xoves, 6 de febreiro de 2014

"Grandes esperanzas" de Charles Dickens, próxima lectura do club [editado]

Despois de ler “El invierno en Lisboa”, una novela do recoñecido escritor español Antonio Muñoz Molina, damos un salto espazo-temporal para viaxar ata a Inglaterra da segunda metade do S. XIX para encontrarnos coa obra do universal e inesquecible Charles Dickens. Concretamente cunha das consideradas como máis grandes e sofisticadas novelas asinadas por este famoso escritor, “Great Expectations” (traducida como “Grandes esperanzas”), obra publicada entre 1860 e 1861. Unha novela que imos ler e comentar no club de lectura ao longo de febreiro.



 O autor

Charles John Huffam Dickens naceu en Portsmouth, Inglaterra, o 7 de febreiro de 1812 e finou en Gads Hill Place o 9 de xuño de 1870. Mestre do xénero narrativo, a súa obra destacou pola aguda crítica social, combinada con doses de humor e ironía, acompañados dunha minuciosa descrición de xentes e lugares. A súa propia experiencia vital fixo que coñecera as duras condicións de vida das clases sociais máis humildes, algo que nunca esqueceu e sempre denunciou en moitas das súas obras. “Oliver Twist”, “Un conto de Nadal”, “David Copperfield”, “Historia de dúas cidades” ou “Grandes esperanzas” foron so algunhas das grandes creacións que o converteron nun dos autores máis destacados da súa época.

A obra

Narra a historia de Pip un orfo que describe a súa vida dende a nenez á madurez, tratando de converterse nun home de nobreza ao longo da súa vida. A historia podería considerarse coma unha semi-autobiografía do propio autor, algo que tamén sucede en outras das súas obras. A trama desta historia comeza na véspera do Nadal de 1812, cando o protagonista tan so ten sete anos, ata o inverno de 1840. Un relato que reflicte as complicadas relacións humanas, unha marabillosa novela de aprendizaxe cunha maxistral galería de personaxes que bosquexan un retrato de época ao tempo que reflexiona sobra as constantes da condición humana.
Para comentala reunirémonos o mércores 12 de marzo ás 20:30 h. na BPM de Brión.

0 comentarios :

Publicar un comentario