martes, 7 de abril de 2026

Abril, mes do libro e a lectura

O 23 de abril celebramos o "Día do libro e dos dereitos de autor", unha efeméride impulsada dende 1995 pola Unesco coa intención de homenaxear o libro e a lectura e fomentar o respecto pola importante achega social e cultural dos autores. Coincidindo coa data do falecemento en 1616 de Cervantes, Shakespeare e coa festa de Sant Jordi en Cataluña, o 23 de abril é a gran celebración do libro, das librarías e bibliotecas, da promoción da lectura, da tradución e do respecto á propiedade intelectual.

Un ano máis, a B.P.M. de Brión desexa conmemorar esta efeméride tan significativa a través dunha programación especial de actividades para celebrar xuntos o poder dos libros e a lectura e, como non, o valor da creatividade.

Reunión do club de lectura coa presenza do escritor Eduardo Rojas

Día 9 de abril ás 20:00 h.
Biblioteca municipal de Brión

A vindeira xuntanza do Club de lectura da biblioteca municipal é moi especial; pois desta, vez contamos coa presenza do autor da obra que estamos a ler. Unha experiencia que tentamos facer tódolos anos e que, nesta ocasión, coincide co mes do libro.
Nesta ocasión acompañaranos o escritor mexicano Eduardo Rojas, un vello coñecido do noso club, ao que regresamos nesta ocasión para ler a súa última novela, Y apenas nada, publicada en 2025 pola editorial Drácena.
Con el comentaremos a obra e estaremos moi atentos aos seus apuntamentos sobre o proceso creativo e a súa experiencia creativa. Aínda que a actividade está dirixida as persoas integrantes do club, estamos abertos a recibir a visita de persoas interesadas en coñecer a Eduardo e a súa obra.

Para asistir será necesario inscribirse previamente enviando unha mensaxe ao correo electrónico da biblioteca.

“Colle o teu libro e corre”: Solta de libros.

Día 23 de abril.
Biblioteca Municipal

Despois das positivas experiencias de anos anteriores, onde repartimos entre a cidadanía de xeito totalmente gratuíto libros para fomentar a lectura, a biblioteca municipal retoma unha vez máis esta actividade con motivo da celebración do Día do Libro.
Baixo a denominación “Colle o teu libro e corre”, agasallaremos á cidadanía de Brión cun libro a escoller no punto de recollida que habilitaremos para a ocasión no recibidor da biblioteca municipal.
A iniciativa porase en marcha o día 23 de abril durante o horario de apertura da biblioteca; e dicir, de 10:30 a 13:30 h. e de 16:30 a 21:00 h. Por certo que non será necesario traer libros de intercambio, aínda que quen desexe facelo poderá ceibar na mesa os seus propios exemplares.

Espectáculo “O secreto da bilioteca” con Trémola Teatro.

Día 23 de abril ás 18:00 h.
Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura)

O secreto da biblioteca é un contacontos participativo no que o público acompaña a Iria nunha aventura chea de misterio. A través de xogos, pistas e libros que falan, nenas e nenos descubrirán o segredo mellor gardado do reino das historias.
Espectáculo para crianzas maiores de 3 anos. Entrada de balde ata completar a capacidade do local.
Actividade patrocinada polo programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia. 

Proxección do documental “A rebelión da lectura” de Espazo Lectura

Día 7 de maio ás 18:00 h.
Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura)

O fomento da lectura ten unha dimensión humana capaz de transcender a racionalidade, por iso prende, coma un feitizo, nos ollos das persoas. Probablemente ese sexa un dos motivos polos que, vinte anos despois da súa creación a mans dun pequeno grupo de persoas, Espazo Lectura se converteu nun insólito referente do activismo cidadá a favor do libro e a lectura. O documental “A rebelión da lectura” foi capaz de penetrar nos ollos dos protagonistas para descubrirnos como se produciu ese abraiante milagre.
As imaxes e as voces envolventes do voluntariado da lectura fannos partícipes dese exercicio de xenerosidade compartida que se proxectou a través da ilusión e do entusiasmo.

Trala proxección, debate con Asun G. Losada e Alma Alonso (directoras)

Entrada de balde ata completar a capacidade da sala.
Actividade co patrocinio da Deputación da Coruña

Actividades nas redes sociais da biblioteca

Os libros da nosa vida | #librosdanosavida

Unha vez máis, lanzamos esta proposta a través do Facebook (@bibliotecadebrion), Instagram (@bibliotecadebrion) e Threads (bibliotecadebrion) para que todas e todos compartades coa etiqueta #librosdanosavida lecturas que vos marcaron nalgún momento e queirades recomendar ao resto de usuarias e usuarios da biblioteca.
Tan sinxelo como propoñer un título, o autor, unha edición concreta (se considerades que é significativo) e porque se converteu nunha lectura importante para vós nun momento determinado da vosa vida. Podedes facelo a través dun texto, con imaxes ou gravando un breve vídeo.

Libros con cara (-tula) | #librosconcaratula

Neste caso convidámosvos a partillar as cubertas dun libro (ou varios) que esteades a ler ou rematarades de facelo recentemente. Pode ser unha lectura en formato papel ou dixital, novo ou vello, novela ou conto, poesía ou teatro, biografía, álbum infantil, revista, etc. Tomade unha foto e compartídea connosco no Facebook , Instagram ou Threads da biblioteca, coa etiqueta #librosconcaratula.
Un libro que vos fai compañía no tempo de lecer, unha obra que vos axuda a aprender, a viaxe e coñecer mundo neste tempo de incerteza. Non hai limite...

Solta de libros virtuais e recomendacións de lectura

Ademais da solta de libros do 23 de abril, ao longo da semana, compartiremos recursos culturais e informativos para a lectura e o lecer. Recomendaremos libros e outros contidos dixitais accesibles en préstamo dende as plataformas GaliciaLe-eBiblio e eBibliodacoruna. Tamén libros dixitais (e-books) de libre distribución para incorporar á vosa biblioteca.

Animádevos a participar e gozar dun feliz Día do Libro 2026!


 

0 comentarios :

Publicar un comentario