Un ano máis celebramos o Día da Ilustración, unha efeméride que conmemora e reivindica o papel das/os profesionais da ilustración, sen dúbida fundamental na industria cultural, especialmente no sector editorial. Porque unha imaxe é complemento esencial da palabra escrita en moitas publicacións, sen esquecer o protagonismo que ten en xéneros como a BD, o mundo da creación publicitaria (carteis, folletos...), o cinema, etc.
O 30 de xaneiro, coincidindo co día de nacemento de Castelao, homenaxéase a unha/un ilustradora/or histórica/o galega/o. A protagonista deste ano é a coruñesa Lolita Díaz Baliño (1905-1963), pintora e mestra, primeira muller membro da Real Academia Galega de Belas Artes. Foi unha pioneira artista multidisciplinar que desafiou as convencións sociais da época. Criouse nunha familia de artistas (era tía de Isaac Díaz Pardo), e destacou desde moi nova na fotografía e na pintura.
O Día da Ilustración é unha iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). No portal web monográfico dedicado a autora homenaxeada poderemos atopar distintos recursos para comprender mellor esta celebración e coñecer un pouco máis a Lolita Díaz Baliño (preme nas ligazóns):
Catro visións sobre Lolita Díaz Baliño, onde catro ilustradoras galegas (Lidia Cao, Nuria Figueiredo, Iria Ribadomar e Laura Romero) ofrecen a súa visión persoal de Lolita Díaz Baliño,
mediante ilustracións realizadas especialmente para a ocasión.
Charlas en vídeo: coa ilustradora invitada Carla Berrocal e "Lolita Díaz Baliño: ilustradora de soños" con Rosa Sarmiento
Actividades:Obradoiros, exposicións e actividades nas bibliotecas públicas e nas escolas de arte de Galicia.
0 comentarios :
Publicar un comentario