martes, 26 de xaneiro de 2021

Lembranza importante. A biblioteca municipal pecha as súas portas pero mentense aberta na Rede [Editado]

Por mor da crise sanitaria provocada pola COVID-19, e ao abeiro das directrices ditadas pola Xunta de Galicia, dende o mércores 27 de xaneiro e durante, como mínimo, tres semanas as biblioteca públicas da comunidade permaneceremos pechadas.
 
A biblioteca municipal de Brión non será unha excepción, aínda que manteremos todas as canles telemáticas de comunicación coas/cos nosas/os usuarias/os abertas. Mesmo coas portas pechadas, seguiremos traballando para resolver calquera cuestión que a cidadanía nos transmita. A través do teléfono 981 50 99 69 (tardes, de 15:30 a 21:30 h.) atenderemos calquera dúbida ou consulta. A través dos correos electrónicos e das redes sociais da bibliotecas manteremos canles de comunicación con que desexe contactar connosco.
 
Calquera veciña/o de Brión que desexe devolver materiais desta biblioteca durante este período, poderá facelo na caixa habilitada para tal fin no recibidor da biblioteca, en horario de 15:30 a 21:30 h. (luns a venres). Polas mañás, poderán entregarse na Casa da Cultura. Asemade, a devolución dos préstamos que venzan durante este período adiarase ata a apertura do centro. As/os usuarias/os doutros concellos non terán problema en pospoñer a entrega dos mesmos ata que se recupere a mobilidade entre municipios.
 
Naturalmente, que a biblioteca peche temporalmente non significa que debamos deixar de ler e gozar de contidos culturais. A través das plataformas de préstamo dixital GaliciaLe e eBibliodacoruna, as/os usuarias/os que dispoñan do carné de Rede poderán acceder a numerosos libros, audio libros, revistas, películas... que poderán gozar na súa computadora, e-readers compatibles e dispositivos móbiles (teléfonos intelixentes, tabletas).
 
Tamén nos manteremos activos nas redes sociais Facebook e Twitter achegando, na medida do posible, recomendacións de lectura, novas e outros contidos informativos, culturais e de lecer.
 
Mantédevos sas e sans, axiña volveremos a vernos na biblioteca. Non deixes de seguirnos na Rede. Grazas por estar aí.

0 comentarios :

Publicar un comentario