luns, 2 de marzo de 2026

Club de lectura: "Y apenas nada" de Eduardo Rojas

Despois de achegarnos á obra do vigués Pedro Feijoo, o noso club de lectura cruza o Atlántico para recibir un autor que, malia a distancia xeográfica, sentimos moi próximo. Referímonos ao escritor mexicano Eduardo Rojas, un vello coñecido do noso club, ao que regresamos nesta ocasión para ler a súa última novela, Y apenas nada, publicada en 2025 pola editorial Drácena.

Nado en Ciudad de México, Eduardo é natural de Baixa California, por orixe e sentimento. Estudou Historia na Universidad Autónoma de México e na Universidade de Santiago de Compostela. Preto da capital galega reside e escribe dende hai anos.

“Y apenas nada” é un relato evocador, sinxelo no argumento, onde plasma a relación dunha nai co seu fillo desaparecido nunha aldea costeira do Golfo de California. Melancólica, escrita cunha prosa cargada de lirismo, Eduardo constrúe un relato que se le con avidez e se goza dende as primeiras páxinas ata as derradeiras.

Para comentar a obra, reunirémonos na biblioteca municipal o vindeiro 9 de abril ás 20:00 h. Unha xuntanza moi especial, pois desta vez contaremos nela coa presencia de Eduardo Rojas que nos acompañará para compartir connosco a súa experiencia creativa e recibir as nosas impresións lectoras.

0 comentarios :

Publicar un comentario