martes, 21 de outubro de 2025

Nova lectura do club: "Eu servín ao Rei de Inglaterra" de Bohumil Hrabal

Co inicio do outono, comezamos unha nova temporada de lecturas no Club. Para por en común na primeira xuntanza, arrancamos cun título do autor checo Bohumil Hrabal, publicado en lingua galega pola editorial Rinoceronte na colección Contemporánea.

Falo de “Eu servín ao Rei de Inglaterra”, un relato en primeira persoa dun aprendiz de camareiro no hotel Praga Dourada como fío condutor. Un mozo aparentemente insignificante pero extraordinariamente ambicioso, que soña con facerse rico e respectado servindo ás persoas adecuadas.

Cunha voz chea de ironía e humor, o protagonista vai percorrendo hoteis de luxo, situacións absurdas e episodios históricos tan brillantes como tráxicos, mentres observa —ás veces con inocencia, outras con descaro— como funciona realmente o mundo. Vivencias persoais enmarcadas na historia de Checoslovaquia dende os anos anteriores á ocupación nazi ata a chegada dos soviéticos e o comunismo.

O autor

Bohumil Hrabal (Brno, 1914 – Praga, 1997) estudou dereito, historia da literatura, arte e filosofía. Obrigado a deixar a vida académica, pasou por diferentes empregos, acumulando experiencias que lle servirían de inspiración para as súas obras, entre as que destacamos “Unha soidade demasiado ruidosa”, “Trens rigorosamente vixiados” ou esta que nos ocupa.
 
Para comentar o libro, reunirémonos o xoves 27 de novembro na biblioteca municipal, ás 20:00 h.

0 comentarios :

Publicar un comentario