Tras ler  "La sonrisa etrusca" de José Luis Sampedro, a vindeira lectura  é  "De ratos e homes" (Of Mice
    and Men, 1937). O  autor John
    Steinbeck  (California 1902-New York, 1968) é un dos escritores
    americanos de maior sona no S. XX, Premio Nobel de Literatura en 
    1962.
A obra
A historia sitúase nunha granxa preto de
    Soledad no Val de Salinas durante a Gran Depresión (1929-1939). A
    novela relata a tráxica historia de George Milton e Lennie Small,
    dous traballadores agrícolas itinerantes que soñan con ter algún día
    unha pequena granxa. George, pequeno e intelixente, fai de figura
    paterna de Lennie, que é grande, forte e inxenuo. A Lennie, que é
    candorosamente estúpido cústalle aprender as cousas e encántalle
    todo o que é brando, pero a súa inmensa forza física é unha fonte de
    problemas e George, o único amigo de Lennie, ten que calmalo. A obra foi traducida a numerosas linguas e adaptada  ao teatro, o
    cine e a TV. 
O autor
John Steinbeck é un narrador e dramaturgo estadounidense, famoso
    polas súas novelas que o sitúan na primeira liña da corrente
    naturalista ou do realismo social americano, xunto a nomes como E.
    Caldwell e outros. 
    Estudou na Universidade de Stanford, pero dende moi temperán tivo
    que traballar duramente como albanel, xornaleiro rural, agrimensor
    ou empregado de tenda. Na década de 1930 describiu a pobreza que
    acompañou á Depresión económica e tivo o seu primeiro recoñecemento
    crítico coa novela “Tortilla Flat”, en 1935.
O seu estilo, herdeiro do naturalismo e próximo ao periodismo,
    susténtase non obstante nunha gran carga de emotividade nos
    argumentos e no simbolismo que trasuntan as situacións e personaxes
    que crea, como acontece nas súas obras maiores: Of Mice and Men
    (“De ratos e homes”) (1937), The Grapes of Erath (“As uvas
    da ira”) (1939) e East of Eden ("Ao leste do Edén") (1952).
Fontes: wikipedia : http://www.biografiasyvidas.com
 
 
 
 
 
 
 
0 comentarios :
Publicar un comentario