Comeza unha nova edición dos Encontros coa Arte de Brión, este ano dedicados ao profesor Antón Fraguas, personaxe homenaxeada no Día das Letras Galegas. Vinte e catro artistas procedentes de diferentes lugares de Galicia e o Estado español participan nestas xornadas de convivencia e difusión das artes plástica, que levan catorce anos achegando á cidadanía de Brión á pintura, ao debuxo, á fotografía e á literatura.
O programa de actividades comeza o venres 14 de xuño pola mañá coa visita aos centros escolares do concello dos artistas José A. Regidor, Frutos Casado de Lucas e José Galarzo que van impartir uns obradoiros simultáneos de acuarela, dirixidos ao alumnado do CEIP de Pedrouzos e do IES de Brión.
Pola tarde, e despois do acto oficial de benvida, os artistas afrontarán a primeira xornada de pintura do natural na contorna da Igrexa dos Ánxeles ou nos xardíns do Hotel Casa Rosalía. Unha oportunidade única para observar o traballo dos pintores e das pintoras participantes neste evento, nun auténtico obradoiro de pintura ao aire libre na fermosa contorna arquitectónica e paisaxística da parroquia de Os Ánxeles.
O mesmo venres, ás 21:00 horas, a Sala Municipal de Exposición acollerá a inauguración da mostra das obras doadas polos artistas participantes no XIII Encontro coa Arte “Lembrando a Mª Victoria Moreno, celebrado en xuño de 2018. Unha exposición que poderá visitarse durante as vindeiras semanas no mencionado espazo, situado na planta baixa da Casa da Cultura de Brión.
O sábado os artistas desprazaranse ata a Carballeira de Santa Minia, lugar onde pintarán durante toda a mañá. Asemade, neste mesmo espazo e a partir das 10:00 horas, dará comezo o III Concurso de Debuxo e Pintura rápida dirixido a rapazas e rapaces de 4 a 17 anos. Consultar as bases nesta ligazón.
Ese mesmo día, a partir das 21:00 horas e no Centro Social Polivalente, Teatro do Atlántico presenta “De abrentes e ocasos”, un recital poético-musical de poesía galega contemporánea. Participarán como intérpretes: María Barcala, Aleixandre Lago, Xulio Lago. A música correrá a cargo de Nani García. A entrada será libre ata completar aforo.
Na mañá do domingo, os Encontros rematarán por este ano cunha nova sesión de pintura do natural. Nesta ocasión, o lugar elixido para que as/os artistas trasladen as súas ferramentas de pintura e debuxo non é outro que a contorna das Torres de Altamira. Un lugar referencial da historia de Brión que os artistas inmortalizarán nos seus lenzos e coas súas cámaras.
Unha última cousa que, de seguro, interesará a todas as afeccionadas e todos os afeccionados á arte, durante as tres xornadas deste evento, a sala de exposicións municipal acollerá un Mercado da Arte. Un lugar onde as pintoras e os pintores participantes no Encontro expoñerán para venta unha selección das súas obras en diferentes formatos. O horario de apertura será:
- Venres, de 16:30 a 20:30 h.
- Sábado, de 9:30 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h.
- Domingo, de 9:30 a 14:00 h.
0 comentarios :
Publicar un comentario