martes, 12 de xullo de 2016

Pasamento do escritor Agustín Fernández Paz

O escritor Agustín Fernández Paz finou aos 69 anos de idade esta pasada madrugada. Mestre de profesión, exerceu o seu oficio durante máis de 30 anos en centros de educación primaria e secundaria. Paralelamente, converteuse nun prolífico e recoñecido autor especializado en literatura infantil e xuvenil, non só en Galicia, tamén a nivel nacional e internacional.
Con máis de cincuenta títulos nados da súa pluma, Agustín recibiu numerosos recoñecementos e galardóns. Foi premio Lazarillo, Edebé Xuvenil, Barco de Vapor, Merlín, protagonista Jove, Edebé Infantil, Rañolas, Raíña Lupa, Martiño Sarmiento, Xosé Neira Vilas ou o premio Trasalba.
Como mestre e pedagogo, Agustín redactou numerosos traballos sobre a normalización lingüística no ensino, a didáctica da lingua, a promoción da lectura, a literatura infantil ou a introdución dos medios de comunicación nas aulas.
Unha obra que permanece, un autor que perdurará na memoria de milleiros de lectores de todas as idades que nalgún momento se achegaron a algún dos numerosos e populares títulos que escribiu.
Dende a biblioteca municipal de Brión queremos lembrar máis que nunca o seu legado e a súa figura. Unha obra que enriqueceu como poucas as nosas letras; unha persoa honesta e un escritor xeneroso comprometido coa nosa lingua e a nosa cultura.

A nosa homenaxe a través dunha exposición - escolma bibliográfica de obras do autor.

 

0 comentarios :

Publicar un comentario