O sábado 24 de outubro celebramos o Día da biblioteca,
unha efeméride especialmente dirixida ao público infantil e novo. Unha
data na que queremos trasladar á cidadanía a importancia da biblioteca
como lugar de encontro de lectoras/es de todas as idades coa cultura e
coma instrumento de mellora da formación e convivencia. Pese ás limitacións impostas pola crise sanitaria, dende a
biblioteca municipal desexamos conmemorar este día tan especial cunha
serie de actividades de animación
O sábado 17, ás 12:00 h., Os Quinquilláns, con Lucho Penabade e Tero Rodríguez, presentarán “O tesouro da Avoa”, unha función para toda a familia que nos narra a historia de Jacinta, unha muller intelixente e feliz. Traballaba de mestra nunha escola na que se aprendía xogando e se xogaba aprendendo. Tiña canto quería; casa, familia, amigas, traballo… Pero veu a guerra e quitáronllo case todo. Tivo que fuxir para moi lonxe, mais conseguiu levar escondido un tesouro segredo que moitos anos despois entregou ás súas netas.
A función celebrarase na Sala Municipal de Exposición da Casa da Cultura (se as condicións meteorolóxicas o permiten, trasladaríase ao exterior, na Carballeira de Santa Minia) ás 12:00 h., con entrada de balde e aforo limitado, para garantir as medidas de seguridade e
hixiene necesarias para que gocemos da cultura con
seguridade: distancia física entre persoas, hixiene de mans, uso de
máscara facial, etc.
É necesaria inscrición previa que pode realizarse no tfno.: 981 50 99 69 ou a través do correo electrónico da biblioteca.
A actividade conta co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.
0 comentarios :
Publicar un comentario