LEMBRANZA IMPORTANTE
O martes 1 de xullo, a biblioteca municipal
permanecerá pechada en horario de tarde.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

venres, 18 de marzo de 2022

"A lúa da colleita" de Anxos Sumai, vindeira lectura do club

Despois de ler e comentar “El asedio de Troya” do autor sueco-grego Theodor Kallifatides, retornamos á literatura en lingua galega para achegarnos á obra de Anxos Sumai. Da autora nada en Catoira escollemos a novela “A lúa da colleita”, publicada en 2013 pola editorial Galaxia.
Unha obra galardoada co Premio García Barros no 2013, o Premio da Crítica Española en 2014 e co Premio da AELG á mellor obra narrativa nese mesmo ano. Nesta novela Anxos sitúanos en agosto de 1992, cando unha decisión precipitada, case inconsciente, leva á protagonista da novela a pasar as vacacións nun apartamento nunha praia da ría de Arousa. Necesita descansar pero, ademais do descanso buscado, atoparase con sombras e con estrañas revelacións que a farán dubidar de si mesma. A súa especial percepción do tempo e do espazo, a súa forma de sentir, que ás veces é unha auténtica tormenta de emocións, farán que cuestione se todo o que a rodea -e incluso ela mesma- é realidade ou é pura ficción.
Unha obra que comentaremos na vindeira reunión do club de lectura, o luns 20 de abril.

sábado, 5 de marzo de 2022

5 de marzo, celebramos o Día do Cómic

Dende hai moito tempo o sector da banda deseñada reivindica un maior recoñecemento e visibilidade por parte da sociedade e as institucións públicas, e unha medida esencial para lograr isto é a instauración oficial dun Día do Cómic.

Unha data para reivindicar este xénero que moitos consideran como a novena arte. Por iso que, hoxe celebramos por vez primeira o "Día do Cómic". Dende a biblioteca, aproveitamos para convidarte a descubrir a nosa sección especializada en BD, onde atoparás, entre outros moitos títulos, unha novela gráfica moi recomendable: "Los surcos del azar" de Paco Roca. Unha obra publicada orixinalmente en 2013 por Astiberri, recoñecida con numerosos premios, que reconstrúe a historia da "Nueve", a división do Exército da Francia Libre formada por republicanos españois durante a Segunda Guerra Mundial. Unha historia sobre a Guerra Civil española que nos fará reflexionar sobre a confrontación bélica e as súas terribles consecuencias.

Achégate á biblioteca e redescubre a nosa Comiteca. Nela atoparás unha colección de cómics e novela gráfica organizada por xéneros e temáticas, tanto para crianzas como para adultos. Infórmate no punto de servizo e comeza a ler BD.

venres, 4 de marzo de 2022

8M Día Internacional da Muller

A biblioteca municipal, xunto co resto de departamentos e servizos do Concello de Brión, súmase un ano máis ás celebracións do 8 de marzo, Día Internacional da Muller; unha data para dar visibilidade, reivindicar e defender uns principios e uns valores que desexamos permanezan vixentes durante todo o ano.

“Igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible”, un lema para o 8M deste ano.

Citando as reflexións publicadas por Nacións Unidas, potenciar a igualdade de xénero no contexto da crise climática e reducir o risco de desastres é un dos maiores desafíos mundiais do século XXI. Cada vez é máis evidente que as mulleres son máis vulnerables ao impacto do cambio climático que os homes, xa que constitúen a maioría da poboación pobre do mundo e son máis dependentes dos recursos naturais afectados por esta ameaza ambiental.

Asemade, as mulleres e as nenas son líderes eficaces e poderosas que impulsan o cambio para lograr a mitigación e a adaptación climáticas. Implícanse en iniciativas sostibles en todo o mundo e a súa participación e liderado xeran unha acción polo clima máis eficaz.

Para lograr o desenvolvemento sostible e unha maior igualdade de xénero é esencial seguir explorando as oportunidades, así como as limitacións, para permitir que as mulleres e as nenas teñan voz e participen en igualdade na toma de decisións relacionadas co cambio climático. Sen igualdade de xénero hoxe, o futuro sostible e igualitario seguirá estando fóra do noso alcance.

Programación conmemorativa especial en Brión

Dende o Concello de Brión, presentamos unha programación especial co gallo desta data, con varias actividades e eventos que van celebrarse na semana do 8M: 

  • Martes 8 | Concentración e manifesto: Ás 12:00h. na Praza do Concello. De noite iluminación das fachadas da casa do Concello e de Cultura.
  • Xoves 10 | Talleres de autodefensa con Cristy Tojo : Ás 18:30h. no Centro Social Polivalente.
  • Venres 11 | Proxección "A Poeta Analfabeta" e recital de Luz Fandiño: Ás 20:30h. no Centro Social Polivalente

Para obter máis información ou inscribirse nestas actividades, podemos dirixirnos ao enderezo de correo electrónico, bea@briondixital.org ou contactar co teléfono, 981 50 99 10.

Un contacontos na biblioteca, exposición bibliográfica e “Mulleres de Brión” Vol. 2

Pola súa banda, a biblioteca municipal vai programar o espectáculo “A carteira de Aguasclaras” de Carmen Domech. Unha actividade, destinada a público infantil de 4 a 11 anos de idade que se celebrará o vindeiro 11 de marzo ás 17:30 h. na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura). A entrada será libre ata completar o aforo do local. Só será preciso reservar cadeira enviando unha mensaxe ao enderezo de correo bibliotecadebrion@briondixital.org. (Consignando o nome dun adulto, un número telefónico de contacto e o número de butacas que se precisen) .

O centro tamén vai dar visibilidade nun dos seus expositores, e durante toda a vindeira semana, a unha selección de novidades bibliográficas que forman parte do punto de interese sobre igualdade que ten a biblioteca. Asemade, a través das redes sociais e baixo o lema de “Mulleres de Brión... onte, hoxe, sempre”, partillaremos novas, curiosidades, recomendacións de lectura e imaxes do noso arquivo arredor do 8M Día Internacional da Muller.

Porque dende o Concello de Brión desexamos reivindicar a necesidade de ligar forzas entre todas e todos para que calquera persoa poida ocupar na sociedade o lugar que lle corresponde por dereito propio, que non é outro que aquel que desexen, independentemente do xénero.

martes, 1 de marzo de 2022

Un contacontos de Carmen Domech para celebrar o 8M

Co gallo da celebración do 8M, Día Internacional da Muller, a BPM de Brión convídanos a participar nun serán contacontos a cargo de Carmen Domech que presentará en Brión o seu espectáculo "A carteira de Augasclaras".

Dende a vila de Augasclaras, chega a carteira para repartir o correo ás crianzas de Brión. É unha correspondencia moi especial, que trata de concienciar a nenas e nenos contra a violencia de xénero. E faino con narración oral, monicreques e xogos de imaxes inspirados nos álbums ilustrados “Artur e Clementina” e “Rosa Caramelo” de Adela Turín e “Eu vou contigo” de Raquel Díaz.

 A actividade, destinada a público infantil de 4 a 11 anos de idade, celebrarase o vindeiro 11 de marzo ás 17:30 h. na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura). A entrada será libre ata completar o aforo do local. Só será preciso reservar cadeira enviando unha mensaxe ao enderezo de correo bibliotecadebrion@briondixital.org. (Consignando o nome dun adulto, un número telefónico de contacto e o número de butacas que se precisen) .