sábado, 6 de abril de 2019

Celebra connosco o Día do Libro 2019

O 23 de abril celebramos a nivel internacional o Día do Libro, unha data para dar visibilidade e impulsar as publicacións impresas, o fomento da lectura, a edición e os dereitos de autor.

Dende a B.P.M. de Brión queremos conmemorar esta destacada efeméride organizando dúas actividades culturais, programadas para os días 23 e 26 de abril. Estamos a falar dunha solta de libros e dun espectáculo musical e de narración oral a cargo de Gloria Mosquera e Diego Maceiras de Mamá Cabra.

Libros libres: ceiba de libros en Brión

O pasado ano, a biblioteca municipal participou na actividade “Libros para sermos libres”, unha iniciativa cultural e de animación á lectura impulsada pola Deputación da Coruña na que participaron outros 29 concellos da provincia.

Tras esta positiva experiencia na que se repartiron entre a cidadanía, e de xeito totalmente gratuíto, preto de 300 exemplares, a biblioteca retoma a idea cunha nova proposta de seu. Baixo a denominación “Libros libres”, esta iniciativa consistirá en agasallar á cidadanía de Brión cun libro que poderán escoller en calquera dos dous puntos de recollida habilitados para a ocasión.

De 10:00 a 13:00 h. será a entrada da Sala Municipal de Exposicións a que acolla un punto de recollida. Pola tarde, de 16:00 a 22:00 h., as usuarias e os usuarios da biblioteca municipal poderán retirar exemplares nun punto que se atopará na entrada do centro.

“Contos para un mundo mellor”

Esa mesma semana, o día 26 de abril, a biblioteca municipal organiza o espectáculo de música e narración oral “Contos para un mundo mellor”, a cargo de Gloria Mosquera e Diego Meceiras do grupo Mama Cabra.

Unha actividade de dinamización, dirixida a crianzas de 3 a 8 anos, con música, teatro e danza que se celebrará na Sala Municipal de Exposicións a partir das 18:00 h., con entrada de balde ata completar aforo.
Diego Maceiras (acordeón) e Gloria Mosquera contarán varias historias con música e cancións, nas que se tratan temas como o medo, o coidado da natureza, o acoso escolar, o saber dicir non… facendo reflexionar sobre a importancia da empatía, da prudencia, da superación persoal, da cooperación e da responsabilidade como necesarios mecanismos de paz e felicidade.

0 comentarios :

Publicar un comentario