O día 24 de outubro celebramos o Día das bibliotecas 2020. Unha efeméride especialmente dedicada ao público infantil e novo. Unha data na que queremos trasladar á cidadanía a importancia da biblioteca como lugar de encontro de lectoras/es de todas as idades coa cultura e coma instrumento de mellora da formación e convivencia.
A edición deste ano, e baixo o lema “Bibliotecas, sempre ao teu carón” céntrase en destacar o importante papel que xogan as bibliotecas ofrecendo acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera lugar e circunstancia. Especialmente na actual situación, cando vimos de vivir un longo confinamento e continuamos a loitar para superar unha crise sanitaria onde o acceso á cultura e á información veraz e de calidade toman especial sentido e importancia.
As bibliotecas, independentemente da súa tipoloxía ou titularidade, continuamos a ofrecer os nosos servizos en circunstancias tan complexas como as derivadas desta situación. Algo que se fixo con esforzo, adaptándonos ás novas necesidades dos usuarios para continuar desenvolvendo o traballo a través da redes, mesmo dende a casa.
Este ano, e pese ás limitacións impostas pola crise sanitaria, dende a biblioteca municipal desexamos conmemorar este día tan especial cunha serie de actividades de animación que celebraremos ao longo do mes de outubro. Baixo o lema “Celebramos o mes da biblio”, a biblioteca convídavos a participar en tres espectáculos pensados especialmente para as crianzas e novos e dirixidos a toda a familia. Podes consultar a programación premendo aquí.
Feliz días das bibliotecas!
0 comentarios :
Publicar un comentario