Dentro das actividades organizadas pola biblioteca e o Departamento de Cultura municipais para conmemorar o 24 de outubro, Día das bibliotecas, o mércores 23 celebrouse en Brión o acto de presentación do libro “Roberto Vidal Bolaño: unha poética teatral xenuinamente galega” escrito polo profesor Manuel Quintáns.
O serán literario foi presidido polo propio autor que estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez e o secretario do Centro Ramón Piñeiro, Armando Requeixo. En representación do goberno local, non faltou José Luís García, alcalde do Concello de Brión.
O acto, ao que asistiu un numeroso público, celebrouse na Sala Municipal de Exposicións. Todas e todos os asistentes foron agasallados cun exemplar da obra do profesor Quintáns, un interesante ensaio dividido en catro partes centrado na vida e obra dun dos máis destacados dramaturgos galegos de todos os tempos, Roberto Vidal Bolaño.
O evento tamén serviu de plataforma de lanzamento para o "II Premio Laudamuco para textos teatrais", un certame literario ao que poderán optar autoras e autores de calquera
nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes
premiada, escrita en lingua galega. Poderán presentar os textos, conforme as bases publicadas na páxina oficial do Concello, ata o día 14 de febreiro de 2020.
Manuel Quintáns foi profesor de Lingua e Literatura e actualmente é colaborador do Centro Ramón Piñeiro. Ensaísta, narrador, investigador e tradutor, Manuel é autor de numerosas monografías e estudos, entre as que se contan os estudos introdutorias de varias obras de Roberto Vidal Bolaño.
0 comentarios :
Publicar un comentario