HORARIO DE VERÁN: AGOSTO
Dende o 27 de xullo ata o 31 de agosto
a biblioteca municipal permanecerá pechada.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

Amosando publicacións coa etiqueta maxia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta maxia. Amosar todas as publicacións

xoves, 24 de abril de 2025

A Maxia dos libros inunda Brión

Para conmemorar o 23 de abril, Día do Libro, a biblioteca municipal convidou a veciñanza a participar nun espectáculo de maxia, humor e ilusionismo a cargo do Mago da Boina e a súa pequena axudante Nami.

Con eles chegou a Brión “A maxia dos libros”, unha representación única onde dan vida a diversos fragmentos dos libros de “Crónicas do Mago Errante”. Esta experiencia, tanto para adultos como para nenos, que fusionou maxia e humor cos beneficios da lectura.

A función, que se celebrou na Sala Municipal de Exposicións o xoves 24 de abril, comezou ás 18:00 h. e estendeuse unha hora. Dirixida a público familiar (especialmente pensada para crianzas a partir dos 7 anos), reuniu a case 30 persoas entre nenas/os e adultos acompañantes.

Os xogos de ilusionismo relacionados cos libros e a lectura, un desenvolvemento lixeiro con toques de humor e unha lograda ambientación con xogos de luces e sons, crearon un serán dinámico e entretido.

A actividade, organizada pola biblioteca municipal, contou co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.
 


 

venres, 3 de xuño de 2022

Ian & Elisa presentan en Brión o seu espectáculo "Historias fabulosas"

As usuarias e os usuarios da biblioteca municipal gozaron o venres 3 de maio dunha entretida tarde de maxia da man de Ian & Elisa, dous magos que presentaron en Brión un entretido espectáculo que fusionou maxia e sombras chinesas usando contos e fábulas como fío condutor.

Co título de “Historias fabulosas: dous magos e outras cousas maxia”os ilusionistas reuniron neste espectáculo máis de corenta persoas, principalmente crianzas, que durante 50 min. gozaron cuns números de maxia deste excepcional dúo.

A actividade, organizada pola biblioteca municipal de Brión, contou co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.
 
 


 

luns, 16 de maio de 2022

Historias fabulosas: maxia e sombras chinesas con Ian & Elisa en Brión

O venres 3 de xuño os ilusionistas Ian & Elisa visitarán Brión para cativar coa súa maxia e simpatía a crianzas e público adulto. Ás 18:00 h, na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) presentarán o seu espectáculo “Historias fabulosas: dous magos e outras cousas maxia”, un entretido serán que reúne maxia e sombras chinesas usando contos e fábulas como fío condutor facendo que grandes e pequenos gocen dun fermoso e entretido espectáculo onde se fomenta o hábito da lectura como método para facer voar a imaxinación.

O espectáculo, dunha duración aproximada de 50 min., está especialmente dirixido a público de entre 4 e 12 anos de idade, aínda que os adultos que asistan divertíranse coma crianzas. O acceso será libre ata completar o aforo. Reserva de butacas para o espectáculo a través deste formulario.

O espectáculo conta co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.

 


 

venres, 11 de outubro de 2019

As historias con maxia de Javier Muro na biblioteca de Brión

A Sala Municipal de Exposicións acolleu este venres, 11 de outubro, unha nova actividade de animación organizada pola biblioteca municipal de Brión. Dentro do outono cultural, e como anticipo da celebración do 24 de outubro, Día das Bibliotecas, o artista Javier Muro presentou “O neno que quería ser mago”, un espectáculo de narración oral que mesturou maxia e fantasía para divertir e espertar nas crianzas o interese polo libro e a lectura.

O serán de animación comezou, como ven sendo costume nas actividades da biblioteca, ás 18:00 h., prolongándose aproximadamente durante unha hora. Dirixido especialmente a nenas e nenos maiores de 5 anos, e con entrada libre ata completar o aforo da sala, o espectáculo contacontos tivo un gran poder de convocatoria, cunha asistencia que superou amplamente o cento de persoas, entre crianzas e acompañantes adultos.

Todo un éxito de participación para unha actividade que contou co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.



sábado, 5 de outubro de 2019

"O neno que quería ser mago" con Javier Muro

Co gallo do Outono Cultural a biblioteca municipal vai organizar o venres 11 de outubro un serán de animación a cargo de Javier Muro que presentará en Brión o espectáculo “O neno que quería ser mago”.

Trátase dun contacontos que narra, a través do teatro e a maxia, como un neno quere converterse en mago despois de ver un espectáculo de circo. Fantasía e maxia mestúranse para facer gozar ás crianzas dun intre moi agradable, transmitindo emocións que fai que os nenos o vivan como reais.

O serán comezará ás 18:00 h. e prolongarase durante aproximadamente 50 min. Está dirixido a nenas e nenos de 5 a 12 anos de idade, con entrada libre ata completar o aforo da Sala Municipal de Exposicións.

Esta actividade conta co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.

martes, 17 de setembro de 2019

Somos iguais na maxia, un espectáculo pola igualdade

No mes de outubro a B.P.M. de Brión propón ás súas usuarias e aos seus usuarios máis pequenas e pequenos unha serie de actividades de animación para, entre todas e todos, celebrar a igualdade e concienciarnos da importancia de loitar contra a violencia de xénero. Uns seráns que contan co patrocinio do programa Ler conta moito-Igualdade e violencia de xénero, da Rede de Bibliotecas de Galicia.

O primeiro dos espectáculos programados vai celebrarse o venres 4 de outubro ás 18:00 h. A Sala Municipal de Exposicións acollerá ao dúo artístico Ian & Elisa que presentarán en Brión un serán de animación para, a través da maxia, transmitir os valores e a importancia da igualdade e a loita contra a violencia de xénero. Dun xeito ameno e metafórico, as crianzas entenderán a necesidade de cambio rompendo coa sociedade patriarcal.

Cunha duración de aproximadamente cincuenta minutos e baixo a denominación de "Somos iguais na maxia", o espectáculo está dirixido a nenas e nenos, rapazas e rapaces de catro a dezaseis anos de idade. A entrada será de balde ata completar o aforo.

luns, 22 de maio de 2017

O mago Martín Camiña trae a maxia de Carlos Casares a Brión

O espazo polivalente do Centro Social de Brión acolleu o luns 22 de maio unha función de maxia a cargo do ilusionista Martín Camiña. Co título de "A maxia de Carlos Casares" o coñecido artista presentou un espectáculo máxico e literario, cargado de ilusións sustentadas na narrativa, ensaio e as sorpresas da vida e a obra de Carlos Casares.
Nesta ocasión, o auditorio estivo conformado por alumnado de 1º Ciclo de Primaria do CEIP de Pedrouzos. Máis de 150 nenos e nenas divertíronse durante 60 min. cos xogos e ilusións que Martín Camiña teceu mesturando a súa maxia co encantamento das palabras de Carlos Casares.