Porque Vidal Bolaño sempre estará aquí, en Brión na memoria colectiva do todos. Dos que o coñeceron persoalmente e dos que o descobren por primeira vez. O legado máis valioso que nos deixou é a súa obra literaria e unha importante achega á dramaturxia galega contemporánea na que exerceu case todos os oficios. Porque no teatro galego hai un antes e un despois de Vidal Bolaño, e grazas a el tamén haberá un brillante futuro. A súa herdanza sirve de inspiración e guía a autores, directores e actores que continúan na senda dun home polifacético que o dou todo polo seu oficio.
Brión realiza a súa particular homenaxe a Roberto a través dunha programación especial da Feira do Libro-Letras Galegas 2013. Uns actos que se prolongarán de maio a novembro no Ano Roberto Vidal Bolaño. Dentro do apartado teatral destacamos dúas actuacións que terán lugar neste mes de maio. Dúas representación únicas que terán lugar o sábado 18, coa compañía ‘Teatro do Aquí’, e o día 25, con ‘Teatro Antroido’.
![]() |
Roberto e Belén co equipo de "Teatro do Aquí" nas antigas instalacións da BPM de Brión |
O día 18 de maio “Criaturas”, de 'Teatro do Aquí' achéganos a montaxe orixinal de Roberto Vidal Bolaño a través da dirección de Evaristo Calvo. Despois da súa representación en Oleiros (26 e 27 de abril), Muros (3 e 4 de maio), Vilagarcía (10 de maio) e Santiago de Compostela (do 15 ao 17 de maio) o emblemático texto do xenial dramaturgo represéntase en Brión no Centro Social Polivalente ás 20:30 h., con entrada libre.
O sábado 25 de maio 'Teatro Antroido' presenta en Brión “BailadELAS: mulleres boloñesas” de Roi Vidal sobre textos Roberto Vidal Bolaño. 'BailadELAS' está dirixida por Roi Vidal Ponte e Xavier Estévez e
interpretada pola actriz Laura Ponte, impulsora xunto con Roberto Vidal
Bolaño da compañía Teatro Antroido, revivida para esta produción onde a
persoa e as personaxes de Roberto Vidal Bolaño, protagonizan unha obra
única para un ano único. A representación será de novo no Centro Social Polivalente ás 20:30 h. con entrada de balde.
Dous espectáculos, dúas oportunidades únicas para coñecer a obra do dramaturgo, actor e director que marcou un antes e un despois no teatro galego de onte, hoxe e sempre.
Dous espectáculos, dúas oportunidades únicas para coñecer a obra do dramaturgo, actor e director que marcou un antes e un despois no teatro galego de onte, hoxe e sempre.
0 comentarios :
Publicar un comentario