xoves, 13 de marzo de 2014

Herman Koch: "La cena" = "A cea", próxima lectura do club

Outra reunión do Club: atrás deixamos as “Grandes esperanzas” do inesquecible Charles Dickens. Por diante, espéranos un novo libro para ler e comentar nas vindeiras semanas. Nesta ocasión facemos un salto no espazo e no tempo dende a Inglaterra da época vitoriana ata os Países Baixos e a Europa do S. XXI. Porque dende alí chéganos “La cena" = "A cea” de Herman Koch.

A obra:

Ata onde é capaz de chegar un pai para encubrir un fillo que comete un delito inxustificable? Debe prevalecer o instinto de protección paterna, ou a lealdade a unhas normas sociais que garanten a coherencia e a fortaleza do grupo? Estas e outras preguntas de igual calibre xorden como dardos durante a lectura de La cea, unha novela ácida e provocadora que apunta sen miramentos a toda unha clase social acomodada do Países Baixos e, por extensión, de toda Europa, instalada nunha inercia de autosatisfacción e compracencia, e indiferente cara ao devir da xeración que ten de sucedela. Dúas parellas citáronse a cear nun moderno e exclusivo restaurante de Ámsterdam. Mentres saborean o aperitivo e charlan con aparente despreocupación sobre a última película de moda e os seus plans para as vacacións, son conscientes de que, tarde ou cedo, deberán abordar o incerto e incitante asunto que os levou a reunirse: o futuro de Michel e Rick, os seus fillos de quince anos, que segundo algúns indicios podería estar envolvido nun caso de violencia grave.


O autor:

Herman Koch (Arnhem, 1953) é na actualidade un dos escritores máis destacados dos Países Baixos. Amplamente coñecido polos seus libros, as súas columnas xornalísticas e o seu traballo de actor en televisión, Koch debutou en 1985 coa colección de relatos “De voorbijganger”. O salto á fama chegou con "A cea", sorpresa editorial do ano 2009 en Holanda, escollido Libro do Ano e galardoado co Premio do Público. Koch aborda temas de complexa ambigüidade, converténdoo nun dos autores europeos máis provocadores e estimulantes do momento.


Data de reunión: mércores 2 de abril
Hora e lugar: Como sempre, ás 20:30 h. na BPM de Brión.

0 comentarios :

Publicar un comentario