HORARIO MES DE AGOSTO:
Luns a venres: de 10:00 a 13:00 h.
Sábados, pechamos.

xoves, 3 de xaneiro de 2013

Os monicreques toman a biblioteca

Os integrantes de “Títeres sin cabeza”, grupo aragonés que actuou no XVII Festival de Títeres de Brión, participaron nun divertido “Obradoiro de títeres” que se desenvolveu na biblioteca municipal de Brión o xoves 3 de xaneiro, entre as 11 e as 13 horas.

Os destinatarios da actividade foron nenos e nenas de todas as idades, acompañados os máis cativos por un adulto. A pesar de que a actividade se anunciou con pouca antelación, foi un éxito de participación, pois contou coa asistencia de case 20 rapaces máis os seus pais.

O taller consistiu na elaboración de sinxelos pero vistosos monicreques empregando materiais para desbotar que todos temos ao noso alcance no fogar. Provistos de papel de xornal, fixo, garrafas, tapóns e bolsas de plástico só é necesario botar a imaxinación a voar para crear divertidos monicreques para pasar un divertido intre xogando ao teatro de monicreques; iso si, sempre coa supervisión dun adulto, principalmente os máis pequenos.

Ao rematar o obradoiro os participantes marcharon para a casa con cadanseu boneco feito por eles mesmos. Iso si, cun pouco de axuda dos monitores e seus pais. Agora só queda darlles vida como se dun teatro de marionetas se tratase. E para aprender a facelo, que mellor que asistir estes primeiros días do ano ao XVII Festival de Títeres de Brión que está a celebrarse no Centro Social Polivalente a partir das 17:30 h. Que o espectáculo e o xogo continúe.

0 comentarios :

Publicar un comentario