Despois de ler e comentar “As mágoas do mozo Werther” cambiamos completamente de rexistro e pasamos a unha lectura contemporánea: “84 Charing Cross Road” da autora estadounidense Helene Hanff.
Publicado por primeira vez en 1970, a obra narra os 20 anos de correspondencia da escritora con Frank Doel, o principal vendedor de Marks & Co., unha libraría londiniense, do cal ela dependeu para conseguir os escuros clásicos e os títulos da literatura británica. Chegou a estar intimamente relacionada coas vidas do persoal da tenda, enviándolles comida durante a escaseza da posguerra e compartindo con eles os detalles da súa vida en Manhattan.
xoves, 28 de novembro de 2013
84, Charing Cross Road, vindeira lectura do club.
Naceu en Philadelphia, Pensilvania, no ano 1916 e finou en New York en abril de 1997. De formación autodidacta, iniciou a súa carreira literaria escribindo obras de teatro e, máis adiante, guións para a televisión, libros infantís, ensaios históricos e políticos e colaboracións no New Yorker e Harper's. A fama chegoulle despois de publicar “84, Charing Cross Road”, que inspirou unha película protagonizada por Anne Bancroft e Anthony Hopkins.
En outubro de 1949, Helene Hanff, unha nova escritora descoñecida, envía unha carta dende Nova York a Marks & Co., a libraría situada no 84 de Charing Cross Road, en Londres. Apaixonada, maniática, extravagante e moitas veces sen un duro, a señorita Hanff reclámalle ao libreiro Frank Doel volumes pouco menos que imposibles de localizar que tranquilizarán a súa insaciable sede de descubrimentos. Vinte anos máis tarde, continúan escribíndose, e a familiaridade converteuse nunha intimidade case amorosa.
Para comentar o líbro, reunirémonos o vindeiro mércores 11 de decembro.
Como de costume, ás 20:30 h. na BPM de Brión. Ata entón, boas lecturas.
0 comentarios :
Publicar un comentario