LEMBRANZA IMPORTANTE
O martes 1 de xullo, a biblioteca municipal
permanecerá pechada en horario de tarde.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

sábado, 27 de abril de 2019

Contos para un mundo mellor con Mamá Cabra

Para conmemorar o Día do Libro a biblioteca municipal organizou un serán de animación á cargo de Gloria Mosquera e Diego Maceiras de Mamá Cabra que presentaron o seu espectáculo “Contos para un mundo mellor”.

Unha actividade de dinamización, dirixida a crianzas de 3 a 8 anos, con música, teatro e danza que se celebrou na Sala Municipal de Exposicións. O serán comezou ás 18:00 h. e reuniu arredor de 60 persoas, entre nais, nenas e nenos, que asistiron de xeito gratuíto.

Gloria e Diego narraron diferentes historias que acompañaron con música e cancións. Nelas trataron temas como o medo, o coidado da natureza, o acoso escolar, o saber dicir non… facendo reflexionar sobre a importancia da empatía, da prudencia, da superación persoal, da cooperación e da responsabilidade como necesarios mecanismos de paz e felicidade.



Libros ceibes por Brión

O martes, 23 de abril, a biblioteca municipal realizou unha actividade de solta de libros (bookcrossing) para conmemorar o Día do Libro, unha efeméride que celebramos a nivel internacional para promocionar a lectura e dar visibilidade e impulsar as publicacións impresas, a edición e os dereitos de autor.

Con dous puntos de solta, situados pola mañá na Carballeira (trasladouse á Sala de Exposicións municipal por mor da choiva) e pola tarde no recibidor da biblioteca, ceibáronse arredor de 200 exemplares que estiveron dispoñibles como agasallo para toda a cidadanía.

Aproximadamente 120 exemplares acabaron cambiando de mans, pasando a integrar a biblioteca das persoas que ao longo da xornada se achegaron as mesas que se dispuxeron para a ocasión.


xoves, 25 de abril de 2019

"Dende o conflito" de María Reimóndez, vindeira lectura do club

Continuamos coas lecturas do club escollendo unha nova obra, nesta ocasión escrita por unha recoñecida autora do país. Falamos de María Reimóndez e “Dende o conflito”, título galardoado en 2014 co Premio Xerais de Novela.

Saínza Combarro, unha xornalista galega que cobre conflitos bélicos para a BBC, vive en carne propia o dilema de optar polo cinismo e a resignación á hora de relatar o que ve cos seus propios ollos ou optar por defender a verdade íntima de quen é testemuña dos feitos máis arrepiantes. A través dela, a novela fala da importancia do exercicio xornalístico nas situacións de conflito, pero sobre todo da importancia de buscar unha posición ética de relación con todas aquelas persoas esquecidas e que fican silentes do outro lado das noticias. Incluso, por paradoxal que semelle, as propias xornalistas.

María Reimóndez é unha escritora lucense que leva a vocación no sangue. Escribe dende os seis anos e publicou o seu primeiro libro, “Moda galega”, en 2002. Na súa mocidade foi gañadora de varios premios, coma o Rúa Nova ou o Minerva.

Para comentar esta lectura reunirémonos o mércores 15 de maio. Como sempre, na biblioteca municipal a partires das 20:00 h.

xoves, 11 de abril de 2019

Do 22 ao 28 de abril, un agasallo por darse de alta na plataforma de préstamo dixital EbiblioDaCoruna.

Se aínda non es usuaria/o do servizo de préstamo dixital da Biblioteca da Deputación da Coruña, anímate e inscríbete axiña. O servizo é de balde e permite o acceso a literatura, manuais de idiomas, xornais e revistas, lecturas infantís, obras de divulgación, etc.

Ademais, para incentivar o seu uso, todas aquelas persoas que tramiten a alta durante a semana do 22 ao 28 de abril no servizo de préstamo dixital EbiblioDaCoruna terán un pequeno agasallo, que consiste nunha pulseira-USB de 4 GB. Nesta promoción, poderán participar todas as usuarias e os usuarios das bibliotecas municipais da provincia da Coruña, así como os/as da Biblioteca da Deputación.

Para solicitar a inscrición no servizo, a persoa que queira facer a alta só ten que cubrir o formulario e remitilo adxunto nun correo electrónico a biblioteca.info@dacoruna.gal. Pódese cubrir e descargar o formulario aquí: http://deputaciondacoruna.tubiblioweb.com/alta-no-prestamo-electronico/
Para máis información e titorías sobre como funciona o servizo de préstamo dixital, aquí: http://deputaciondacoruna.tubiblioweb.com/ebibliodacoruna/
Rematada a participación, remitiremos ás bibliotecas municipais os agasallos co listado de participantes para que estes pasen a recollelos no seu centro de referencia.

mércores, 10 de abril de 2019

Convocado o V Premio Literario Nortear

Ven de convocarse o V Premio Literario Nortear, un certame dirixido aos novos escritores de Galicia e o Norte de Portugal que acadou unha destacada repercusión en edicións anteriores. Trátase dunha das actuacións impulsadas ao abeiro do Programa Nortear, unha iniciativa cultural nada da colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo xunto coa Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal.

No concurso poderán participar persoas nadas e /ou empadroadas na Rexión Norte de Portugal ou na Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos. O prazo para a presentación das obras permanecerá aberto ata o 28 de xuño de 2019 (inclusive). Serán admitidas a concurso todas as obras presentadas, de acordo ao disposto na convocatoria, que teñan data de entrada no seguinte enderezo ata o 28 de xuño de 2019 (inclusive):

Agrupación Europea de cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal
Edificio CETMAR,
Rúa Eduardo Cabello, s/n
36208 BOUZAS – VIGO

Consulta as bases de participación na seguinte ligazón: Bases

martes, 9 de abril de 2019

Horario da biblioteca municipal en Semana Santa

Con motivo da celebración da Semana Santa, a biblioteca municipal modificará lixeiramente o horario de atención ao público. 

Os días 15, 16 e 17 de abril, a biblioteca abrirá:
- Mañá: de 10:00 a 13:00 h.
- Tardes: de 16:00 a 20:00 h.

Así mesmo, informamos que durante estes días non estará operativo o servizo de préstamo a domicilio. Os usuarios si poderán devolver os materiais emprestados.

Como ven sendo habitual, o centro permanecerá pechado o xoves 18, o venres 19 e o sábado 20 de abril, datas que se corresponden cos festivos de Semana Santa. A partir do luns, 22 de abril (inclusive), retómase o horario habitual.

Desculpen as molestias e moitas grazas.

sábado, 6 de abril de 2019

Celebra connosco o Día do Libro 2019

O 23 de abril celebramos a nivel internacional o Día do Libro, unha data para dar visibilidade e impulsar as publicacións impresas, o fomento da lectura, a edición e os dereitos de autor.

Dende a B.P.M. de Brión queremos conmemorar esta destacada efeméride organizando dúas actividades culturais, programadas para os días 23 e 26 de abril. Estamos a falar dunha solta de libros e dun espectáculo musical e de narración oral a cargo de Gloria Mosquera e Diego Maceiras de Mamá Cabra.

Libros libres: ceiba de libros en Brión

O pasado ano, a biblioteca municipal participou na actividade “Libros para sermos libres”, unha iniciativa cultural e de animación á lectura impulsada pola Deputación da Coruña na que participaron outros 29 concellos da provincia.

Tras esta positiva experiencia na que se repartiron entre a cidadanía, e de xeito totalmente gratuíto, preto de 300 exemplares, a biblioteca retoma a idea cunha nova proposta de seu. Baixo a denominación “Libros libres”, esta iniciativa consistirá en agasallar á cidadanía de Brión cun libro que poderán escoller en calquera dos dous puntos de recollida habilitados para a ocasión.

De 10:00 a 13:00 h. será a entrada da Sala Municipal de Exposicións a que acolla un punto de recollida. Pola tarde, de 16:00 a 22:00 h., as usuarias e os usuarios da biblioteca municipal poderán retirar exemplares nun punto que se atopará na entrada do centro.

“Contos para un mundo mellor”

Esa mesma semana, o día 26 de abril, a biblioteca municipal organiza o espectáculo de música e narración oral “Contos para un mundo mellor”, a cargo de Gloria Mosquera e Diego Meceiras do grupo Mama Cabra.

Unha actividade de dinamización, dirixida a crianzas de 3 a 8 anos, con música, teatro e danza que se celebrará na Sala Municipal de Exposicións a partir das 18:00 h., con entrada de balde ata completar aforo.
Diego Maceiras (acordeón) e Gloria Mosquera contarán varias historias con música e cancións, nas que se tratan temas como o medo, o coidado da natureza, o acoso escolar, o saber dicir non… facendo reflexionar sobre a importancia da empatía, da prudencia, da superación persoal, da cooperación e da responsabilidade como necesarios mecanismos de paz e felicidade.

venres, 5 de abril de 2019

II Certame Literario IES de Brión 2019. Prazo de presentación ampliado ata o 24 de abril

Para conmemorar o Día das Letras Galegas, o IES de Brión e a ANPA Pedra Viada organizan por segundo ano o Certame Literario IES de Brión 2019. Un concurso que nesta edición presenta o lema "Avoa, cóntame outra vez", en relación coas historias de avoas e avós reais ou imaxinarios, contadas aos seus netos que nos gustaría ter escoitado algunha vez.

O certame de creación literaria está dirixido ao alumnado do centro de Secundaria de Brión, onde os interesados e interesadas poderán participar presentando obras orixinais nas modalidades de relato curto, poesía e ensaio; cun máximo de tres traballos por cada unha das modalidades. 


1. BASES:
 
Poderá participar todo o alumnado matriculado no IES de Brión no curso 2018/19, cun máximo de tres traballos, un por cada unha das modalidades das que consta o certame. Esta cita está pensada para conmemorar o 17 de Maio, así que a lingua empregada será o galego.

2. MODALIDADE DE RELATO CURTO:

-Establécense dúas categorías:
 
Cat. A (Iº ,2º e 3º de ESO)
Cat. B ( 4º de ESO e BAC)

A extensión dos traballos oscilará entre os dous folios de mínimo e os catro de máximo, en tipo de letra Times New Román, tamaño 12 e entreliñado 1,5.

3. MODALIDADE POESÍA:

-Establécense dúas categorías:

Cat. A (Iº , 2º e 3º da ESO)
Cat. B (4º de ESO e BAC)

Os traballos contarán cun mínimo de 20 versos.

4. MODALIDADE DE ENSAIO:

-Establécense dúas categorías:

Cat. A (1º, 2º e 3º de ESO)
Cat. B (4º de ESO e BAC)

A extensión dos traballos oscilará entre os dous folios de mínimo e os catro máximo, en letra Times New Román tamaño 12 e entreliñado 1,5.

5. ENTREGA DOS TRABALLOS:

A data límite para participar no certame é o 24 de abril [PRAZO AMPLIADO]. Os traballos deberán entregarse en conserxería do Instituto no interior dun sobre, que no seu exterior indicará so o lema do Certame Literario. Irán asinados unicamente cun pseudónimo xunto á categoría á que pertencen, acompañados doutro sobre máis pequeno en cuxo interior figurará a identidade real da autora ou autor do traballo.

6. PREMIOS:
 
O xurado elixirá tres premios por cada categoría, en cada unha das tres modalidades:

1º Premio: 60 €
2º Premio: 40 €
3º Premio: 20 €

O fallo do xurado darase a coñecer no IES de Brión, nas vésperas do 17 de maio.

A organización do Certame Literario IES DE BRIÓN 2019 resérvase a potestade de publicar o contido dos traballos gañadores. O obxectivo de dalos a coñecer é exclusivamente poñer en valor o esforzo creativo dos participantes e animar a que cada vez máis alumnado se sume a esta cita.

luns, 1 de abril de 2019

Boletín de novidades dixitais de marzo da plataforma de préstamo EbiblioDaCoruna

Dende a BPM de Brión queremos difundir entre os nosos usuarios e as nosas usuarias o novo boletín de novidades da plataforma dixital EBIBLIODACORUNA, un documento que atoparedes a pé de páxina e que recolle todos os materiais que recentemente se incorporaron na plataforma de préstamo dixital.

EbiblioDaCoruna é a plataforma gratuíta de préstamo dixital de libros, películas, audio-libros e outros contidos dixitais das máis variadas temáticas, que a Deputación da Coruña pon en servizo para todas as persoas usuarias de calquera biblioteca pública da provincia da Coruña. Se queredes saber máis sobre o seu funcionamento, só tedes que pinchar nesta ligazón.



Boletín marzo de 2019