Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

Amosando publicacións coa etiqueta Ricardo Carvalho Calero. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ricardo Carvalho Calero. Amosar todas as publicacións

luns, 18 de maio de 2020

Maio Cultural-Letras Galegas nas Redes 2020: Programación especial

Do 15 ao 22 de maio, Brión celebra o Maio Cultural-Letras Galegas 2020 co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas. Unha programación que, por mor da crise sanitaria provocada pola COVID-19, se converte en virtual. A través deste portal web e das redes sociais da biblioteca compartimos coa cidadanía diferentes recursos e actividades culturais relacionadas coas nosas Lingua e Literatura. De seguido, recompilamos as achegas e colaboracións específicas realizadas por veciños e amigos, relacionados co mundo da cultura, para celebrar a festa das nosas letras e conmemorar a figura do autor homenaxeado este ano, Ricardo Carvalho Calero.

Venres 15 de maio:

Luís Vallecillo

Iniciamos o Maio Cultura-Letras Galegas nas Redes co noso amigo e veciño Luís Vallecillo que comparte connosco unha canción. Un un tema inédito que compuxo hai uns anos: "Buscando a Rosalía". Unha canción dedicada a Rosalía de Castro, primeira persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas no ano 1963.

O tema forma parte do espectáculo "Cantares das Letras", un proxecto creado para festexar xunto coas familias o "Día das Letras Galegas". Moitas grazas Luís, e esperamos que axiña nos volvamos ver en vivo na biblioteca.

  As Letras na Carballeira co CEIP de Pedrouzos

Cada maio, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, todo o alumnado e profesorado do CEIP de Pedrouzos sube ata a Carballeira de Santa Minia para participar no festival "As Letras na Carballeira". Un evento no que colabora o Departamento de Cultura do Concello de Brión.

Este ano, estaba previsto homenaxear a figura de Ricardo Carvalho Calero con música, danza, poesía... e cunha actuación de Charo Pita e Xoán Curiel. Pero, debido á crise sanitaria provocada pola COVID-19 non vai poder ser. Por iso, el@s quixeron acompañarnos igualmente nun vídeo que o centro de Primaría brionés desexa compartir con todos/as. Grazas e feliz Día das Letras Galegas 2020.

 

Sábado 16 de maio:

Alberto Álvarez recita un poema de Carvalho Calero

O compañeiro Alberto Álvarez, técnico de Cultura do Concello de Brión, recita para o Maio Cultural-Letras Galegas 2020 nas Redes un poema de Ricardo Carvalho Calero: "Somos os pacifistas", publicado na obra "Reticências... (1986-1989)", en 1990 pola editorial Sotelo Blanco.


Domingo, 17 de maio:

David Orihuela recrea a Carvalho Calero

Para celebrar o Maio Cultural-Letras Galegas 2020, o amigo e colaborador David Orihuela,
integrante de Mancuco Animación, enviounos un vídeo onde nos presenta unha breve biografía de D. Ricardo Carvalho Calero mentres o debuxa.
Unha achega destinada ás crianzas coa que todas/os coñeceremos mellor a traxectoria vital do autor homenaxeado no Día Das Letras Galegas 2020

Lucho Penabade, de Os Quinquilláns, felicítanos as Letras Galegas

O noso amigo e veciño Lucho Penabade de Os Quinquilláns comparte connosco no Maio Cultural-Letras Galegas 2020 este vídeo para felicitar o Día das Letras Galegas e lembrar a figura de Ricardo Carvalho Calero.


Luns, 18 de maio:

Charo Pita agasállanos unha historia

A nosa amiga Charo Pita, escritora e narradora excepcional, felicítanos as Letras Galegas e comparte connosco un conto escollido especialmente para este Maio Cultural-Letras Galegas 2020 nas redes.


Martes, 19 de maio:

Minguante presentan "Estrelas"

Continuamos co Maio Cultural-Letras Galegas nas redes para celebrar o Día Das Letras Galegas e conmemorar a figura de Carvalho Calero. Miguel Alonso e Óscar Martínez comparten connosco no Maio Cultural- Letras Galegas de Brión 2020 unha versión acústica gravada na casa desta canción de Minguante. Con letra e música Óscar Martínez.

 

Mércores, 20 de maio:

"María siléncio", poema de Ricardo Carvalho Calero

María José Casal, Alessandra Cebro, Ana Fernández, Conchi Pereira e Leticia Miraz, integrantes do grupo de pandeireta perfeccionamento das Escolas Municipais de Música e Danza Tradicionais de Brión, recitan dende as súas casas o poema de Ricardo Carvalho Calero "María siléncio" para celebrar as Letras Galegas.

 

Xoves, 21 de maio:

Irene Quinteiro agasállanos dous poemas 

Unha nova achega ao Maio Cultural-Letras Galegas 2020 nas redes de Brión para conmemorar o Día das Letras Galegas e á figura de Carvalho Calero. A nosa amiga Irene Quinteiro Blanco recita dous poemas da súa autoría para felicitarnos as Letras Galegas. Presentamos "Carta aberta" e "Postdata".

Venres, 22 de maio:

Conto dramatizado: "As pitas baixo a choiva" de Ricardo Carvalho Calero

Como o prometido é débeda, aquí está a sorpresa da que falaramos para conmemorar a figura de Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020.
Presentamos unha adaptación dramatizada do conto "As pitas baixo a choiva" de Ricardo Carvalho Calero, baseado no texto do álbum publicado por Edicións Embora en 2008. O relato veu a luz por vez primeira na revista Lar en 1952.
Adaptada por Sandy Cebral, que creou a escenografía e caracterizou aos personaxes. Narrada por Alberto Álvarez e montada/animada por Armando Patiño.


 Escolas Municipais de Música e Danza Tradicionais de Brión

As alumnas Iria Orosa Diz de Pandeireta e Baile Grupo 1B e Alba Lucía Santamaría González de Baile Grupo 3 e Pandeireta Grupo 2, integrantes das Escolas Municipais de Música e Danza Tradicionais de Brión, comparten este vídeo connosco para celebrar o Maio Cultural e as Letras Galegas.


O alumnado da EEI de Os Ánxeles celebra as Letras Galegas

A EEI de Os Ánxeles (Brión) comparte un vídeo realizado cos traballos que o alumnado desta escola realizou para conmemorar o Día das Letras Galegas 2020.

 

domingo, 17 de maio de 2020

17 de maio, Día das Letras Galegas Ricardo Carvalho Calero

Bo Día das Letras Galegas a todas/os. Unha data que este ano celebramos dun xeito diferente, debido á crise sanitaria que por desgraza estamos a vivir. Pero un día que resplandece coma o sol de primavera do seu alborecer, sen diminuír un ápice da súa fortaleza e sentido festivo de celebración das nosas letras e a nosa lingua.

Como xa sabes, a través da Rede, estamos a converter o tradicional Maio Cultura-Letras Galegas de Brión nun evento totalmente virtual para conmemorar a festa das Nosas letras a través de diferentes actividades e achegas de veciños, amigos, colaboradores, etc. que fan posible que a cultura non pare durante o des-confinamento.

Por suposto, ceibaremos nas redes sociais máis cousas relacionadas co autor homenaxeado este ano, Ricardo Carvalho Calero. Pero no día propio da celebración, queremos compartir con todas e todas unhas breves palabras do presidente da Real Academia Galega (e veciño de Brión), Víctor F. Freixanes que felicita a todas e todos os galegos neste día de celebración da festa das Nosas Letras.