LEMBRANZA IMPORTANTE
O xoves 14 de maio a biblioteca permanecerá pechada.
O venres, abrimos con normalidade.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

Amosando publicacións coa etiqueta Os Quinquilláns. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Os Quinquilláns. Amosar todas as publicacións

sábado, 17 de outubro de 2020

Atopamos en Brión "O tesouro da avoa" da man de Os Quinquilláns

Os Quinquilláns
presentaron esta mañá en Brión o seu espectáculo “O tesouro da avoa”, nun serán organizado pola biblioteca municipal. A actuación formou parte da programación de actividades para conmemorar o “Día das bibliotecas” que vai celebrarse o vindeiro 24 de outubro.
 
Os actores Lucho Penabade e Tero Rodríguez foron os protagonistas dunha función para toda a familia que nos narrou a historia de Jacinta, unha muller intelixente e feliz que traballaba de mestra nunha escola na que se aprendía xogando e se xogaba aprendendo. Tiña canto quería; casa, familia, amigas, traballo… Pero veu a guerra e quitáronllo case todo. Tivo que fuxir para moi lonxe, mais conseguiu levar escondido un tesouro segredo que moitos anos despois entregou ás súas netas.
 
Aínda que a inscrición previa na actividade foi maior, ao evento acudiron finalmente un total de 8 persoas, entre crianzas e adultos acompañante. Comezou pasadas as 12:00 h. e prolongouse aproximadamente durante 50 min.
 
A sesión contou co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Imaxes da actuación:



 

sábado, 10 de outubro de 2020

"O tesouro da avoa" con Os Quinquilláns, unha funcion para celebrar o mes das bibliotecas [Actividade de balde, con inscrición previa]

O sábado 24 de outubro celebramos o Día da biblioteca, unha efeméride especialmente dirixida ao público infantil e novo. Unha data na que queremos trasladar á cidadanía a importancia da biblioteca como lugar de encontro de lectoras/es de todas as idades coa cultura e coma instrumento de mellora da formación e convivencia. Pese ás limitacións impostas pola crise sanitaria, dende a biblioteca municipal desexamos conmemorar este día tan especial cunha serie de actividades de animación 

O sábado 17, ás 12:00 h., Os Quinquilláns, con Lucho Penabade e Tero Rodríguez, presentarán “O tesouro da Avoa”, unha función para toda a familia que nos narra a historia de Jacinta, unha muller intelixente e feliz. Traballaba de mestra nunha escola na que se aprendía xogando e se xogaba aprendendo. Tiña canto quería; casa, familia, amigas, traballo… Pero veu a guerra e quitáronllo case todo. Tivo que fuxir para moi lonxe, mais conseguiu levar escondido un tesouro segredo que moitos anos despois entregou ás súas netas.

A función celebrarase na Sala Municipal de Exposición da Casa da Cultura (se as condicións meteorolóxicas o permiten, trasladaríase ao exterior, na Carballeira de Santa Minia) ás 12:00 h., con entrada de balde e aforo limitado, para garantir as medidas de seguridade e hixiene necesarias para que gocemos da cultura con seguridade: distancia física entre persoas, hixiene de mans, uso de máscara facial, etc.
 
É necesaria inscrición previa que pode realizarse no tfno.: 981 50 99 69 ou a través do correo electrónico da biblioteca.
 
A actividade conta co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia. 

 



 

mércores, 8 de maio de 2019

Maio Cultural 2019: Os Quinquilláns inauguran a programación con "Language planning"

Os Quinquilláns inauguraron o día 8 de maio a programación do Maio Cultural brionés presentando no Centro Social Polivalente o espectáculo “Language Planning”, unha adaptación teatral dos relatos de “Made in Galiza” do escritor Sechu Sende.

Aproximadamente 65 rapazas e rapaces e 4º da ESO do IES de Brión asistiron a unha función que baixo un punto de vista cómico e retranqueiro presenta a situación que vive o galego na sociedade actual.

Este espectáculo teatral supuxo o arranque dunha ampla programación de actividades que se desenvolverá ao longo do mes de maio co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao profesor Antón Fraguas. O principal destinatario do programa é o alumnado dos diferentes centros de ensino do concello, aínda que tamén contempla actividades dirixidas aos usuarios da biblioteca municipal e á cidadanía en xeral.

Máis información na seguinte ligazón.

venres, 22 de abril de 2016

Os Quinquilláns representan "Espantallo amigo" con motivo da celebración do Día do Libro no CEIP de Pedrouzos

O venres 22 de abril a compañía teatral “Os Quinquilláns” presentou no CEIP de Pedrouzos a adaptación teatral de “Espantallo amigo”, noveliña escrita polo recentemente finado Xosé Neira Vilas.
Un evento co que o centro de primaria brionés se suma ás actividades que estes días se están a organizar no concello con motivo da celebración do Día do Libro. Á representación teatral asistiu a totalidade do alumnado da escola, máis de 500 alumnos/as que gozaron de dúas funcións que remataron entre palmas e cunha sorpresa final.  O agasallo dun exemplar do libro “Espantallo amigo” que foi entregado a cada un dos rapaces e rapazas que asistiron como público.
Una iniciativa para conmemorar o día do libro e a lectura, lembrando asemade a un gran escritor como Xosé Neira Vilas. A homenaxe foi posible grazas a colaboración do Concello de Brión, a Editorial Galaxia, a ANPA Andaravía do CEIP de Pedrouzos e o propio centro.