O club de lectura recibiu esta semana a un ilustre visitante. Trátase de Manuel Iglesias Turnes, autor da novela “As rapazas de Xan”, unha das lecturas con mellor acollida que realizamos o pasado ano no noso club. (ligazón coa entrada no blog)
Grazas ás xestións de María Tilve e Mariló, unha das integrantes do club, gozamos da presenza dun autor que con esta primeira incursión no xénero está a acadar gran recoñecemento por parte da crítica e os lectores.
“As rapazas de Xan” é unha historia coral que nos sitúa nos difíciles días da posguerra para falarnos de amor, traizón e relacións humanas nunha aldea galega en tempos de pobreza e emigración. Unha narración que cativa ao lector de comezo a fin a través personaxes e situacións dunha Galicia que xa só existe na memoria e que as páxinas desta novela perpetúan para o recordo.
Manuel falounos do proceso creativo da obra, a súa primeira incursión no mundo da narrativa. Unha novela inspirada en lembranzas da súa nenez nunha parroquia da veciña comarca da Barcala. Lugares concretos e recoñecibles pero totalmente extrapolables ao conxunto da Galicia rural dos anos cincuenta do pasado século.
O enriquecedor serán serviu para coñecer de preto ao autor, falar con el sobre diversos aspectos da obra e intercambiar de novo impresións sobre a lectura da novela. Un libro que dende a biblioteca recomendamos ler a todos os nosos usuarios.
A Manuel queremos transmitirlle o noso máis sincero agradecemento por acompañarnos nun inesquecible e agradable serán, malia a choiva e o mal tempo. Axiña esperamos contar con el novamente; de seguro, cando presente a súa segunda novela. Esperamos con ansia por ela.
0 comentarios :
Publicar un comentario