HORARIO DE VERÁN: AGOSTO
Dende o 27 de xullo ata o 31 de agosto
a biblioteca municipal permanecerá pechada.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

Amosando publicacións coa etiqueta concursos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta concursos. Amosar todas as publicacións

venres, 14 de xullo de 2023

#HoxeEscriboEn 2023: Relatos para viaxar polos concellos da provincia da Coruña

 A Biblioteca Provincial e Turismo da Deputación da Coruña lanzan unha nova edición do concurso #HoxeEscriboEn. Porque, 93 concellos da provincia dan para moito escribir. Trátase dunha iniciativa que busca sacar á luz o noso talento creativo, ao mesmo tempo que fomentar o patrimonio dos concellos nos que vivimos.

Para participar, redacta un relato ambientado ou referido ao concello no que vives; pode estar relacionado coa historia local, con unha lenda, con unha tradición do teu concello, con un persoeiro destacado, cos valores positivos do teu concello, a riqueza natural, cultural ou medioambiental... calquera aspecto que axude a destacar o lugar no que vives.

O prazo de presentación dos textos é dende o 1 de xullo ata o 31 de agosto. Podes consultar as bases de participación premendo aquí.

Anímate a participar e presume do teu concello! 



xoves, 16 de xullo de 2020

Concurso #hoxeescriboen: Relatos e fotografías dos concellos da Coruña

Este verán, dende a Biblioteca Provincial e Turismo da Deputación da Coruña queren animarte a escribir e sacar á luz o teu talento creativo, ao mesmo tempo que fomentas o patrimonio do teu concello.Todo isto a través dun concurso dirixido a todas as persoas lectoras de provincia. O premio é unha noite para dúas persoas con cea, almorzo e acceso ao spa no recentemente inaugurado Parador de Muxía.

Redacta un relato ambientado ou referido ao concello no que vives, neste caso Brión. Pode estar relacionado coa historia local, cunha lenda, cunha tradición da túa vila ou aldea, cun persoeiro destacado, cos valores positivos do teu concello, a riqueza natural, cultural ou medioambiental... calquera aspecto que axude a destacar o lugar no que vives.

Presume de Brión! Envía entre catro e dez folios, acompañados dun máximo de 3 fotografías que axuden a ilustrar o relato e estean localizadas no municipio, a biblioteca.info@dacoruna.gal xunto cos teus datos persoais. Consulta antes as bases completas con atención. En setembro, un xurado valorará os relatos e fotografías e fallará o premio. Tes ata o 31 de agosto para enviarnos a túa participación. 

Ligazón coa información, na web da Biblioteca da Deputación da Coruña.

mércores, 1 de abril de 2020

#briónquedanacasa: concurso de fotografías tomadas sen saír da casa

O Concello de Brión quere unirse ás diferentes iniciativas que outros concellos están a lanzar nestes días de confinamento. Dende o Departamento de Cultura, propoñemos a toda a cidadanía participar nun concurso para facer máis lenes estas semanas nas que debemos permanecer nas nosas casas para frear a expansión do coronavirus e acabar con esta emerxencia sanitaria o antes posible.

A nosa proposta é un concurso fotográfico consistente en que nos fagades chegar fotos de Brión con imaxes que vedes a diario dende as vosas fiestras, balcóns, xardíns, hortas, etc...



Condicións para poder participar:

- As persoas participantes deberedes subir as fotos ao voso facebook co cancelo: #briónquedanacasa e etiquetar nela ao Concello de Brión (@concellodebrion)
- Pódense pendurar tantas fotos como queirades.
- Na descrición da foto, ademais do cancelo, debe incluír o lugar onde está tomada e o autor/a da mesma.
- As imaxes non deben conter persoas que se poidan identificar.
- As imaxes non poderán ter contidos sexistas ou que danen a sensibilidade das persoas.

Entre todos os participantes que publiquen as fotos coas condicións establecidas sortearanse 3 lotes de libros o vindeiro día 29 de maio.

Moita saúde, ánimo e a fotografar Brión!. Eso si, sen saír da casa.

venres, 8 de novembro de 2019

VI Concurso de guións contra a violencia de xénero organizado pola Deputación da Coruña

Desde a Deputación de A Coruña convócase por sexto ano consecutivo o Concurso de guións contra a violencia de Xénero. O obxecto do certame é elaborar un guión de curtametraxe a través do cal se xere reflexión, conciencia, sensibilización, identificación e prevención da violencia económica como forma de control e dominación.

Preténdese que a través da elaboración do guión a poboación adolescente cree debate, mobilización, fomente a súa creatividade mentres reflexionan sobre a violencia económica que inclúe a limitación ou privación intencionada e non xustificada de recursos para o benestar físico ou psicolóxico das mulleres e dos seus fillos e fillas ou persoas que delas dependen, reflexionen sobre a prohibición para traballar de forma remunerada, ameazas continuadas sobre aspectos económicos, discriminación no emprego e acceso aos recursos ou bens materiais compartidos no ámbito da convivencia ou sobre a fenda salarial existente na sociedade onde as mulleres perciben menores ingresos por iguais traballos ou peores condicións laborais.

Poderán participar todas as persoas físicas con idades comprendidas entre 12 e 18 anos, que cursen educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional ou outro tipo de formación análoga.

A convocatoria tramitarase de xeito telemático, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL) e será o centro o encargado de presentar a candidatura.

Prazo de presentación: 11 de decembro ás 14h.

Pódense consultar as bases completas no BOP nº 211 do 6 de novembro de 2019.


venres, 5 de xullo de 2019

#hoxeleoen: buscando escenarios de lectura, concurso organizado pola Biblioteca provincial e a Sección de Turismo da Deputación da Coruña

O obxecto do concurso #hoxeleoen: buscando escenarios de lectura é a dinamización e animación á lectura e a difusión do patrimonio paisaxístico e cultural dos concellos da provincia da Coruña. Para isto a Biblioteca Provincial xunto coa Sección de Turismo da Deputación da Coruña convocan un concurso de fotografías que amosen os lugares da provincia da Coruña onde os lectores gozan dos libros e a lectura durante o verán.
Cada participante pode presentar un máximo de dúas fotografías diferentes, con lecturas tamén diferentes, a través das redes sociais Twitter, Facebook ou Instagram, ou ben a través do correo electrónico biblioteca.info@dacoruna.gal. O prazo de presentación é do 8 de xullo ó 31 de agosto.
A continuación expoñemos as condicións máis polo miúdo, e xuntamos a este correo as bases completas, o cartel e un tríptico.

Participantes

Poderán participar todas as persoas físicas, maiores de idade, usuarios ou non da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña. Quedan excluídas todas as persoas con calquera tipo de relación laboral coa Biblioteca Provincial e coa Sección de Turismo da Deputación da Coruña.

Formato

As fotografías deberán ser tomadas dende un lugar da provincia da Coruña, e debe aparecer nelas o libro que se está lendo. As fotografías deben ser compartidas nas redes sociais, mencionando o título do libro, o lugar onde foi tomada a fotografía e a etiqueta do concurso #hoxeleoen.
A participación poderá ser a través de Twitter, Instagram, Facebook ou correo electrónico.
Quen participe a través dunha das redes sociais, ademais deberá remitir un correo electrónico a biblioteca.info@dacoruna.gal coa fotografía participante, o título do libro, o seu nome e apelidos, teléfono, correo electrónico, enderezo postal, lugar e concello da provincia desde o cal participa e nome de usuario da rede social. As persoas que non dispoñan de redes sociais poderán participar remitindo unicamente o mencionado correo electrónico.
O formato da lectura da que están gozando os participantes pode ser calquera: en papel, en lector de libros electrónicos, tableta, ordenador, teléfono… A lectura pode ser un libro, banda deseñada, revista, audiolibro, libro electrónico…
Cada participante pode compartir un máximo de dúas fotografías, cada unha nun lugar diferente e cunha lectura distinta.

Forma de presentación

A presentación das fotografías será a través das seguintes canles:

Twitter: compartir a foto nun perfil público, indicar o lugar desde o que se toma a foto e o nome do concello, o título e autor do libro, mencionar a @bibliodacoruna e @DACTurismo e seguilos, engadir a etiqueta #hoxeleoen; e remitir o correo electrónico mencionado na base terceira a biblioteca.info@dacoruna.gal

Instagram: compartir a foto nun perfil público, indicar o lugar desde o que se toma a foto e o nome do concello, o título e autor do libro, mencionar a @bibliodicoruna e @DACTurismo e seguilos, engadir a etiqueta #hoxeleoen; e remitir o correo electrónico mencionado na base terceira a biblioteca.info@dacoruna.gal

Facebook: facer un comentario na entrada do concurso da páxina da Biblioteca ou na da Sección de Turismo da Deputación da Coruña, indicando o lugar desde o que se toma a foto e o nome do concello, o título e autor do libro, xuntando a foto; e remitir o correo electrónico mencionado na base terceira a biblioteca.info@dacoruna.gal

– Correo electrónico: enviar a foto a biblioteca.info@dacoruna.gal indicando o lugar desde o que se toma a foto e o nome do concello, o título do libro e autor do libro, e poñendo no asunto a etiqueta #hoxeleoen, ademais dos datos mencionados na base terceira.

Prazo de presentación

O prazo de presentación das fotografías é do 8 de xullo ao 31 de agosto de 2019, ambos os dous incluídos. Non entrarán no sorteo fotografías presentadas fóra deste prazo.

Premio

Establécese un único premio que se concederá por sorteo entre todas as fotografías participantes. O premio consistirá nunha viaxe cultural a unha capital europea para dúas persoas.
Os días de aproveitamento da viaxe serán concretados coa persoa gañadora unha vez concedido o premio.
A persoa que resulte galardoada no sorteo recibirá a comunicación do premio o día 9 de setembro polo mesmo medio no que participou, e/ou polos datos de contacto remitidos obrigatoriamente por correo electrónico.
Así mesmo, publicarase o gañador nas tres redes sociais mencionadas (Twitter, Instagram e Facebook) e na páxina web da Biblioteca.
Ademais, todas as persoas participantes que cumpran as bases recibirán un agasallo por correo postal.

Entrega do premio

A data do acto de entrega do premio, que terá lugar na Biblioteca da Deputación da Coruña, será anunciada xunto co nome da persoa gañadora o día 9 de setembro.
É requisito imprescindible para a aceptación do premio a recollida presencial deste no acto público que se detallará o día do anuncio do nome da persoa gañadora.

Dereitos e deberes

A participación no concurso leva aparellada a autorización para publicar as fotografías e os seus datos nos diferentes medios impresos e dixitais que utiliza a Biblioteca, incluídas as redes sociais.
As fotografías presentadas ao concurso de xeito incompleto ou que non se axusten ou incumpran as bases, así como aquelas de contido inadecuado, serán excluídas.
A participación no concurso implica a aceptación total destas bases, e que os participantes se fan responsables da autoría e contido das fotografías, que non vulnerarán os dereitos de honra, intimidade persoal / familiar e á propia imaxe de terceiros.

Fonte: Biblioteca provincial da Deputación da Coruña

mércores, 28 de novembro de 2018

A Deputación da Coruña convoca o V Concurso de guións contra a violencia de xénero

Encadradas dentro das actividades a prol da igualdade e contra a violencia de xénero, a Deputación da Coruña convocou o V Concurso de guións contra a violencia de xénero.
O obxecto deste certame consiste na elaboración dun guión dunha curtametraxe a través do cal se convide á reflexión, concienciación, sensibilización e prevención da violencia de xénero. Con esta actividade preténdese que a poboación adolescente xere debate, mobilización e fomente a súa creatividade ao tempo que reflexiona sobre a importancia de combater e denunciar a violencia de xénero.
Citando palabras dos organizadores , o principal obxecto do concurso é procurar a participación e fomentar o compromiso da comunidade educativa como piar necesario para guiar e orientar no proceso de creación. Paralelamente o concurso tamén promove o traballo en equipo, así como a aprendizaxe do medio audiovisual.

Quen pode participar?

Mozas e mozos con idades comprendidas entre os 12 e 18 anos que cursen Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional ou outro tipo de estudos análogos, de calquera nacionalidade, que se presenten individualmente ou preferentemente en grupo (máximo 6 integrantes), supervisados e baixo a titoría de persoal docente do centro público de estudos ao que se adscribe, pertencentes á provincia da Coruña, e apoiados pola Dirección do centro.
Cada participante poderá presentar un único guión orixinal e inédito, non premiado con anterioridade. Non poderán participar as persoas gañadoras en edicións anteriores.
Premiarase ao mellor guión, no que se combinen aptitudes artísticas e creativas do alumnado na creación dun guión imaxinativo, con impacto social e potencialidade audiovisual, orixinal e non publicado que en tan só uns minutos pretenda concienciar a poboación, en xeral, dos motivos polos que debemos xuntar os nosos esforzos para combater a violencia de xénero e erradicar esta lacra social. Terase en conta a viabilidade da posterior produción audiovisual.

Premios

Outorgarase un único premio ao guión gañador que consistirá nun curso práctico de realización de curtametraxes, no que se producirá un audiovisual con base no guión gañador que se adaptará segundo as necesidades e onde as persoas participantes poderán ser partícipes e protagonistas en todo o proceso.
Así mesmo, outorgarase un premio en metálico de 4.000 euros ao centro educativo que supervise ao guión gañador.
Poden consultar as bases da convocatoria para o ano 2018 na seguinte ligazón:

Prazo de presentación de instancias ata: 26 decembro de 2018.

Os traballos entregaranse en formato dixital e papel seguindo as indicacións das bases do enlace:

mércores, 13 de xullo de 2016

A biblioteca da Deputación da Coruña proponche un concurso de fotografía para este verán

A biblioteca da Deputación da Coruña proponche para este verán un concurso de fotografía relacionado coa lectura:
#BDconMiLibroyMiSombrilla
"Buscando escenarios de lectura" (4ª Ed.)
,
que quere que compartas co resto de usuarios a través das redes sociais unha foto co teu lugar favorito da provincia de A Coruña para gozar dunha boa lectura. 

Como participar neste certame:

-No Instagram: subir a fotografía e no pé de foto, mencionar a conta da Biblioteca (@bibliodicoruna), o lugar e engadir a etiqueta do concurso que corresponda:
 #BDconMiLibroyMiSombrilla.
-No Twitter: mencionar a conta da Biblioteca (@Bibliodacoruna), indicar o lugar seleccionado, engadir a fotografía e a etiqueta do concurso: #BDconMiLibroyMiSombrilla.
-No Facebook: deixar un comentario coa etiqueta que corresponda #BDconMiLibroyMiSombrilla na entrada do concurso e engadira fotografía coa que ides a participar.
-Para os concursantes que non teñan ningunha das redes sociais anteriores, tamén se pode  achegar por correo electrónico ao enderezo: biblioteca.info@dacoruna.gal a fotografía co título correspondente, poñendo no asunto da mensaxe: #BDconMiLibroyMiSombrilla

O dia 31 de agosto finalizará o prazo e o día 2 de setembro os organizadores levarán a cabo un sorteo entre todos os participantes, escollendo dúas fotografías, ás que se lle fará entrega de cadanseu agasallo da Biblioteca que consistirán en:

1. Un lote de produtos promocionais da Biblioteca da Deputación da Coruña, no que se inclúe un lote de libros do premio "Luis Ksado" que edita a Deputación da Coruña.
2. Un gravado de edición limitada serigrafía de Asun Parrilla e Elena García Blázquez.
3.Un agasallo institucional da Deputación da Coruña, de pezas de Olería de Buño.

Nota 1: Non é preciso ser socio da Biblioteca para poder participar.
Nota 2: Aínda que non apareza na imaxe deberá indicarse o título da obra que se vaia ler
Nota 3: Debe indicarse tamén o lugar da provincia onde foi tomada a fotografía.
Nota 4: A participación neste concurso obriga ao autor a aceptar estas bases e a dar permiso á Biblioteca da Deputación para publicar as fotografías presentadas nos medios impresos ou electrónicos que considere oportunos, tanto para a súa promoción e exposición durante o transcurso do concurso, como á finalización deste.

mércores, 7 de xaneiro de 2015

Gañadores do concurso de tarxetas de Nadal 2014 (Editado)

Un Nadal máis, o Concello de Brión convocou o tradicional concurso de tarxetas de Nadal destinado aos escolares dos centros de ensino do municipio.

Despois dunha difícil selección, o xurado deu a coñecer o seu veredicto, escollendo as que considera mellores postais de Nadal deste ano.

A todos os concursantes, moitas grazas pola vosa participación e por agasallarnos estas festas cunhas tarxetas desbordantes de imaxinación e calidade artística.

 PREMIOS:

•Vale de 40 euros para as aulas da escola de educación infantil dos Ánxeles.
•Vale de 25 euros para as aulas da escola de educación infantil de Sabaxáns.
•Vale de 20 euros para a aula da escola de educación infantil de Luaña.
•Vale de 65 euros para as aulas de educación infantil de Pedrouzos.
•Vale de 25 euros para a escola infantil municipal.

PRIMARIA

1º PREMIO: VALE DE 30 EUROS CANXEABLE POR LIBROS, XOGOS OU MATERIAL ESCOLAR
2º PREMIO: VALE DE 25 EUROS
3º PREMIO: VALE DE 20 EUROS


1º CICLO DE PRIMARIA

1º PREMIO: MARA VILLAMARIN GARCÍA DE 2º C
2º PREMIO: CAROLINA E LUCAS MUÑOZ ROMERO * DE 1º C
3º PREMIO: CARMEN MIGUENS BOTANA DE 2º B

2º CICLO DE PRIMARIA

1º PREMIO: ANA CRUSAT DEZA DE 4º A
2º PREMIO: ALEJANDRO MATA SOUTO DE 4º C
3º PREMIO: CLAUDIA RODRÍGUEZ LORENZO DE 3º C

3º CICLO DE PRIMARIA

1º PREMIO: ALBERTO PRIETO TABOADA DE 6º B
2º PREMIO: BRAIS PÉREZ LÓPEZ DE 5º C
3º PREMIO: ALYSSA VIDAL CASAL DE 5ºB

Ademais, levaran un libro de agasallo do Concello os/as seguintes finalistas:

Valentina Rodríguez Ferreiro de Inf. 4B
Iván Becerra Rodríguez de Inf. 4A
Rosalía García Fernández de Inf. 5A
Paula Villamarín García de Inf. 5B
Candela Alonso Bello de Inf. 6A
Ainhoa Rincón Carrillo de Inf. 6B
Pablo Grille Basante de 1A
Julia Rama González de 1B
Adrian Diéguez Curros de 2A
Sofia Casal Gómez de 3A
Manuel Alonso Bello de 3B
Claudia Rodríguez González de 4B
Uxía Gómez Pérez de 5A
Mateo Fernández Fernández de 6A
Angela Pérez Vieito de 6C

Parabéns a todos os premiados!

Ligazón á galería de imaxes das postais premiadas

*NOTA: Corriximos un erro detectado no 2º Premio na categoría 1º Ciclo de Primaria

mércores, 13 de xuño de 2012

O concurso Brionatura deu a coñecer as fotos gañadoras de 2012

O concurso de fotografía Brionatura 2012 deu a coñecer os seus gañadores. Pablo Conde, veciño de Brión, acadou coa súa obra "Roteiro misterioso" o primeiro premio da 4ª edición do Concurso de Fotografía Brionatura, que este ano estivo dedicado aos camiños do municipio. O premio consiste nun circuíto termal no Hotel Balneario de Compostela para dúas persoas que inclúe cea e noite.
O segundo premio foi para Agustín Iglesias Otero que presentou unha fotografía tirada na aldea de Vilas.
Galería de imaxes coas fotos gañadoras e finalistas