 2 de outubro de 2023

María Antonia Cao presentou en Brión a súa última novela, Vivencias en el puente

O venres 29 de setembro, María Antonia Cao López presentou en Brión o seu último libro, “Vivencias en el puente”, unha novela con elementos autobiográficos recentemente publicada pola editorial Letrame.

Aínda que na actualidade reside en Barcelona , María Antonia naceu e pasou os seus primeiros anos na parroquia de Os Ánxeles, lugar que visita con frecuencia e onde conserva familia e numerosas amizades. Por iso, as súas ligazón afectivas con Brión son estreitas, algo que a motivou para realizar a primeira presentación da súa segunda novela en Brión.

Despois de acadar recoñecemento con “Rosas y espinas”, María Antonia regresa ás librarías con “Vivencias en el puente”, un libro onde as experiencias vitais da autora son inspiradoras dunha obra que continúa a senda iniciada coa súa anterior publicación.

Enmarcado dentro dos Encontros Literarios que organizada regularmente a biblioteca municipal, o acto do venres celebrouse na Sala Municipal de Exposicións. Nel participaron a autora, que estivo acompañada na mesa polo seu marido, José Eduardo Limiñana, e a súa amiga, Vanesa Castro, que exerceu como presentadora. María Antonia tamén contou coa colaboración de Loli Lema Carballo e Isaura Iglesias Ares. O serán literario, enormemente concorrido, tamén contou coa presenza do alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e da concelleira María Rosa Romero.

Ao remate, moitas das persoas asistentes achegáronse ata a escritora cun exemplar do seu libro na man, aproveitando a ocasión para saúdala, felicitala e solicitar unha dedicatoria. Un libro que xa forma parte do catálogo da biblioteca municipal e se atopa a disposición de todas as lectoras e todos os lectores por cortesía de María Antonia.