Maio é o mes no que as nosas Letras florecen en Brión. Nestes días de des-confinamento por mor das medidas de contención tomadas para previr a expansión do COVID-19, renunciar á cultura non é unha opción. Porén, o Departamento de Cultura e a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Brión non imos desistir na celebración do Maio Cultural - Letras Galegas 2020. Ante estas circunstancias extraordinarias derivadas da crise sanitaria que nos impiden realizar actividades de xeito presencial, convertémolo nun evento totalmente virtual, adaptado para a súa difusión a través das redes sociais e o portal web da biblioteca entre os días 15 e 22 de maio.
Alcanzar este obxectivo en solitario non é doado. Por iso, precisamos da implicación de toda a veciñanza, especialmente daquelas persoas e colectivos vinculados coa arte, a literatura, a escena, a comunicación, a música... en definitiva, ligados e comprometidos coa cultura. Nos vindeiros días, iremos compartiremos con todos vós a súa achega a través das redes sociais da biblioteca, para celebrar a festa das nosas letras e conmemorar a figura do autor homenaxeado este ano, Ricardo Carvalho Calero.
Se o desexas, ti tamén podes participar neste proxecto dun xeito moi sinxelo. Comparte no Facebook ou Twitter, a través do cancelo #maioculturalbrión, unha recomendación literaria, cinematográfica, teatral ou musical relacionada coa nosa Lingua e Literatura. Podes, por exemplo, enviar a foto da portada dun libro, película ou disco; compartir un videoclip dun grupo musical galego que che guste... Ou fai unha breve reflexión ou comentario no formato que desexes sobre o que para ti significa o Día das Letras Galegas e o personaxe homenaxeado na edición deste ano: Ricardo Carvalho Calero.
O Maio Cultural-Letras Galegas de Brión está aquí e este ano a festa vai ser nas Redes. Animádevos a participar.
0 comentarios :
Publicar un comentario