O vindeiro 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas, este ano baixo o lema “Sen profesionais, non hai bibliotecas”, co desexo de reivindicar o traballo de todas as persoas que fan posible que as bibliotecas sexan moito máis que un conxunto de recursos, andeis e espazos.
As bibliotecas, como institucións democráticas, son un servizo esencial para a cidadanía, que atopa nelas un lugar de encontro, de intercambio de opinións e coñecemento. Pero detrás de cada préstamo, cada consulta, cada actividade, cada recomendación e cada proxecto hai profesionais que traballan para garantir o acceso á cultura, acompañar ás súas comunidades e facer das bibliotecas espazos abertos, inclusivos e accesibles para todos.
Recoñecer e dar visibilidade as persoas que desempeña este labor, que a miúdo permanece invisible, resulta fundamental para comprender o verdadeiro valor das bibliotecas. Porque unha biblioteca non é unicamente aquilo que vemos cando entramos nela: é tamén o traballo das persoas que seleccionan e organizan as súas coleccións, preservan o patrimonio, facilitan o acceso á información, fomentan a lectura, acompañan a aprendizaxe e crean actividades e servizos para responder as necesidades dos seus usuarios.
“Frumario o bibliotecario”, un espectáculo para promover o amor polos libros
Para conmemorar esta data tan especial, a biblioteca municipal de Brión quere convidar á cidadanía a unha actividade de animación que celebraremos o xoves 22 de outubro ás 18:00 h. Manuel Pombal presenta na Sala Municipal de Exposicións de Brión (Casa da Cultura) o espectáculo “Frumario o bibliotecario”.
Frumario é un bibliotecario moi singular e un tanto máxico que guía aos máis pequenos a través do mundo dos libros. Mesturando fantasía, ciencia, poesía e música, Manuel Pombal convida as persoas participantes a xogar a descubrir os "tesouros" e misterios ocultos que gardan as bibliotecas, co obxectivo de promover o amor polos libros, a lectura e o uso do espazo público da biblioteca de xeito lúdico e divertido.
Un espectáculo para toda a familia, especialmente recomendado a crianzas de 6 a 12 anos de idade. A entrada será libre, ata completar a capacidade do local; aínda que, se o desexas, podes reservar a túa localidade neste formulario.
Esta actividade está patrocinada polo programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.

0 comentarios :
Publicar un comentario