Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

mércores, 26 de outubro de 2022

Lembranza: a biblioteca municipal pecha o 29 e 31 de novembro

Os días 29 e 31 de outubro a biblioteca municipal permanecerá pechada.
Os préstamos a domicilio que venzan coincidindo con estas datas poderán ser devoltos o mércores día 2 de novembro. 

Desculpas polas molestias e moitas grazas pola comprensión.

venres, 21 de outubro de 2022

Contacontos con Charo Pita para conmemorar o Día das Bibliotecas

O luns 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas, unha data para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.

Para conmemorar esta efeméride tan especial, a biblioteca municipal organizou unha actividade de animación para crianzas que contou coa presenza da escritora e narradora Charo Pita que presentou en Brión o contacontos “Andar aos biosbardos”.

A actividade celebrouse o venres 21 de outubro ás 18:00 h. A pesar do tempo desapracíbel, arredor de 20 persoas participaron nun evento que se estendeu durante aproximadamente cincuenta minutos. Un serán lúdico cheo de divertidas historias coma esas que Lebre, Lagarta, Cangrexo, Abella e o Vento Norberto adoitan contar baixo o Freixo Engurrado. Contos que falan da amizade, das dúbidas, dos atrancos, da marabilla que é compartir con quen nos quere.

A sesión contou co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.




A escritora Charo Pita presenta en Brión o libro de relatos "Retratos en Branco e negro"

A escritora e narradora Charo Pita presentou este xoves en Brión o libro de relatos “Retratos en branco e negro”, unha obra publicada pola editorial Galaxia. O serán literario estivo enmarcado dentro da programación especial para celebrar o Día das Bibliotecas, efeméride que conmemoramos o vindeiro luns, 24 de outubro.

Charo, acompañada polo tamén escritor Eduardo Rojas, achegouse á veciñanza de Brión para manter un encontro literario cálido e próximo co público asistente e presentar a súa última publicación. Nela, a recoñecida escritora e narradora abandona momentaneamente a literatura infantil e xuvenil para construír un feixe de relatos (catorce en concreto) destinados á lectura de público adulto, onde o extraordinario se achega ao cotián, a través de fotografías que van fiando palabras. Neles a autora xoga coa realidade, a ficción e a tradición oral nunhas historias de diferente temática protagonizadas por mulleres.

Un libro que dende a biblioteca municipal recomendamos ler. No noso fondo contamos con dous exemplares dispoñibles para préstamo, un deles dedicado pola autora. Moitas grazas, Charo.




sábado, 15 de outubro de 2022

Regresa o club de lectura da biblioteca municipal

Despois do parón estival, regresa á biblioteca municipal o Club de lectura (adultos). Unha actividade de dinamización dirixida a maiores de 16 anos con gañas de ler e compartir experiencias lectoras con outras persoas. 

Funcionamento da actividade

Tras a lectura dunha obra literaria en lingua galega ou castelá, realizaremos unha xuntanza na biblioteca co fin de facer unha posta en común das nosas experiencias lectoras. Unhas reunións nas que, máis alá da obra literaria, os libros e a lectura serven de fío condutor para a análise e a reflexións sobre diversos temas de actualidade.
Para inscribirte no club de lectoras/es da biblioteca só é necesario que che guste ler (ou que queiras iniciarte neste enriquecedor hábito) e que lle dediques un pouco do teu tempo de lecer ás xuntanzas periódicas que faremos. Diríxete á biblioteca a través do seus correos electrónicos ou chama ao tfno. 981 50 99 69 para participar nesta actividade. 

 


mércores, 5 de outubro de 2022

Encontro literario con Charo Pita para conmemorar o Día das Bibliotecas

O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas, unha data para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.

Con tal motivo, a biblioteca municipal organiza un encontro literario coa recoñecida narradora e escritora Charo Pita que presentará en Brión a súa última publicación, “Retratos en branco e negro”. Un libro editado por Galaxia onde as fotografías serven de inspiración aos catorce relatos que aparecen nesta obra. Porque neles, unha imaxe vale máis que mil palabras e unha fotografía serve de inspiración para crear todo un universo de creación literaria.

Como explica a propia Charo no club de lectura de Radio fusión, “É un libro que ten que ver coa fotografía de varias maneiras porque hai relatos nos que se fala da fotografía, hai outro que se chama ‘la fotografía’… Moitos destes relatos, isto non o sabe o lector, parten de fotografías. Eu mirei unha serie de fotografías e a partir de esas fotografías apareceron os relatos. O relato de Leo Pardas é o momento fotográfico total. Están aí tres persoas agardando a que lles saquen unha fotografía nun momento no que a fotografía non estaba tan desenvolta como agora. Non existía ni o selei nin nada polo estilo”.

A presentación celebrarase na Sala Municipal de Exposicións o xoves 20 de outubro ás 20:30 h. Charo estará acompañada na mesa polo escritor mexicano Eduardo Rojas. A este evento literario poderemos asistir libremente ata completar o aforo da sala. Estamos todas e todos convidadas e convidados.


 

martes, 4 de outubro de 2022

Contacontos con Charo Pita: Andar aos biosbardos

Como cada 24 de outubro, un ano máis, celebraremos o Día das Bibliotecas. Unha data conmemorativa para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.

Para celebralo, uns días antes, a biblioteca municipal de Brión convídanos a participar en dúas actividades que terán lugar o 20 e 21 de outubro. Neste caso, presentamos a segunda delas, unha proposta dirixida especialmente a crianzas con idades comprendidas entre 4 e 9 anos.

Trátase dun contacontos a cargo da coñecida escritora e narradora Charo Pita que presenta en Brión “Andar aos biosbardos”. Un serán lúdico cheo de divertidas historias coma esas que Lebre, Lagarta, Cangrexo, Abella e o Vento Norberto adoitan contar baixo o Freixo Engurrado. Contos que falan da amizade, das dúbidas, dos atrancos, da marabilla que é compartir con quen nos quere.

A sesión terá lugar o venres 21 de outubro ás 18:00 h. na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura), con entrada de balde ata completar aforo. Se non queres quedar sen butaca, reserva a túa cubrindo este formulario de inscrición. Participa e celebra connosco un ano máis o 24 de outubro, Día das Bibliotecas.

Esta actividade conta co patrocinio do programa "Ler conta moito" da Rede de Bibliotecas de Galicia.