O día 30 de xaneiro celebramos o Día da Ilustración, unha efeméride impulsada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración -AGPI- e a Xunta de Galicia para render homenaxe a figuras clave da ilustración galega contemporánea. Dende o ano 2025 véñense escollendo a autores coetáneos, sendo o primeiro deles o mindoniense, brionés de adopción, Xosé Vizoso.
En 2026 vai ser Siro López Lorenzo o autor homenaxeado. Coñecido polo seu traballo de caricaturista político e de humorista gráfico, destaca tamén como retratista, debuxante e pintor, ademais de sobresaír noutros eidos coma o do xornalismo ou o ensaio. Foi o deseñador da Praza do Humor da Coruña (1990) e o autor do curso de galego Imos aló?, emitido na TVG entre 1989 e 1990.
Siro descríbese como un debuxante precoz, recoñecendo unha notable facilidade para o debuxo dende que era crianza. Posuidor dun trazo áxil e decidido, non tardou en experimentar con todas as técnicas posibles: tinta e pincel, sanguina, carbón, grafito, pluma, pastel, técnicas dixitais… Tamén experimentou coa cor e a mancha, recoñecendo que tardou en pintar polo respecto que lle daba a técnica.
Siro garda unha especial relación con Brión, participando dende hai varios anos nos Encontros coa Arte xunto con outros recoñecidos artistas. Unhas xornadas de convivencia e creación que se celebran no noso concello dende 2006.
Con motivo desta celebración, a biblioteca municipal rende a súa particular homenaxe a Siro con dúas pequenas exposicións que permanecerán na sala principal do centro nas vindeiras semanas. Unha está conformada por unha escolma bibliográfica de fondos propios con obras escritas ou ilustradas por Siro.
A outra é unha colección de láminas doadas á biblioteca polo ilustrador titulada “Os pecados capitais”. Publicadas orixinalmente pola Editorial Galaxia en 1977, obra sinalou a súa maioría de idade como debuxante, segundo sinala o propio autor. Esta edición orixinal esgotouse, polo que Siro reeditou unha nova serie limitada non comercial que é a que poderá contemplarse no centro durante as vindeiras semanas. A obra foi doada á biblioteca polo autor en 2019.

0 comentarios :
Publicar un comentario