Eduardo, escritor mexicano afincado en Galicia desde hai máis de dúas décadas, atendeu con enorme xenerosidade a invitación do club para compartir connosco os recantos do proceso creativo desta súa última obra, publicada en 2025 pola editorial Drácena.
Durante un serán que se estendeu case hora e media, tivemos a oportunidade de explorar da súa man os espazos narrativos da obra, a arquitectura íntima dos personaxes e os camiños, ás veces incertos, da creación literaria. As nosas impresións lectoras atoparon resposta, diálogo e complicidade nun intercambio vivo e fondamente enriquecedor que nos deixou un grato e duradeiro pouso.
Eduardo Rojas é, ademais, un vello e querido coñecido do noso club de lectura. En 2016 xa acudira a outra xuntanza para falarnos da súa novela “La mujer ladríllo”, outro título do autor que nos deixara unha profunda pegada.
En nome das persoas que integramos esta actividade da biblioteca municipal, só nos queda transmitir o noso agradecemento a Eduardo pola súa simpatía, amabilidade e total dispoñibilidade para participar nesta inesquecible xuntanza.

0 comentarios :
Publicar un comentario