Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

sábado, 17 de decembro de 2022

O Apalpador visita Brión antes do Nadal

Este venres, 16 de decembro, un entrañable personaxe do Nadal galego visitou Brión da man do noso amigo Caxoto. Foi o Apalpador, un carboeiro das montañas orientais de Galicia que, pándego e falangueiro, conversou durante case unha hora coas crianzas brionesas para resolver todas as dúbidas sobre quen é e a que se dedica.

Na actividade participaron arredor de 30 persoas, sumando crianzas e adultos acompañantes. Aproximadamente durante unha hora, o Apalpador, este afable xigantón que apaña castañas e talla xoguetes en anacos de madeira que atopa nos seus paseos polos montes, contou ás crianzas cal é a súa orixe, a que se dedica no seu día a día … e, o que é máis importante, deu consellos a seguir para que cando nos visite deixe unha presada de castañas e algún dos agasallos que el mesmo fai.

O serán de animación, organizado pola biblioteca municipal, enmárcase nas actividades de animación que o centro está realizando con periodicidade. Nesta caso, cunha temática estreitamente ligada coas vindeiras celebracións do Nadal.

martes, 13 de decembro de 2022

Horario de Nadal da biblioteca

Como é costume no Nadal, a biblioteca pública municipal de Brión modifica o seu horario de apertura nestas datas tan sinaladas. A entrada en vigor dos cambios horarios está prevista para o día 26 de decembro e estenderase ata o 7 de xaneiro:

Do 26 ao 29 de decembro, o horario de apertura de luns a venres vai ser:
- Mañás, de 10:00 a 13:00 h.  - Tardes, de 16:00 a 20:00 h.

Do 30 de decembro ao 7 de xaneiro, o horario de apertura de luns a venres será o seguinte:
- Mañás, de 9:00 a 14:00 h. - Tardes, pechada. 

Ademais dos días festivos, 25 de decembro, 1 e 6 de xaneiro, o centro permanecerá pechado os días 24 e 31 de decembro e 5 e 7 de xaneiro.

Moitas grazas pola comprensión e desculpas polas molestias.
Felices festas e venturoso 2023!


luns, 12 de decembro de 2022

Iniciamos con Andrea Camilleri unha nova temporada do Club de lectura

Arranca unha nova temporada do Club de lectura da BPM de Brión, unha actividade de dinamización da lectura dirixida a persoas maiores de 16 anos con gañas de ler e compartir experiencias lectoras.
O título escollido para iniciar esta nova etapa é “El perro de terracota” unha obra dun vello coñecido do club, o escritor italiano Andrea Camilleri. Trátase da segunda novela protagonizada polo comisario Salvo Montalbano, un libro onde as lectoras terán ocasión de coñecer en profundidade a rica personalidade do melancólico investigador siciliano.
Un roubo absurdo nun supermercado, o encarceramento un tanto estrambótico dun capo da mafia, un asasinato cometido durante a Segunda Guerra Mundial. Con todo, a pesar da firme determinación con que Montalbano afronta a resolución destes casos, a súa auténtica paixón é descifrar o contido simbólico que encerran. «Todo crime conleva unha mensaxe, a cuestión é coñecer o código de quen o escriba», lémbralle un excéntrico sacerdote ao comisario. Así, o principal protagonista desta novela -como de todas as que protagoniza Montalbano- é a súa particular forma de concibir o mundo. Os xestos, os detalles, as aparencias cobran un papel relevante, e a linguaxe convértese nun instrumento crave para entender a realidade.
Para comentar esta obra, reunirémonos o luns 9 de xaneiro ás 20:30 h. Como sempre, na biblioteca municipal de Brión. Ata entón felices festas e boas lecturas.