O venres 13 de maio a recoñecida escritora Úrsula Heinze de Lorenzo achegarase á Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) para presentar en Brión o libro “Flashes”. No encontro literario, que comezará ás 20:30 h., participarán o escritor, editor e investigador Luís Alonso Girgado; Víctor F. Freixanes, presidente da RAG e a profesora Dolores Vilavedra.
“Flashes” é un conxunto de relatos a xeito de instantáneas, onde a autora plasma momentos da súa vida, con interesantes anécdotas que incluso implican a persoeiros moi coñecidos. Unha traxectoria vital que comezou na Alemaña para logo trasladarse a Galicia en 1968, cando a autora fixa a súa residencia na cidade de Compostela.
Ursula Heinze é unha destacada escritora, con numerosas novelas, ensaios e relatos dirixidos tanto a público infantil, xuvenil como adulto. Tamén destaca polas súas composicións poéticas, escritas indistintamente en galego e alemán. Tampouco debemos esquecer o seu labor como tradutora de autores alemáns ao galego e castelán.
0 comentarios :
Publicar un comentario