luns, 18 de maio de 2020

Maio Cultural-Letras Galegas nas Redes 2020: Programación especial

Do 15 ao 22 de maio, Brión celebra o Maio Cultural-Letras Galegas 2020 co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas. Unha programación que, por mor da crise sanitaria provocada pola COVID-19, se converte en virtual. A través deste portal web e das redes sociais da biblioteca compartimos coa cidadanía diferentes recursos e actividades culturais relacionadas coas nosas Lingua e Literatura. De seguido, recompilamos as achegas e colaboracións específicas realizadas por veciños e amigos, relacionados co mundo da cultura, para celebrar a festa das nosas letras e conmemorar a figura do autor homenaxeado este ano, Ricardo Carvalho Calero.

Venres 15 de maio:

Luís Vallecillo

Iniciamos o Maio Cultura-Letras Galegas nas Redes co noso amigo e veciño Luís Vallecillo que comparte connosco unha canción. Un un tema inédito que compuxo hai uns anos: "Buscando a Rosalía". Unha canción dedicada a Rosalía de Castro, primeira persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas no ano 1963.

O tema forma parte do espectáculo "Cantares das Letras", un proxecto creado para festexar xunto coas familias o "Día das Letras Galegas". Moitas grazas Luís, e esperamos que axiña nos volvamos ver en vivo na biblioteca.

  As Letras na Carballeira co CEIP de Pedrouzos

Cada maio, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, todo o alumnado e profesorado do CEIP de Pedrouzos sube ata a Carballeira de Santa Minia para participar no festival "As Letras na Carballeira". Un evento no que colabora o Departamento de Cultura do Concello de Brión.

Este ano, estaba previsto homenaxear a figura de Ricardo Carvalho Calero con música, danza, poesía... e cunha actuación de Charo Pita e Xoán Curiel. Pero, debido á crise sanitaria provocada pola COVID-19 non vai poder ser. Por iso, el@s quixeron acompañarnos igualmente nun vídeo que o centro de Primaría brionés desexa compartir con todos/as. Grazas e feliz Día das Letras Galegas 2020.

 

Sábado 16 de maio:

Alberto Álvarez recita un poema de Carvalho Calero

O compañeiro Alberto Álvarez, técnico de Cultura do Concello de Brión, recita para o Maio Cultural-Letras Galegas 2020 nas Redes un poema de Ricardo Carvalho Calero: "Somos os pacifistas", publicado na obra "Reticências... (1986-1989)", en 1990 pola editorial Sotelo Blanco.


Domingo, 17 de maio:

David Orihuela recrea a Carvalho Calero

Para celebrar o Maio Cultural-Letras Galegas 2020, o amigo e colaborador David Orihuela,
integrante de Mancuco Animación, enviounos un vídeo onde nos presenta unha breve biografía de D. Ricardo Carvalho Calero mentres o debuxa.
Unha achega destinada ás crianzas coa que todas/os coñeceremos mellor a traxectoria vital do autor homenaxeado no Día Das Letras Galegas 2020

Lucho Penabade, de Os Quinquilláns, felicítanos as Letras Galegas

O noso amigo e veciño Lucho Penabade de Os Quinquilláns comparte connosco no Maio Cultural-Letras Galegas 2020 este vídeo para felicitar o Día das Letras Galegas e lembrar a figura de Ricardo Carvalho Calero.


Luns, 18 de maio:

Charo Pita agasállanos unha historia

A nosa amiga Charo Pita, escritora e narradora excepcional, felicítanos as Letras Galegas e comparte connosco un conto escollido especialmente para este Maio Cultural-Letras Galegas 2020 nas redes.


Martes, 19 de maio:

Minguante presentan "Estrelas"

Continuamos co Maio Cultural-Letras Galegas nas redes para celebrar o Día Das Letras Galegas e conmemorar a figura de Carvalho Calero. Miguel Alonso e Óscar Martínez comparten connosco no Maio Cultural- Letras Galegas de Brión 2020 unha versión acústica gravada na casa desta canción de Minguante. Con letra e música Óscar Martínez.

 

Mércores, 20 de maio:

"María siléncio", poema de Ricardo Carvalho Calero

María José Casal, Alessandra Cebro, Ana Fernández, Conchi Pereira e Leticia Miraz, integrantes do grupo de pandeireta perfeccionamento das Escolas Municipais de Música e Danza Tradicionais de Brión, recitan dende as súas casas o poema de Ricardo Carvalho Calero "María siléncio" para celebrar as Letras Galegas.

 

Xoves, 21 de maio:

Irene Quinteiro agasállanos dous poemas 

Unha nova achega ao Maio Cultural-Letras Galegas 2020 nas redes de Brión para conmemorar o Día das Letras Galegas e á figura de Carvalho Calero. A nosa amiga Irene Quinteiro Blanco recita dous poemas da súa autoría para felicitarnos as Letras Galegas. Presentamos "Carta aberta" e "Postdata".

Venres, 22 de maio:

Conto dramatizado: "As pitas baixo a choiva" de Ricardo Carvalho Calero

Como o prometido é débeda, aquí está a sorpresa da que falaramos para conmemorar a figura de Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020.
Presentamos unha adaptación dramatizada do conto "As pitas baixo a choiva" de Ricardo Carvalho Calero, baseado no texto do álbum publicado por Edicións Embora en 2008. O relato veu a luz por vez primeira na revista Lar en 1952.
Adaptada por Sandy Cebral, que creou a escenografía e caracterizou aos personaxes. Narrada por Alberto Álvarez e montada/animada por Armando Patiño.


 Escolas Municipais de Música e Danza Tradicionais de Brión

As alumnas Iria Orosa Diz de Pandeireta e Baile Grupo 1B e Alba Lucía Santamaría González de Baile Grupo 3 e Pandeireta Grupo 2, integrantes das Escolas Municipais de Música e Danza Tradicionais de Brión, comparten este vídeo connosco para celebrar o Maio Cultural e as Letras Galegas.


O alumnado da EEI de Os Ánxeles celebra as Letras Galegas

A EEI de Os Ánxeles (Brión) comparte un vídeo realizado cos traballos que o alumnado desta escola realizou para conmemorar o Día das Letras Galegas 2020.

 

0 comentarios :

Publicar un comentario