venres, 16 de xaneiro de 2026

Club de lectura: "Ninguén contará a verdade" de Pedro Feijoo

Retomamos a lectura en lingua galega no club para achegarnos nesta ocasión á obra dun recoñecido autor galego, o vigués Pedro Feijoo. A obra escollida é “Ninguén contará a verdade”, unha novela de intriga sobre corrupción política a as súas consecuencias, galardoada co XL Premio Xerais de Novela.

Marosa Vega, unha talentosa e hábil xornalista que foi despedida por querer sempre investigar de máis, acepta un encargo moi especial dun antigo compañeiro: Salva Lamas pídelle axuda para desentrañar un caso de corrupción política que afecta ao presidente da Xunta de Galicia e que está a deixar un regueiro de vítimas.

Trátase dunha novela ousada e minuciosamente documentada, de plena actualidade, que aborda sen ambaxes a corrupción política e o seu impacto social. A súa trama de ficción resulta especialmente verosímil, ata o punto de que calquera lector ou lectora ben informado poderá recoñecer nela claros referentes da realidade.

Pedro Feijoo, escritor e músico nado en Vigo, é tamén ensaísta e narrador. Ao longo da súa traxectoria literaria acadou un amplo recoñecemento tanto por parte da crítica como do público lector.

Para comentar a obra, reunirémonos o xoves 26 de febreiro ás 20:00 h. na biblioteca municipal.

0 comentarios :

Publicar un comentario