xoves, 25 de abril de 2019

"Dende o conflito" de María Reimóndez, vindeira lectura do club

Continuamos coas lecturas do club escollendo unha nova obra, nesta ocasión escrita por unha recoñecida autora do país. Falamos de María Reimóndez e “Dende o conflito”, título galardoado en 2014 co Premio Xerais de Novela.

Saínza Combarro, unha xornalista galega que cobre conflitos bélicos para a BBC, vive en carne propia o dilema de optar polo cinismo e a resignación á hora de relatar o que ve cos seus propios ollos ou optar por defender a verdade íntima de quen é testemuña dos feitos máis arrepiantes. A través dela, a novela fala da importancia do exercicio xornalístico nas situacións de conflito, pero sobre todo da importancia de buscar unha posición ética de relación con todas aquelas persoas esquecidas e que fican silentes do outro lado das noticias. Incluso, por paradoxal que semelle, as propias xornalistas.

María Reimóndez é unha escritora lucense que leva a vocación no sangue. Escribe dende os seis anos e publicou o seu primeiro libro, “Moda galega”, en 2002. Na súa mocidade foi gañadora de varios premios, coma o Rúa Nova ou o Minerva.

Para comentar esta lectura reunirémonos o mércores 15 de maio. Como sempre, na biblioteca municipal a partires das 20:00 h.

0 comentarios :

Publicar un comentario