Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

mércores, 7 de outubro de 2026

Club de lectura: iniciamos unha unha nova xeira

Trala habitual pausa estival, axiña regresan as xuntanzas do Club de lectura da biblioteca municipal. Unha actividade de dinamización dirixida a persoas maiores de 16 anos con gañas de compartir experiencias lectoras.

Funcionamento da actividade

Trala lectura dunha obra literaria en lingua galega ou castelá (de xeito alterno), xuntarémonos na biblioteca para unha posta en común das nosas experiencias lectoras. Unha reunión na que, máis alá da análise da obra literaria, os libros e a lectura serven de fío condutor para reflexións sobre diversos temas de actualidade.

Inscrición na actividade

Para inscribirte no club de lectura só é preciso que che guste ler (ou que queiras iniciarte neste enriquecedor hábito) e que lle dediques un pouco do teu tempo ás xuntanzas periódicas que faremos.

Se precisas máis información ou queres inscribirte na actividade, por favor, diríxete á biblioteca a través do correo electrónico ou chama ao tfno. 981 50 99 69 e sube ao tren da lectura.



martes, 6 de outubro de 2026

Falamos?: un espazo para reflexionar sobre o que importa

Dende hoxe, martes 6 de outubro, a sala principal da biblioteca municipal conta cun novo centro de interese que presenta unha escolma de obras arredor da saúde mental, o suicidio e a súa prevención.

A iniciativa nace ao abeiro de "Falamos?: prevención da conduta suicida no rural", un programa da asociación Andaina Pro Saúde Mental que busca mellorar a detección e a intervención ante situacións de risco de suicidio no ámbito rural. A actividade está promovida pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade e Andaina Pro Saúde Mental, coa colaboración do Concello de Brión.

Dende a biblioteca convidamos a todas as persoas que se acheguen ao centro a descubrir este recurso, que queda dende hoxe fica a disposición da cidadanía. Por suposto, os libros pódense retirar en préstamo co carné da Rede.

 


xoves, 1 de outubro de 2026

Celebramos o Día das Bibliotecas con Frumario o bibliotecario


O vindeiro 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas, este ano baixo o lema “Sen profesionais, non hai bibliotecas”, co desexo de reivindicar o traballo de todas as persoas que fan posible que as bibliotecas sexan moito máis que un conxunto de recursos, andeis e espazos.

As bibliotecas, como institucións democráticas, son un servizo esencial para a cidadanía, que atopa nelas un lugar de encontro, de intercambio de opinións e coñecemento. Pero detrás de cada préstamo, cada consulta, cada actividade, cada recomendación e cada proxecto hai profesionais que traballan para garantir o acceso á cultura, acompañar ás súas comunidades e facer das bibliotecas espazos abertos, inclusivos e accesibles para todos.

Recoñecer e dar visibilidade as persoas que desempeña este labor, que a miúdo permanece invisible, resulta fundamental para comprender o verdadeiro valor das bibliotecas. Porque unha biblioteca non é unicamente aquilo que vemos cando entramos nela: é tamén o traballo das persoas que seleccionan e organizan as súas coleccións, preservan o patrimonio, facilitan o acceso á información, fomentan a lectura, acompañan a aprendizaxe e crean actividades e servizos para responder as necesidades dos seus usuarios.

“Frumario o bibliotecario”, un espectáculo para promover o amor polos libros

Para conmemorar esta data tan especial, a biblioteca municipal de Brión quere convidar á cidadanía a unha actividade de animación que celebraremos o xoves 22 de outubro ás 18:00 h. Manuel Pombal presenta na Sala Municipal de Exposicións de Brión (Casa da Cultura) o espectáculo “Frumario o bibliotecario”.

Frumario é un bibliotecario moi singular e un tanto máxico que guía aos máis pequenos a través do mundo dos libros. Mesturando fantasía, ciencia, poesía e música, Manuel Pombal convida as persoas participantes a xogar a descubrir os "tesouros" e misterios ocultos que gardan as bibliotecas, co obxectivo de promover o amor polos libros, a lectura e o uso do espazo público da biblioteca de xeito lúdico e divertido.

Un espectáculo para toda a familia, especialmente recomendado a crianzas de 6 a 12 anos de idade. A entrada será libre, ata completar a capacidade do local; aínda que, se o desexas, podes reservar a túa localidade neste formulario.

Esta actividade está patrocinada polo programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.

mércores, 30 de setembro de 2026

Falamos? : Centro de interese para previr a conduta suicida

A biblioteca municipal colabora un ano máis co programa “Falamos?: prevención da conduta suicida no rural”. Unha iniciativa de Andaina Pro Saúde Mental dirixida a mellorar a detección e a intervención ante situacións de risco de suicidio no ámbito rural.

Deste xeito, dende o martes 6 de outubro, a biblioteca municipal contará cun centro de interese cunha escolma de obras relacionadas co suicidio, material divulgativo do programa con información e recomendacións sobre prevención.

Convidamos a todas as persoas usuarias a que se acheguen para descubrir este recurso que o centro pon a disposición de toda a cidadanía. Lembra que poderás retirar en préstamo os libros.

Programa promovido pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade e Andaina Pro Saúde Mental, coa colaboración do Concello de Brión.

mércores, 15 de xullo de 2026

Horario de verán: mes de agosto

De novo, en agosto, a biblioteca municipal adapta o seu horario á temporada estival.

A partir do día 27 de xullo e ata o 31 de agosto, o centro permanecerá pechado. A biblioteca reiniciará a súa actividade o día 1 de setembro co mesmo horario do mes de xullo (10:00 - 13:00 h. | 16:00 - 19:00 h.). A partir do día 16 de setembro, recuperaremos o horario habitual.

Desculpen as molestias.
Bo verán e boas vacacións!

luns, 29 de xuño de 2026

Horario de verán: mes de xullo

A biblioteca municipal adapta o seu horario de apertura á temporada estival. A partir do día 1 de xullo, o centro prestará servizos no seguinte horario:

MAÑÁS: 10:00 - 13:00 h.
TARDES: 16:00 - 19:00 h.
De luns a venres 

Por un verán cheo de boas lecturas! 

xoves, 25 de xuño de 2026

Xa chegou o verán coas "Historias de bicharracos"

Xa chegou o verán e con el, a calor... moita calor! Aínda que hoxe, a choiva e un gratificante fresquiño acompañaron a Marcos Dios Aguado que presentou en Brión “Historias de bicharracos”
 
Un espectáculo teatral, de narración oral e musical para público infantil e familiar (recomendado para crianzas de 3 a 11 anos) que quere sensibilizar cara a dependencia dos máis pequenos polas pantallas e a perda do hábito lector.

A función celebrouse ás 12:00 h. no patio cuberto do CEIP de Pedrouzos. Durante aproximadamente 50 min., o artista combinou sobre o escenario improvisacións, mímica, canto, música e monicreques. A participación nesta actividade acadou as 94 persoas, entre crianzas e adultos acompañantes.

O lugar escollido para a actividade, un pouco máis lonxe da biblioteca municipal do habitual, non foi casual. O obxectivo perseguido coa escolla desta localización non foi outro que facilitar a participación das crianzas que asisten ás actividades municipais do Concilia Verán e as organizadas na piscina municipal cuberta. Por suposto, o contacontos estivo aberto ao resto da cidadanía.
 
Esta actividade estivo patrocinada polo programa Ler conta Moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.
 


 

venres, 12 de xuño de 2026

"Historias de bicharracos" : un contacontos para recibir o verán

Por fin chegou o verán! E con el o sol, as vacacións escolares e moito tempo de lecer para gozar. É o momento perfecto para deixar por un tempo os libros de texto e mergullarse noutras lecturas: historias cheas de aventuras, misterios intrigantes ou relatos tan divertidos que nos farán botar máis dunha gargallada.

Na Biblioteca Municipal seguiremos agardando por ti. Queremos que este verán sigas descubrindo o pracer da lectura, pero tamén que participes nas actividades de animación que estamos a preparar para estas vindeiras semanas. Porque a época estival é tamén unha excelente oportunidade para gozar da narración oral e compartir momentos inesquecibles arredor das historias.

Como a finais de xuño comezan as actividades municipais do Concilia Verán e as organizadas na piscina cuberta, e co obxectivo de facilitar a participación das crianzas que asisten a estes programas, a Biblioteca Municipal organizará dous espectáculos especialmente pensados para elas. Con todo, estas actividades estarán abertas a todas as crianzas do concello que desexen participar.

"Historias de bicharracos" un contacontos con Marcos Dios Aguado

O primeiro deles xa ten data. Trátase de “Historias de bicharracos”, un espectáculo teatral, contacontos e musical para público infantil e familiar (recomendado para crianzas de 3 a 11 anos). Un serán que quere sensibilizar cara a dependencia dos máis pequenos polas pantallas e a perda do hábito lector.

Cunha duración aproximada duns 50 min., Marcos Dios Aguado presenta unha entretida sesión que combina improvisacións, mímica, canto, música e monicreques. Celebrarase o día 25 de xuño ás 12:00 h. no CEIP de Pedrouzos. A entrada será libre. Se queres facer reserva, podes inscribirte neste formulario.

Esta actividade está patrocinada polo programa Ler conta Moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.

martes, 2 de xuño de 2026

Club de lectura: encontro coa escritora e xornalista Marta Villar

A última reunión do club de lectura foi moi especial. Trala lectura da novela Detective Ferruchi, tivemos a fortuna de contar na Biblioteca Municipal coa presenza da súa autora, a escritora e xornalista Marta Villar, nun encontro dedicado a compartir impresións e reflexións arredor da obra.

Un serán de conversa e intercambio no que as persoas participantes puideron afondar na experiencia lectora da novela e descubrir, da man da propia autora, detalles do proceso creativo que deu forma a esta historia de intriga publicada pola editorial Galaxia en 2024.

Desde a biblioteca queremos expresar o noso sincero agradecemento a Marta Villar pola súa disposición para participar nesta actividade, así como pola súa proximidade, amabilidade e simpatía, que contribuíron a crear un encontro tan enriquecedor como inesquecible. A súa visita deixou unha fonda pegada entre as persoas integrantes do club.

Queremos tamén agradecer a Marga, integrante do grupo, a súa xestión, fundamental para facer posible esta fermosa experiencia.

luns, 25 de maio de 2026

Club de lectura: "Mesa para dos" de Amor Towles

Despois de ler a última novela da escritora e xornalista galega Marta Villar, cruzamos o Atlántico ata os Estados Unidos para reencontrarnos cun vello coñecido, o novelista Amor Towles. Un autor que nos deixara unha grata lembranza tras ler “Un caballero en Moscú”, a súa segunda novela. De 2024 é “Mesa para dos”, un libro que seduce pola súa elegancia, humor e enxeño narrativo.

A obra contén seis relatos que transcorren en New York do cambio de milenio e unha novela curta ambientada na Idade de Ouro de Hollywood. Aparentemente inconexas, todas estas historias presentan un momento crítico en que dúas persoas deben sentarse a unha mesa para abordar asuntos tan universais como a procura da felicidade, o poder do diñeiro ou a subversión das normas sociais.

Con esta lectura pecharemos a actual temporada do club. Unha actividade que retomaremos en outono, despois do habitual parón estival.

luns, 18 de maio de 2026

Ampliamos o horario de apertura da biblioteca pola mañá

Por petición das persoas usuarias, a biblioteca municipal ampliará polas mañás o tempo de apertura da sala de estudo. Durante os meses de maio e xuño, o horario de mañá da biblioteca será de 9:00 a 13:30 h., salvo os mércores, que abrirá a partir das 10:30 h. Pola tarde, o centro permanecerá aberto no horario habitual, de 16:30 a 21:00 h.

Dende as 9:00 ás 10:30 h. o centro funcionará exclusivamente como sala de estudo, e non estará operativo o servizo de préstamo a domicilio. Aquelas persoas que desexen utilizar as salas de estudo, deberán antes dirixirse á Casa da Cultura para comunicalo. A ampliación do horario comezará a aplicarse a partir do mércores 20 de maio.

Aproveitamos tamén para informar que, como ven sendo habitual na biblioteca municipal, o horario de verán do centro comezará a partir do 1 de xullo.

martes, 28 de abril de 2026

Maio Cultural-Letras Galegas 2026

O 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas, dedicado este ano á figura da xornalista e escritora Begoña Caamaño. Por iso que maio convértese no mes das nosas Letras, un momento no que o Concello de Brión presenta unha programación especial de actividades culturais e de lecer para conmemorar a gran festa das nosas lingua e literatura.

Baixo a denominación de "Maio Cultural-Letras Galegas 2026”, entre o 4 de maio e o 5 de xuño, a cidadanía de Brión poderá gozar dun amplo programa de actividades no que se inclúen, entre outros eventos, dúas entregas de premios, teatro, narración oral, un obradoiro de regueifa e unha exposición de fotografía.

Podes consultar a programación ao completo no portal web municipal.

Feliz maio cultural, mes das nosas Letras, mes de Begoña Caamaño.

venres, 24 de abril de 2026

Abril, mes do libro e a lectura: Proxección do documental “A rebelión da lectura” de Espazo Lectura

O fomento da lectura ten unha dimensión humana capaz de transcender a racionalidade, por iso prende, coma un feitizo, nos ollos das persoas. Probablemente ese sexa un dos motivos polos que, vinte anos despois da súa creación a mans dun pequeno grupo de persoas, Espazo Lectura se converteu nun insólito referente do activismo cidadá a favor do libro e a lectura.

O documental “A rebelión da lectura” foi capaz de penetrar nos ollos dos protagonistas para descubrirnos como se produciu ese abraiante milagre. As imaxes e as voces envolventes do voluntariado da lectura fannos partícipes dese exercicio de xenerosidade compartida que se proxectou a través da ilusión e do entusiasmo.



Trala proxección, debate con Asun G. Losada e Alma Alonso (directoras)

Día 7 de maio ás 18:00 h.
Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura)

Entrada de balde ata completar a capacidade da sala.
Actividade co patrocinio da Deputación da Coruña

xoves, 23 de abril de 2026

"O secreto da biblioteca", un contacontos para celebrar o Día do LIbro

Hoxe celebramos o Día do Libro, e para conmemorar esta data tan especial, a biblioteca municipal presentou a programación “Abril, mes do libro e a lectura”. Entra as actividades de animación destaca o espectáculo de narración oral “O secreto da biblioteca”, un contacontos a cargo de Trémola Teatro que celebramos esta tarde.
 
“O secreto da biblioteca” é un contacontos participativo no que o público acompaña a Iria nunha aventura chea de misterio. A través de xogos, pistas e libros que falan, nenas e nenos descubrirán o segredo mellor gardado do reino das historias.
 
O espectáculo de dinamización estivo especialmente dirixido a crianzas maiores de 3 anos e ás súas familias, con entrada de balde. Comezou pouco despois das 18:00 h., acadando unha destacada afluencia de público, que alcanzou as 40 persoas entre crianzas, nais e pais.
 
Esta actividade estivo patrocinada polo programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.
 

 

 

venres, 17 de abril de 2026

Club de lectura: "Detective Ferruchi" de Marta Villar

Despois de ler “Y apenas nada” de Eduardo Rojas e contar coa presenza do autor na última sesión do club, comezamos a lectura dun novo título que nos ocupará as vindeiras semanas.

Nesta ocasión a obra escollida é “Detective Ferruchi” de Marta Villar, XLI Premio Xerais de Novela. Unha obra de misterio e intriga, cunha trama que se centra na investigación paralela dun crime que realiza Sol Cortés, a protagonista. Durante as súas pescudas xorden unha morea de personaxes peculiares e sorprendentes que amosan, unhas veces con humor e outras con gravidade, temas da sociedade actual que invitan á reflexión.

Para por en común a experiencia lectora, reunírmonos o vindeiro 21 de maio. Como sempre, será na biblioteca municipal a partir das 20:00 h.

venres, 10 de abril de 2026

Club de lectura: serán na biblioteca con Eduardo Rojas

A última reunión do club de lectura foi moi especial. Unha xuntanza na que contamos coa presenza na biblioteca municipal de Eduardo Rojas, autor de “Y apenas nada”, unha novela e unha experiencia lectora que nos ocupou as últimas semanas.

Eduardo, escritor mexicano afincado en Galicia desde hai máis de dúas décadas, atendeu con enorme xenerosidade a invitación do club para compartir connosco os recantos do proceso creativo desta súa última obra, publicada en 2025 pola editorial Drácena.

Durante un serán que se estendeu case hora e media, tivemos a oportunidade de explorar da súa man os espazos narrativos da obra, a arquitectura íntima dos personaxes e os camiños, ás veces incertos, da creación literaria. As nosas impresións lectoras atoparon resposta, diálogo e complicidade nun intercambio vivo e fondamente enriquecedor que nos deixou un grato e duradeiro pouso.

Eduardo Rojas é, ademais, un vello e querido coñecido do noso club de lectura. En 2016 xa acudira a outra xuntanza para falarnos da súa novela “La mujer ladríllo”, outro título do autor que nos deixara unha profunda pegada.

En nome das persoas que integramos esta actividade da biblioteca municipal, só nos queda transmitir o noso agradecemento a Eduardo pola súa simpatía, amabilidade e total dispoñibilidade para participar nesta inesquecible xuntanza.

martes, 7 de abril de 2026

Abril, mes do libro e a lectura

O 23 de abril celebramos o "Día do libro e dos dereitos de autor", unha efeméride impulsada dende 1995 pola Unesco coa intención de homenaxear o libro e a lectura e fomentar o respecto pola importante achega social e cultural dos autores. Coincidindo coa data do falecemento en 1616 de Cervantes, Shakespeare e coa festa de Sant Jordi en Cataluña, o 23 de abril é a gran celebración do libro, das librarías e bibliotecas, da promoción da lectura, da tradución e do respecto á propiedade intelectual.

Un ano máis, a B.P.M. de Brión desexa conmemorar esta efeméride tan significativa a través dunha programación especial de actividades para celebrar xuntos o poder dos libros e a lectura e, como non, o valor da creatividade.

Reunión do club de lectura coa presenza do escritor Eduardo Rojas

Día 9 de abril ás 20:00 h.
Biblioteca municipal de Brión

A vindeira xuntanza do Club de lectura da biblioteca municipal é moi especial; pois desta, vez contamos coa presenza do autor da obra que estamos a ler. Unha experiencia que tentamos facer tódolos anos e que, nesta ocasión, coincide co mes do libro.
Nesta ocasión acompañaranos o escritor mexicano Eduardo Rojas, un vello coñecido do noso club, ao que regresamos nesta ocasión para ler a súa última novela, Y apenas nada, publicada en 2025 pola editorial Drácena.
Con el comentaremos a obra e estaremos moi atentos aos seus apuntamentos sobre o proceso creativo e a súa experiencia creativa. Aínda que a actividade está dirixida as persoas integrantes do club, estamos abertos a recibir a visita de persoas interesadas en coñecer a Eduardo e a súa obra.

Para asistir será necesario inscribirse previamente enviando unha mensaxe ao correo electrónico da biblioteca.

“Colle o teu libro e corre”: Solta de libros.

Día 23 de abril.
Biblioteca Municipal

Despois das positivas experiencias de anos anteriores, onde repartimos entre a cidadanía de xeito totalmente gratuíto libros para fomentar a lectura, a biblioteca municipal retoma unha vez máis esta actividade con motivo da celebración do Día do Libro.
Baixo a denominación “Colle o teu libro e corre”, agasallaremos á cidadanía de Brión cun libro a escoller no punto de recollida que habilitaremos para a ocasión no recibidor da biblioteca municipal.
A iniciativa porase en marcha o día 23 de abril durante o horario de apertura da biblioteca; e dicir, de 10:30 a 13:30 h. e de 16:30 a 21:00 h. Por certo que non será necesario traer libros de intercambio, aínda que quen desexe facelo poderá ceibar na mesa os seus propios exemplares.

Espectáculo “O secreto da bilioteca” con Trémola Teatro.

Día 23 de abril ás 18:00 h.
Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura)

O secreto da biblioteca é un contacontos participativo no que o público acompaña a Iria nunha aventura chea de misterio. A través de xogos, pistas e libros que falan, nenas e nenos descubrirán o segredo mellor gardado do reino das historias.
Espectáculo para crianzas maiores de 3 anos. Entrada de balde ata completar a capacidade do local.
Actividade patrocinada polo programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia. 

Proxección do documental “A rebelión da lectura” de Espazo Lectura

Día 7 de maio ás 18:00 h.
Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura)

O fomento da lectura ten unha dimensión humana capaz de transcender a racionalidade, por iso prende, coma un feitizo, nos ollos das persoas. Probablemente ese sexa un dos motivos polos que, vinte anos despois da súa creación a mans dun pequeno grupo de persoas, Espazo Lectura se converteu nun insólito referente do activismo cidadá a favor do libro e a lectura. O documental “A rebelión da lectura” foi capaz de penetrar nos ollos dos protagonistas para descubrirnos como se produciu ese abraiante milagre.
As imaxes e as voces envolventes do voluntariado da lectura fannos partícipes dese exercicio de xenerosidade compartida que se proxectou a través da ilusión e do entusiasmo.

Trala proxección, debate con Asun G. Losada e Alma Alonso (directoras)

Entrada de balde ata completar a capacidade da sala.
Actividade co patrocinio da Deputación da Coruña

Actividades nas redes sociais da biblioteca

Os libros da nosa vida | #librosdanosavida

Unha vez máis, lanzamos esta proposta a través do Facebook (@bibliotecadebrion), Instagram (@bibliotecadebrion) e Threads (bibliotecadebrion) para que todas e todos compartades coa etiqueta #librosdanosavida lecturas que vos marcaron nalgún momento e queirades recomendar ao resto de usuarias e usuarios da biblioteca.
Tan sinxelo como propoñer un título, o autor, unha edición concreta (se considerades que é significativo) e porque se converteu nunha lectura importante para vós nun momento determinado da vosa vida. Podedes facelo a través dun texto, con imaxes ou gravando un breve vídeo.

Libros con cara (-tula) | #librosconcaratula

Neste caso convidámosvos a partillar as cubertas dun libro (ou varios) que esteades a ler ou rematarades de facelo recentemente. Pode ser unha lectura en formato papel ou dixital, novo ou vello, novela ou conto, poesía ou teatro, biografía, álbum infantil, revista, etc. Tomade unha foto e compartídea connosco no Facebook , Instagram ou Threads da biblioteca, coa etiqueta #librosconcaratula.
Un libro que vos fai compañía no tempo de lecer, unha obra que vos axuda a aprender, a viaxe e coñecer mundo neste tempo de incerteza. Non hai limite...

Solta de libros virtuais e recomendacións de lectura

Ademais da solta de libros do 23 de abril, ao longo da semana, compartiremos recursos culturais e informativos para a lectura e o lecer. Recomendaremos libros e outros contidos dixitais accesibles en préstamo dende as plataformas GaliciaLe-eBiblio e eBibliodacoruna. Tamén libros dixitais (e-books) de libre distribución para incorporar á vosa biblioteca.

Animádevos a participar e gozar dun feliz Día do Libro 2026!


 

martes, 24 de marzo de 2026

Día Mundial do Teatro, 27 de marzo

Dende 1962, cada 27 de marzo, celebramos o Día Mundial do Teatro. Unha data para por en valor ás artes escénicas e á dramaturxia. Porque o teatro é espectáculo, arte, literatura e tamén dinamizador económico e do emprego.

Para conmemorar esta efeméride, figuras de renome internacional son invitadas por el ITI (Instituto Internacional do Teatro) para compartir os seus pensamentos e reflexións sobre o teatro e a cultura de paz.
Este ano, dende os EE.UU., é o actor Willen Dafoe o encargado de facelo. Coñecido polas súas interpretacións cinematográficas, é o Director Artístico del Departamento de Teatro de La Biennale di Venezia, e foi un dos membros fundadores de The Wooster Group, que desenvolveu un enfoque distinto de teatro de vangarda.

Preme nesta ligazón para ler o manifesto do Día Internacional do Teatro deste ano. Tamén atoparás máis información sobre o persoeiro escollido.

luns, 23 de marzo de 2026

Horario da biblioteca en Semana Santa

Con motivo da celebración da Semana Santa e a Pascua, a biblioteca municipal modificará o seu horario de atención ao público nas seguintes datas:

Do 30 de marzo ao 6 de abril, o centro permanecerá PECHADO.
A partir do martes 7 de abril, retomaremos o horario habitual.

Os préstamos que caduquen nestas datas poderán entregarse trala reapertura do centro.

Desculpen as molestias e moitas grazas pola comprensión.


martes, 3 de marzo de 2026

8M Día Internacional da Muller e da Nena

A biblioteca municipal, xunto co resto de departamentos e servizos do Concello de Brión, únese ás celebracións do 8 de marzo, Día Internacional da Muller; unha data para dar visibilidade, reivindicar e defender uns principios e uns valores que desexamos permanezan vixentes durante todo o ano.

Baixo o lema, "Dereitos. Xustiza. Acción. Para TODAS as mulleres e nenas", Nacións Unidas convídanos a todas e a todos a colocar á xustiza e a igualdade de dereitos no debate mundial, para que todos os dereitos se cumpran, exerzan e gocen.

 

A biblioteca desexa celebrar a igualdade todo o ano a través do seu centro de interese permanente

Porque a temática feminista e de igualdade está sempre presentes no centro de interese permanente que ten a biblioteca. Un punto que se actualiza constantemente con novas obras e que podes visitar en calquera momento do ano.

Mulleres de Brión... nas redes sociais

A través das redes sociais da biblioteca, e por sexto ano consecutivo, regresan as “Mulleres de Brión... onte, hoxe, sempre”. Un proxecto de difusión que comparte en liña imaxes do arquivo de fotografías antigas, todas elas de temática vencellada á muller e á nena no 8M Día Internacional da Muller. Poderase seguir no Facebook, Instagram e Threads da biblioteca.

Asemade, a biblioteca municipal partillará nas redes recomendacións de libros e outros contidos informativos sobre mulleres e igualdade. 

Feliz 8M!, Día Internacional da Muller e da Nena.