venres, 4 de marzo de 2022

8M Día Internacional da Muller

A biblioteca municipal, xunto co resto de departamentos e servizos do Concello de Brión, súmase un ano máis ás celebracións do 8 de marzo, Día Internacional da Muller; unha data para dar visibilidade, reivindicar e defender uns principios e uns valores que desexamos permanezan vixentes durante todo o ano.

“Igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible”, un lema para o 8M deste ano.

Citando as reflexións publicadas por Nacións Unidas, potenciar a igualdade de xénero no contexto da crise climática e reducir o risco de desastres é un dos maiores desafíos mundiais do século XXI. Cada vez é máis evidente que as mulleres son máis vulnerables ao impacto do cambio climático que os homes, xa que constitúen a maioría da poboación pobre do mundo e son máis dependentes dos recursos naturais afectados por esta ameaza ambiental.

Asemade, as mulleres e as nenas son líderes eficaces e poderosas que impulsan o cambio para lograr a mitigación e a adaptación climáticas. Implícanse en iniciativas sostibles en todo o mundo e a súa participación e liderado xeran unha acción polo clima máis eficaz.

Para lograr o desenvolvemento sostible e unha maior igualdade de xénero é esencial seguir explorando as oportunidades, así como as limitacións, para permitir que as mulleres e as nenas teñan voz e participen en igualdade na toma de decisións relacionadas co cambio climático. Sen igualdade de xénero hoxe, o futuro sostible e igualitario seguirá estando fóra do noso alcance.

Programación conmemorativa especial en Brión

Dende o Concello de Brión, presentamos unha programación especial co gallo desta data, con varias actividades e eventos que van celebrarse na semana do 8M: 

  • Martes 8 | Concentración e manifesto: Ás 12:00h. na Praza do Concello. De noite iluminación das fachadas da casa do Concello e de Cultura.
  • Xoves 10 | Talleres de autodefensa con Cristy Tojo : Ás 18:30h. no Centro Social Polivalente.
  • Venres 11 | Proxección "A Poeta Analfabeta" e recital de Luz Fandiño: Ás 20:30h. no Centro Social Polivalente

Para obter máis información ou inscribirse nestas actividades, podemos dirixirnos ao enderezo de correo electrónico, bea@briondixital.org ou contactar co teléfono, 981 50 99 10.

Un contacontos na biblioteca, exposición bibliográfica e “Mulleres de Brión” Vol. 2

Pola súa banda, a biblioteca municipal vai programar o espectáculo “A carteira de Aguasclaras” de Carmen Domech. Unha actividade, destinada a público infantil de 4 a 11 anos de idade que se celebrará o vindeiro 11 de marzo ás 17:30 h. na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura). A entrada será libre ata completar o aforo do local. Só será preciso reservar cadeira enviando unha mensaxe ao enderezo de correo bibliotecadebrion@briondixital.org. (Consignando o nome dun adulto, un número telefónico de contacto e o número de butacas que se precisen) .

O centro tamén vai dar visibilidade nun dos seus expositores, e durante toda a vindeira semana, a unha selección de novidades bibliográficas que forman parte do punto de interese sobre igualdade que ten a biblioteca. Asemade, a través das redes sociais e baixo o lema de “Mulleres de Brión... onte, hoxe, sempre”, partillaremos novas, curiosidades, recomendacións de lectura e imaxes do noso arquivo arredor do 8M Día Internacional da Muller.

Porque dende o Concello de Brión desexamos reivindicar a necesidade de ligar forzas entre todas e todos para que calquera persoa poida ocupar na sociedade o lugar que lle corresponde por dereito propio, que non é outro que aquel que desexen, independentemente do xénero.