Hoxe celebramos o Día do Libro, e para conmemorar esta data tan especial, a biblioteca municipal presentou a programación “Abril, mes do libro e a lectura”. Entra as actividades de animación destaca o espectáculo de narración oral “O secreto da biblioteca”, un contacontos a cargo de Trémola Teatro que celebramos esta tarde.
“O secreto da biblioteca” é un contacontos participativo no que o público acompaña a Iria nunha aventura chea de misterio. A través de xogos, pistas e libros que falan, nenas e nenos descubrirán o segredo mellor gardado do reino das historias.
O espectáculo de dinamización estivo especialmente dirixido a crianzas maiores de 3 anos e ás súas familias, con entrada de balde. Comezou pouco despois das 18:00 h., acadando unha destacada afluencia de público, que alcanzou as 40 persoas entre crianzas, nais e pais.
Esta actividade estivo patrocinada polo programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.



0 comentarios :
Publicar un comentario