LEMBRANZA IMPORTANTE
O martes 1 de xullo, a biblioteca municipal
permanecerá pechada en horario de tarde.

xoves, 24 de abril de 2025

A Maxia dos libros inunda Brión

Para conmemorar o 23 de abril, Día do Libro, a biblioteca municipal convidou a veciñanza a participar nun espectáculo de maxia, humor e ilusionismo a cargo do Mago da Boina e a súa pequena axudante Nami.

Con eles chegou a Brión “A maxia dos libros”, unha representación única onde dan vida a diversos fragmentos dos libros de “Crónicas do Mago Errante”. Esta experiencia, tanto para adultos como para nenos, que fusionou maxia e humor cos beneficios da lectura.

A función, que se celebrou na Sala Municipal de Exposicións o xoves 24 de abril, comezou ás 18:00 h. e estendeuse unha hora. Dirixida a público familiar (especialmente pensada para crianzas a partir dos 7 anos), reuniu a case 30 persoas entre nenas/os e adultos acompañantes.

Os xogos de ilusionismo relacionados cos libros e a lectura, un desenvolvemento lixeiro con toques de humor e unha lograda ambientación con xogos de luces e sons, crearon un serán dinámico e entretido.

A actividade, organizada pola biblioteca municipal, contou co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.
 


 

0 comentarios :

Publicar un comentario