O pasado 31 de maio, Pakolas presentou en Brión o seu espectáculo musical “As parábolas de Pakolas”, un entretido serán de animación organizado pola biblioteca municipal e incluído dentro da programación do Maio Cultura – Letras Galegas 2019.
Paco Cerdeira interpretou en directo, na Carballeira de Santa Minia, unha escolma dos seus temas musicais para público infantil máis populares. Un recital que combinou cancións coa narración dalgunhas historias e contos que se recollen nelas; e todo cunha mensaxe final que forma no conxunto unha fermosa “parábola” musical da que aprender e na que pensar.
O concerto, que estaba previsto que se celebrara na Sala Municipal de Exposicións, executouse finalmente ao aire libre, na Carballeira de Santa Minia, diante do quiosco que fica preto da biblioteca municipal. Un cambio motivado pola excelente climatoloxía que convidou a trasladar o espectáculo ao exterior.
Arredor de 28 crianzas e 24 adultos asistiron a esta actividade que, a golpe de bises, se prolongou durante máis dunha hora. Unha clara mostra da satisfacción de pequenos e grandes con este recital pensado para toda a familia. Grazas Pakolas!
Ligazón coa galería de imaxes do espectáculo.
0 comentarios :
Publicar un comentario