martes, 29 de setembro de 2020

En outubro, queremos celebrar o mes da biblioteca contigo

O 24 de outubro celebramos o Día da biblioteca, unha efeméride especialmente dedicada ao público infantil e novo. Unha data na que queremos trasladar á cidadanía a importancia da biblioteca como lugar de encontro de lectoras/es de todas as idades coa cultura e coma instrumento de mellora da formación e convivencia.
 
Este ano, e pese ás limitacións impostas pola crise sanitaria, dende a biblioteca municipal desexamos conmemorar este día tan especial cunha serie de actividades de animación que celebraremos ao longo do mes de outubro. Baixo o lema “Celebramos o mes da biblio”, a biblioteca convídavos a participar en tres espectáculos pensados especialmente para as crianzas e novos e dirixidos a toda a familia.
 
 
A programación comeza o venres 9 de outubro ás 18:00 h. coa actuación de Pedro Brandariz que presenta en Brión “Contos de Michos”. Unha montaxe de narración oral, dirixida a crianzas de 4 a 12 anos, na que Brandariz conta as venturas e desventuras de varios gatos que pouco a pouco (e de moi diferentes maneiras) van descubrindo as súas capacidades e limitacións, aprendendo a aceptarse a si mesmos tal e como son.
O sábado 17, ás 12:00 h., Os Quinquilláns, con Lucho Penabade e Tero Rodríguez, presentarán “O tesouro da Avoa”, unha función para toda a familia que nos narra a historia de Jacinta, unha muller intelixente e feliz. Traballaba de mestra nunha escola na que se aprendía xogando e se xogaba aprendendo. Tiña canto quería; casa, familia, amigas, traballo… Pero veu a guerra e quitáronllo case todo. Tivo que fuxir para moi lonxe, mais conseguiu levar escondido un tesouro segredo que moitos anos despois entregou ás súas netas.
 
 
A programación rematará o 24 de outubro, Día da biblioteca, cun concerto a cargo dos amigos de Música Miúda que comezará ás 12:00 h. Durante aproximadamente 50 min, coñeceremos as cancións de “Bemol Pequeno”, “Vén bailar e cantar coa meiga Xela”, ”O dinosauro Pepón”, etc. Un espectáculo de música para toda a familia!
 
 
 
En principio, todas as actuacións celebraranse na Sala Municipal de Exposicións. Se o tempo o permitise, trasladaranse ao exterior da Carballeira de Santa Minia. A entrada é de balde, con aforo limitado e inscrición previa no tfno.: 981 50 99 69 ou a través dos enderezos de correo electrónico da biblioteca. Todos os espectáculos contan co patrocinio do programa "Ler conta moito" da Rede de Bibliotecas de Galicia.
 
Por mor da crise sanitaria, tomaranse todas as medidas de seguridade e hixiene necesarias para garantir que todas/os gocemos da cultura con seguridade: distancia física entre persoas, hixiene de mans, uso de máscara facial, etc. Porque #aculturasegue e #aculturaesegura, en outubro as bibliotecas celebraremos o noso día. Como en calquera aniversario, agora só faltas ti para conmemoralo. Anímaste a participar?

0 comentarios :

Publicar un comentario