Despois de ler e comentar “El asedio de Troya” do autor sueco-grego Theodor Kallifatides, retornamos á literatura en lingua galega para achegarnos á obra de Anxos Sumai. Da autora nada en Catoira escollemos a novela “A lúa da colleita”, publicada en 2013 pola editorial Galaxia.
Unha obra galardoada co Premio García Barros no 2013, o Premio da Crítica Española en 2014 e co Premio da AELG á mellor obra narrativa nese mesmo ano. Nesta novela Anxos sitúanos en agosto de 1992, cando unha decisión precipitada, case inconsciente, leva á protagonista da novela a pasar as vacacións nun apartamento nunha praia da ría de Arousa.
Necesita descansar pero, ademais do descanso buscado, atoparase con sombras e con estrañas revelacións que a farán dubidar de si mesma. A súa especial percepción do tempo e do espazo, a súa forma de sentir, que ás veces é unha auténtica tormenta de emocións, farán que cuestione se todo o que a rodea -e incluso ela mesma- é realidade ou é pura ficción.
Unha obra que comentaremos na vindeira reunión do club de lectura, o luns 20 de abril.